A Literatura galega, unha literatura non normalizada (por Paula Cambeses)

A procura de información en internet e o debate realizado na aula fixéronme afianzar a miña postura acerca da non normalización da literatura galega. Pero, a que se debe este feito?

A literatura escrita na nosa lingua tivo a súa época de esplendor durante a Idade Media, na que gozou dun espectacular prestixio. Pero, diversas condicións adversas, levaron ao noso idioma á decadencia dos Séculos Escuros. As obras escritas en galego desapareceron case por completo e cando regresaron (no século XVIII-XIX) fixérono en forma dunha literatura comprometida e de resistencia que persistiu con esa temática durante moitos anos. Esta característica resalta a mencionada anormalidade. O desenvolvemento da literatura non foi favorable e como vemos, iso condicionou indubidablemente o seu futuro.

Deixando isto de lado, debemos ter en conta que o noso idioma aínda non adquiriu a tan desexada normalidade. Isto pódese observar na existencia de abundantes prexuízos ou na proliferación do denominado fenómeno de diglosia. Polo tanto, se o galego non está normalizado, como pode estalo a literatura?

Seguindo coa temática anterior, se regresamos aos prexuízos contra o noso idioma podemos pensar nas seguintes frases: “o galego é a lingua do rural” e “o galego é unha lingua para a poesía”. Deixando á marxe o paradoxo destes ridículos prexuízos, o certo é que afectaron claramente ao noso mundo literario. Se non, como poderiamos explicar que o xénero predominante e case único até os anos 80 sexa a poesía? Esa poesía máis achegada aos sentimentos e, polo tanto, menos condicionada comercialmente no mundo español das editoriais? A lírica é un xénero tan bo como os outros pero, este feito volve a resaltar de novo a mencionada realidade.

Se a todo o anterior lle unimos a existencia dun número escaso de lectores en galego, a situación non fai máis que empeorar. Isto non se debe tan só a que os castelanfalantes non queiran deixar o seu idioma no ámbito literario, se non, que a maioría dos galegos propios (que lle dan vida a súa lingua) afirman que prefiren e lles resulta máis doado ler en español. Sen ter en conta os libros da materia de galego e que son obrigatorios, só unha minoría (o 7% segundo as enquisas do IGE) está verdadeiramente comprometido coa causa e co seu idioma.

En conclusión, aínda que nos últimos anos a situación da literatura galega avanzou, a día de hoxe, podemos afirmar rotundamente que non se atopa nas condicións máis favorables. Con todo, esperemos que nun futuro próximo esta característica cambie radicalmente.