É a literatura galega unha literatura normalizada? (por Victoria Pereira)

A situación da literatura galega é claramente a dunha literatura non normalizada, a pesar dos intentos e medidas tomadas ao longo do século XX (antes da ditadura franquista e despois, coa chegada da democracia) por institucións e grupos diversos, como o Seminario de Estudos Galegos ou as Irmandades da Fala no seu momento, que tentaron enfrontarse ao retraso e desprazamento da nosa literatura tras séculos de desprezos e prexuízos promovendo políticas normalizadoras e logrando achegar novos temas e xéneros nunca tratados anteriormente por obras galegas.

Pero isto, como digo, non foi suficiente e, case un século máis tarde, a situación da literatura galega segue a ser case a mesma, aínda que cun leve progreso. A causa principal desta circunstancia é, sen dúbida, o feito de que a lingua galega non estea tampouco normalizada: é imposible que unha literatura o estea se a lingua que emprega se atopa na situación do galego, unha situación de diglosia e minorización lingüística. Por tanto, non se logrará normalizar a literatura galega ata que a lingua sexa normalizada.

En canto ao prestixio da literatura fóra de España, si que podemos declarar que é grande, tendo en conta as cifras de traducións de libros galegos a outros idiomas, que sitúan á nosa lingua dentro das máis traducidas do mundo, a uns 37 idiomas diferentes, pero esta situación é moi diferente dentro do noso país. En Galicia, a literatura galega non ten ese mesmo prestixio e o número de vendas é moi inferior ao da literatura en castelán. Só con fixarnos en calquera libraría de Galicia, podemos percibir como a literatura galega ten menos presenza e menos recoñecemento e publicidade. Ademais, as xeracións novas, debido á substitución lingüística, e mesmo os galego-falantes, non disfrutan da literatura galega, ao serlles complicada e pesada a súa lectura en galego normativo. Isto débese, unha vez máis, á situación dunha lingua non normalizada.

En canto aos prexuízos acerca da literatura galega, estes seguen moi presentes na actualidade. Moitas persoas, e mesmo autores e membros do mundo literario, seguen a pensar que a lingua galega só é útil ou válida para tratar temas ou xéneros determinados, como a poesía.

Isto podemos observalo nun caso concreto: Lázaro Carreter, membro da RAE, preguntoulle ao autor galego Alfredo Conde, tras a concesión dun premio a unha das súas novelas, “cando ía pasarse ao castelán para facer del un escritor”, dando a entender que para poder ser un bo escritor e para crear literatura de calidade, debe empregarse o castelán e nunca o galego.

En conclusión, a literatura galega non está normalizada e son moitos os prexuízos e discriminacións que sofre. Para lograr esa normalización é preciso comezar por mellorar a situación lingüística, pois se non se logra que o galego sexa unha lingua normalizada, a situación da literatura nese idioma non mellorará xamais e non se alcanzará unha situación de normalización da literatura galega.

Save

É a literatura galega unha literatura normalizada? (por María García)

É sabido que a lírica galego-portuguesa foi hai séculos unha das máis prestixiosas de Europa; pero qué hai da posición da nosa literatura na actualidade? Está a literatura galega normalizada? Na miña opinión, non. Unha literatura non está normalizada se unha gran parte dos seus lectores proveñen de lecturas obrigatorias académicas.

A gran maioría dos galego-falantes len en castelán. Os seus libros favoritos están en castelán. En Galicia prefírese ler en castelán porque para os galego-falantes a lingua galega da literatura resulta artificiosa. Os nosos pais e avós foron á escola en español, aprenderon a ler nesa lingua e o galego literario resúltalles estraño. Estamos acostumados ao “noso galego”, lingua informal e familiar, non ao galego dos libros.

Algunhas das máis prestixiosas editoriais de libros para nenos son galegas, como Kalandraka. Posuímos abundante literatura infantil de calidade. Non obstante, existe un baleiro na literatura xuvenil que fai que os adolescentes cesen de ler en galego. Isto provoca que os lectores adultos diminúan progresivamente deixando de lado o noso idioma, como ben afirman as enquisas do IGE (Instituto Galego de Estatística), nas que se percibe a clara incomodidade que senten os galegos ao ler no seu idioma.

Pola contra, cada vez fórmase a máis lectores en galego, pois nas escolas ensínase na nosa lingua e lese nela. Se as novas xeracións comezan a ler no noso idioma, este será normalizado no ámbito literario. Deste xeito desaparecerán os prexuízos que desterran o galego da escrita e o colocan como lingua tan só para a oralidade.

En conclusión, a nosa literatura non está normalizada, porque a nosa lingua tampouco o está. Que se pode esperar da literatura dun idioma non normalizado? Hai que sustentar as bases da nosa lingua para logo preocuparse pola súa literatura.

 

É a literatura galega unha literatura unha literatura normalizada? (por Bernal Muíños)

É a literatura galega unha literatura unha literatura normalizada? Dende a literatura galego-portuguesa do século XII (as chamadas Cantigas de Amor, Amigo e Escarnio) ata as creacións literarias actuais, a nosa literatura pasou por momentos de esplendor e de decadencia. Hoxe en día, aínda que o abano de opcións para ler no noso idioma é moi amplo, a literatura galega non está normalizada.

De primeiras podemos pensar en todo o que lemos en galego durante a nosa infancia: Os Bolechas, os libros da editorial Kalandraka ou do escritor Anxo Fariña… A verdade é que a cantidade de exemplares na nosa lingua para os máis pequenos é enorme, e a esas idades a nosa literatura está completamente normalizada. A maioría dos nenos adoitan ler en galego. Pero todo ese traballo que se fai durante a infancia queda destruído durante a adolescencia.

Chega o momento en que non hai opcións que interesen aos adolescentes. Nin hai gran variedade de libros escritos de escritores galegos nin tampouco hai traducións dos grandes best-sellers para os moz@s. Nas librerías todos os títulos rompedores da actualidade só se atopan en castelán (ou en inglés ás veces). Para non desfacer todo o traballo realizado, os da miña idade deberíamos poder ler Os Xogos da Fame, Diverxente, Xogo de Tronos… e, a día de hoxe, non podemos. E isto provoca que as nosas lecturas en galego queden reducidas aos libros de Lingua e Literatura Galega que lemos no instituto.

Poderiamos destacar tamén o enorme número de publicacións en galego que saen ao día. Os datos afirman que, diariamente, publícanse entre tres e catro libros no noso idioma. Esa cantidade de libros é inxente, tendo en conta que o número de habitantes de Galiza está arredor dos 2.700.000. Pero, de que serven tantas opcións, se os propios galegos afirman que, se lles dan a escoller, prefiren ler en castelán? Isto queda reflectido nas enquisas do IGE: o 64% dos galegos desenvólvese mellor lendo en castelán. E isto é síntoma que evidencia a non normalización da nosa literatura.

Podemos atopar máis argumentos para defender que está normalizada, pero creo que ningún deles pode combater a triste realidade. A literatura galega é unha literatura non normalizada. Débese potenciar e poñer en valor, xa que non ten nada que envexar das composicións noutros idiomas e é parte da nosa cultura. Se nós mesmos non defendemos o que é noso, quen o vai facer?

É a Literatura Galega unha literatura normalizada? (por Alicia Fernández Insua)

A normalización da literatura galega é un proceso que a día de hoxe non foi levado a cabo como debería. A pesar de ter antaño os seus momentos de gloria, máis concretamente no século XX grazas á Xeración Nós , actualmente a literatura en Galicia, non ten unha situación de esplendor, posto que a inmensidade de prexuízos caro ó galego e diferenciación respecto a onde se fala e como se fala dita lingua provoca que a literatura galega non teña o seu recoñecemento como as literaturas doutras linguas. Polo tanto, a miña postura sería que a literatura galega non está normalizada, xa que como mencionei antes, esta vese no século XXI gravemente afectada por diversos factores.

En primeiro lugar, en pleno século XXI vemos que en Galicia reina a diglosia entre dúas linguas, o galego e o castelán, quedando o primeiro sometido ao que ten máis poder, e carecendo polo tanto de prestixio para desenvolverse en todos os ámbitos no territorio. Asimesmo, tamén existe unha importante marxinación lingüística, xa que a pesar de que en Galicia existan persoas que si defenden a súa lingua, o galego, e mesmo neofalantes, ese número queda moi pequeno se o comparo coas outras persoas que ao chegar aquí non se molestan en comprender nada que teña que ver coa lingua galega.

En segundo lugar, en 1981 aprobouse o Estatuto de autonomía de Galicia, recoñecendo que o galego é o idioma propio de Galicia, e oficial, xunto co castelán na comunidade, coa liberdade de que todos o poidan utilizar na escrita, así como na oralidade, á vez que éste responsabiliza os poderes públicos de normalización do galego en todos os ámbitos, incluíndo a literatura. Ben, hoxe esta lei parece que non se ten moi en conta, pois o galego está afrontando dificultosamente os prexuízos e o rexeitamento por parte de institucións, empresas, e sociedade en xeral, estando na propia Galicia, provocando que éste quede estancado en todos os niveis, mesmo na literatura galega, xa que cada vez o galego vese menos plasmado en grandes obras porque o castelán acapara todos os espazos, como ñe habitual nunha lingua hexemónica.

Tocante a este tema, gustaríame poñer un exemplo persoal respecto á normalización da literatura galega; Fai algúns anos atopábame coa miña prima de Padrón xogando unha tarde, cando me pide que lle narre un conto calquera. Comezo a contarlle e interrómpeme dicindo que non entende absolutamente nada. Ante isto, eu non tiven outra opción que contarllo en castelán. Entón, isto levoume a pensar que esta rapaza, xa desde que naceu, non oe nada en galego, nin na familia nin no colexio, vivindo en Padrón. Resulta verdadeiramente frustrante, posto que produce tristeza que, desde que nacen, os pais quítanlle aos fillos a lingua que lles pertence e viven toda a súa vida sen coñecela nin empregala.

Como conclusión, direi que a normalización da literatura galega de hoxe non existe case en Galicia, debido a que a mocidade e os pequen@s da actualidade xa comezan a ler os libros en castelán. Igualmente que eu confeso que desde curta idade os meus contos estaban todos escritos en castelán e sempre me preguntaba como é que non había ningún libro en galego, chegando á miña inocente conclusión de que o galego non existía na escrita, só na fala. Afirmando isto, observo que os moz@s desta xeración prefiren ler nas escolar por exemplo en castelán, onde os escritos en galego son lidos obrigatoriamente e de mala gana. Perdendo así o seu esplendor a literatura galega dende o ámbito educativo, e xa desde a mocidade. É, polo tanto, evidente que a literatura galega non está normalizada, pois a pesar de ser a literatura dada polo pobo galego, por ese mesmo pobo é pisoteada. Non hai que esquecer que se enfronta a unha literatura, que neste caso posúe un prestixio moi elevado e cuxa literatura é moito máis coñecida por todo o mundo. Así que, fagamos que primeiro exista unha normalización da propia lingua antes de falar da existencia da normalización da literatura galega.

 

Save