O xénero da música (por María García)

Levo estudando música dende os sete anos. Recordo coma se fora onte cando a miña profesora me puxo nas mans a miña primeira frauta. A ese momento precedérono semanas de indecisión, eu quería tocar o clarinete ao igual que todas as miñas amigas, pero o meu profesor tiña claro que eu estaba destinada a ser frautista. É curioso que en ningún momento se me pasar pola cabeza, nin a ninguén do meu arredor, a trompeta ou a tuba. Falamos habitualmente do machismo no deporte e noutros ámbitos pero, quen se acorda da música?

Dun xeito ou doutro temos máis que asumido que hai uns “instrumentos para homes” e outros “para mulleres”. Como frautista sei de primeira man que somos case todas mulleres, e os escasos homes que hai son tachados de homosexuais e afeminados. Pero isto mesmo pasa na gran maioría dos instrumentos; as mulleres tocamos o óboe, o violín, a arpa… Os homes o trombón, a trompa, a trompeta… O xénero feminino debe tocar instrumentos delicados e doces, mentres que o masculino os ruidosos e pesados.

Por outra banda, tamén resulta curioso que nos conservatorios e escolas de música a porcentaxe de homes e mulleres sexa paritaria ou a feminina incluso maior, pero que logo nas grandes bandas e orquestras os homes superen con creces ás mulleres. Na Orquestra Filharmónica de Viena, unha das máis prestixiosas que existen, non se admitiron mulleres ata o ano 1997. A primeira foi a arpista Anna Lekles, a cal levaba tocando ca orquestra coma “non-membro” máis de vinte anos.

E que hai da situación en Galicia? Actualmente nas bandas municipais non se aprecia maior diferenza, pero ao igual que antes, ao ascender a conxuntos musicais de maior nivel, a porcentaxe de mulleres diminúe notablemente. A Orquestra Sinfónica de Galicia conta tan só cun 25% de músicas, e en oito das catorce cordas non hai ningunha intérprete feminina. A frauta é a excepción, dúas dos tres músicos son mulleres.

Tristemente, isto reafirma a desigualdade no ámbito laboral que sufrimos as mulleres, incluso nun mundo coma o da música que sempre estivo moi asociado ó sexo feminino. O machismo reside ata nos lugares máis insospeitados, e na música está tan normalizado que nin o percibimos.

25N. O machismo mata

814 mulleres asasinadas desde 2003.  A violencia machista leva provocado en doce anos máis mortes que as causadas por ETA en toda a súa historia. Se se tratasen de vítimas dun atentado terrorista estaríamos en estado de guerra. Pola contra, o trato que reciben as vítimas da violencia machista é vexatorio. Fálase de que “oito de cada dez mulleres lograron deixar atrás o maltrato”, como se lograran, por exemplo, abandonar a droga; como se se tratara dun problema das vítimas e non dos seus asasinos; como se as institucións e os poderes públicos puidesen mirar para outro lado con 814 asasinatos enriba das súas mesas.

Resulta doado unha vez ao ano pendurar no pulso o lazo morado. Resulta doado invocar , unha vez ao ano, á loita contra a violencia machista. Resulta doado e moi politicamente correcto participar unha vez ao ano en calquera acto, concentración ou manifestación coa fin de erradicar a violencia machista. E o resto do ano? Onde vai esa loita os trescentos sesenta e catro días restantes?

 

A igualdade real entre homes e mulleres é o único camiño para erradicar o machismo. Esa igualdade comeza pola escola e remata no mundo laboral. Por que as mulleres seguen a cobrar un 24% menos que os homes realizando o mesmo traballo? Por que as empresas seguen a utilizar publicidade sexista para vender os seus produtos? Por que á hora de conciliar o home “axuda” pero non “comparte” as cargas familiares? Por que @s adolescentes confunden o amor coa posesión?

No IES Félix Muriel, o alumnado de 1ºde Bacharelato tratou de mostrar a súa disconformidade con esta lacra social mediante unha protesta pacífica a través da creación dun produto artístico que servise de homenaxe ás seis vítimas galegas deste ano 2015. Se ben, @s participantes non querían que o 25N fose un día só para lembrar as vítimas, senón para loitar por que non haxa vítimas.

25N. O machismo mata!

machismo

 

 

25N, nunca máis á casa azul! ( por Adrián Pérez)
Para a gran maioría,
o día
no que se reivindican os dereitos da muller
e se denuncia o abuso
e o uso
da forza para someter
á muller,
como se somete ao débil;
denúnciase tamén a pasividade dos gobernantes,
pero calan os verdadeiros culpables
os que abusan do seu poder,
eles son os que deberían sempre
perder,
cambiar
e comezar a pensar.
Poucos o farán,
se e que algún o fai,
encerrados no seu ego
que non lles permite ver
máis alá do seu bandullo,
nin sequer dos seus pés.
Os que veñen detrás
son os que nos deben preocupar,
el@s son e serán a sociedá.
Non debemos cargalos máis
coa nosa carga,
coa carga antediluviana,
coa carga da historia da humanidade,
a carga do home
que se escuda ante o mundo
impoñéndose coas mans,
a carga do home
que pon de xeonllos á muller
Nunca máis!
Porque a muller resucitou
e xa non quer
máis concordias de papel.

Non queremos velos gozar
coa dor allea, buscando calmar
a propia dor, Nunca máis!