O centenario das Irmandades da Fala (por Aida Barros)

Comezamos un novo curso e, con el, as clases de Lingua e literatura galega. En canto a isto, non foi pouca a miña sorpresa cando descubrín que a materia nos daba a benvida dun xeito curioso: desvelando o final para logo volver e comezar no inicio, formando unha especie de percorrido cíclico. Así, na primeira clase, centrámonos no ano 1916, última etapa histórica que tocaremos este ano.

Nun principio sorprendeume o feito de elixir esa data para ser a presentación e incursión á Lingua e literatura galega de 1º de Bacharelato, pero tras ver o vídeo proxectado en clase, todo comezou a cadrar.

Nin máis nin menos, tratábase dun vídeo de Illa Bufarda sobre o centenario das Irmandades da Fala, fundadas no 1916. Nel, enumerábanse todos os logros acadados ata hoxe en día, toda a loita pola cultura, pola lingua galega, … todo isto tratado dun xeito ameno e fácil de comprender, cunha linguaxe coloquial, que xunto cas imaxes utilizadas, intentaban captar a atención de todos os públicos e xeracións posibles.

Vendo todo o que acontecera no 1916, puiden ver que, con razón ese ano fora elixido como tema para dar inicio á materia. Esa etapa histórica formaba parte do berce onde naceu e medrou o galego, como lingua, como cultura, como pobo, …

Desde comezos do século XX, en Galicia déranse numerosos cambios. A maioría da poboación galega traballaba no campo, o que favoreceu a aparición do movemento agrario (Agrarismo), o cal se complementou perfectamente cun florecente Rexionalismo galego, que daría pé, máis adiante, á creación do Nacionalismo.

O 1916 foi un ano clave, onde o nacionalismo galego se expandiu dun xeito impresionante. Nese tempo, unha publicación de Vilar Ponte causou un gran impacto e, o seu éxito, levou á organización dunha asemblea na Coruña, da que xurdiu a Irmandade dos amigos da fala. Esta agrupaba a importantes persoeiros galegos, tales como Antón Vilar Ponte, o seu irmán Ramón, e Castelao entre outros. Posteriormente apareceron as Irmandades Femininas da Fala. Desgraciadamente, a forte ideoloxía machista da época reducía a colaboración das mulleres ao bordado das bandeiras ou a recadación de diñeiro.

As Irmandades expandíronse axiña por toda a terra galega, reivindicando a Galicia como nación. Tiñan unha postura política clara e firme. Quizais, entre todas as súas medidas, destaque a petición da autonomía integral para Galicia. De non ser por isto, posiblemente hoxe en día o galego non sería una lingua cooficial en España.

Desde o punto de vista da materia de Lingua e literatura galega, quizais o máis importante, foi o gran potenciamento do galego. Todos eles defendían o uso do galego en todos os ámbitos: ensino, xustiza, prensa, actos públicos, nas ciencias… Dicían que o galego é a lingua de todos, para todo, … é a lingua do pobo.

Ademais, as Irmandades fundaron editoriais, traduciron obras de literatura universal e impulsaron o teatro. Non hai que esquecer que ademais, foron o seo no que se creou o grupo Nós e o Seminario de Estudos Galegos. Conseguíronse grandes logros, mais as Irmandades e o nacionalismo galego en si, pasaron por unha dura etapa durante os posteriores anos, chegando a disolverse a entidade. No lugar das Irmandades, foi fundado o partido nacionalista galego.

Hoxe en día, se miramos cara atrás, vemos a gran contribución que todo isto supuxo. As Irmandades e o nacionalismo foron os primeiros en falar de soberanía, autodeterminación e liberdade para Galicia. Vemos que avanzamos considerablemente na historia, mellorando pouco a pouco e con moito esforzo, mais, se miramos cara adiante, dámonos conta de que aínda temos moito que facer, espéranos un longo camiño que percorrer. “¿O galego ten futuro?” Iso depende de nós.

Por iso é realmente importante o seguir avanzando, expandindo o galego en tódolos ámbitos posibles. Debemos seguir traballando duro para non botar a perder todo aquilo polo que Vilar Ponte, Vicente Risco, Castelao, Carmen Sierra e moitos máis loitaron e todo o que conseguiron, superando un obstáculo tras outro.

Así, como ben din no vídeo conmemorativo do centenario das Irmandades da Fala, debemos estar orgullosos de ser diferentes, de ter a nosa lingua, de ter unha cultura propia, de ser nós mesmos, … Debemos estar orgullosos de ser galegos.

Cen anos de Irmandades da Fala (por Bernal Muíños)

 

Este ano 2016 cumpriuse o centenario da creación das Irmandades da Fala, unha organización nacionalista galega que buscaba a soberanía para Galiza. Con motivo deste aniversario, a iniciativa iFala, coa axuda de Illa Bufarda, fixo un vídeo no que repasa brevemente a historia das Irmandades da Fala.

O documental comeza falando do momento no cal se expandiu o nacionalismo galego. A comezos do s.XX, a emigración estaba en auxe e a fidalguía chegaba ao seu fin. Aparece en escena unha industria conserveira naval, da cal nacía unha burguesía foránea, xa que a maior parte dos galegos traballaba no campo. Isto fixo que surxira a corrente do Agrarismo (unhas organizacións agrícolas que buscaban unha mellora nas condicións dos campesiños), que estaba ligada a outra corrente propia da época: o Rexionalismo (o antepasado do nacionalismo). É neste contexto no que aparecen as Irmandades da Fala.

O vídeo segue falando da historia das Irmandades da Fala, remarcando os momentos máis importantes da organización. En 1916, Antón Vilar Pontes escribe “Nacionalismo Gallego. Nuestra afirmación regional”, un folleto en defensa e apoiando o fomento da lingua galega. O escrito tivo moito éxito, e Antón e o seu irmán Ramón convocan unha asemblea na que se crean as Irmandades dos Amigos da Fala, entre os que estaban Vicente Risco, Otero Pedrayo ou Castelao. As Irmandades esténdese por toda Galiza, e na primeira asemblea nacionalista comézase a falar de obxectivos como a autonomía integral para Galiza, a igualdade de dereitos para a muller (casada), a autonomía municipal, reformas socioeconómicas para superar o atraso do país, dignificar aos mariñeiros e aos campesiños e din non aos caciques e á monarquía. Búscase potenciar o galego no ensino, na xustiza, na prensa, no ámbito científico, nos actos públicos… Tamén fundan editoriais, publican e traducen en galego. En 1922, as Irmandades rómpense en dúas correntes: o nacionalismo político (liderado por Lois Peñanovo) e o apolítico (con Vicente Risco á cabeza). Un ano máis tarde, Primo de Rivera dá un golpe de Estado, converténdose en ditador do Estado español; pero, pese aos seus intentos, non dá derrubado as Irmandades. Cando cae a ditadura, en 1930, disólvense as Irmandades da Fala e fórmase o Partido Galeguista, que reclama o dereito de autodeterminación e empeza a redactar o Estatuto de Autonomía. Pero, co golpe de Estado do xeneral Franco, o 18 de xullo de 1936, chegan case corenta anos de represión e medo, que frearon esa corrente nacionalista.

Grazas ás Irmandades da Fala aparecen as ideas de soberanía e autodeterminación e comezouse a defender, fomentar e dignificar o uso do galego para que estivera presente en todos os aspectos da nosa vida cotiá. Na actualidade, pese aos continuos ataques á nosa lingua e cultura, hai xente que segue traballando para que Galiza sexa soberana e en galego, recollendo o testemuño das Irmandades da Fala.

Save

Save