É a literatura galega unha literatura normalizada? (por Victoria Pereira)

A situación da literatura galega é claramente a dunha literatura non normalizada, a pesar dos intentos e medidas tomadas ao longo do século XX (antes da ditadura franquista e despois, coa chegada da democracia) por institucións e grupos diversos, como o Seminario de Estudos Galegos ou as Irmandades da Fala no seu momento, que tentaron enfrontarse ao retraso e desprazamento da nosa literatura tras séculos de desprezos e prexuízos promovendo políticas normalizadoras e logrando achegar novos temas e xéneros nunca tratados anteriormente por obras galegas.

Pero isto, como digo, non foi suficiente e, case un século máis tarde, a situación da literatura galega segue a ser case a mesma, aínda que cun leve progreso. A causa principal desta circunstancia é, sen dúbida, o feito de que a lingua galega non estea tampouco normalizada: é imposible que unha literatura o estea se a lingua que emprega se atopa na situación do galego, unha situación de diglosia e minorización lingüística. Por tanto, non se logrará normalizar a literatura galega ata que a lingua sexa normalizada.

En canto ao prestixio da literatura fóra de España, si que podemos declarar que é grande, tendo en conta as cifras de traducións de libros galegos a outros idiomas, que sitúan á nosa lingua dentro das máis traducidas do mundo, a uns 37 idiomas diferentes, pero esta situación é moi diferente dentro do noso país. En Galicia, a literatura galega non ten ese mesmo prestixio e o número de vendas é moi inferior ao da literatura en castelán. Só con fixarnos en calquera libraría de Galicia, podemos percibir como a literatura galega ten menos presenza e menos recoñecemento e publicidade. Ademais, as xeracións novas, debido á substitución lingüística, e mesmo os galego-falantes, non disfrutan da literatura galega, ao serlles complicada e pesada a súa lectura en galego normativo. Isto débese, unha vez máis, á situación dunha lingua non normalizada.

En canto aos prexuízos acerca da literatura galega, estes seguen moi presentes na actualidade. Moitas persoas, e mesmo autores e membros do mundo literario, seguen a pensar que a lingua galega só é útil ou válida para tratar temas ou xéneros determinados, como a poesía.

Isto podemos observalo nun caso concreto: Lázaro Carreter, membro da RAE, preguntoulle ao autor galego Alfredo Conde, tras a concesión dun premio a unha das súas novelas, “cando ía pasarse ao castelán para facer del un escritor”, dando a entender que para poder ser un bo escritor e para crear literatura de calidade, debe empregarse o castelán e nunca o galego.

En conclusión, a literatura galega non está normalizada e son moitos os prexuízos e discriminacións que sofre. Para lograr esa normalización é preciso comezar por mellorar a situación lingüística, pois se non se logra que o galego sexa unha lingua normalizada, a situación da literatura nese idioma non mellorará xamais e non se alcanzará unha situación de normalización da literatura galega.

Save

É a literatura galega unha literatura normalizada? (por María García)

É sabido que a lírica galego-portuguesa foi hai séculos unha das máis prestixiosas de Europa; pero qué hai da posición da nosa literatura na actualidade? Está a literatura galega normalizada? Na miña opinión, non. Unha literatura non está normalizada se unha gran parte dos seus lectores proveñen de lecturas obrigatorias académicas.

A gran maioría dos galego-falantes len en castelán. Os seus libros favoritos están en castelán. En Galicia prefírese ler en castelán porque para os galego-falantes a lingua galega da literatura resulta artificiosa. Os nosos pais e avós foron á escola en español, aprenderon a ler nesa lingua e o galego literario resúltalles estraño. Estamos acostumados ao “noso galego”, lingua informal e familiar, non ao galego dos libros.

Algunhas das máis prestixiosas editoriais de libros para nenos son galegas, como Kalandraka. Posuímos abundante literatura infantil de calidade. Non obstante, existe un baleiro na literatura xuvenil que fai que os adolescentes cesen de ler en galego. Isto provoca que os lectores adultos diminúan progresivamente deixando de lado o noso idioma, como ben afirman as enquisas do IGE (Instituto Galego de Estatística), nas que se percibe a clara incomodidade que senten os galegos ao ler no seu idioma.

Pola contra, cada vez fórmase a máis lectores en galego, pois nas escolas ensínase na nosa lingua e lese nela. Se as novas xeracións comezan a ler no noso idioma, este será normalizado no ámbito literario. Deste xeito desaparecerán os prexuízos que desterran o galego da escrita e o colocan como lingua tan só para a oralidade.

En conclusión, a nosa literatura non está normalizada, porque a nosa lingua tampouco o está. Que se pode esperar da literatura dun idioma non normalizado? Hai que sustentar as bases da nosa lingua para logo preocuparse pola súa literatura.

 

É a literatura galega unha literatura unha literatura normalizada? (por Bernal Muíños)

É a literatura galega unha literatura unha literatura normalizada? Dende a literatura galego-portuguesa do século XII (as chamadas Cantigas de Amor, Amigo e Escarnio) ata as creacións literarias actuais, a nosa literatura pasou por momentos de esplendor e de decadencia. Hoxe en día, aínda que o abano de opcións para ler no noso idioma é moi amplo, a literatura galega non está normalizada.

De primeiras podemos pensar en todo o que lemos en galego durante a nosa infancia: Os Bolechas, os libros da editorial Kalandraka ou do escritor Anxo Fariña… A verdade é que a cantidade de exemplares na nosa lingua para os máis pequenos é enorme, e a esas idades a nosa literatura está completamente normalizada. A maioría dos nenos adoitan ler en galego. Pero todo ese traballo que se fai durante a infancia queda destruído durante a adolescencia.

Chega o momento en que non hai opcións que interesen aos adolescentes. Nin hai gran variedade de libros escritos de escritores galegos nin tampouco hai traducións dos grandes best-sellers para os moz@s. Nas librerías todos os títulos rompedores da actualidade só se atopan en castelán (ou en inglés ás veces). Para non desfacer todo o traballo realizado, os da miña idade deberíamos poder ler Os Xogos da Fame, Diverxente, Xogo de Tronos… e, a día de hoxe, non podemos. E isto provoca que as nosas lecturas en galego queden reducidas aos libros de Lingua e Literatura Galega que lemos no instituto.

Poderiamos destacar tamén o enorme número de publicacións en galego que saen ao día. Os datos afirman que, diariamente, publícanse entre tres e catro libros no noso idioma. Esa cantidade de libros é inxente, tendo en conta que o número de habitantes de Galiza está arredor dos 2.700.000. Pero, de que serven tantas opcións, se os propios galegos afirman que, se lles dan a escoller, prefiren ler en castelán? Isto queda reflectido nas enquisas do IGE: o 64% dos galegos desenvólvese mellor lendo en castelán. E isto é síntoma que evidencia a non normalización da nosa literatura.

Podemos atopar máis argumentos para defender que está normalizada, pero creo que ningún deles pode combater a triste realidade. A literatura galega é unha literatura non normalizada. Débese potenciar e poñer en valor, xa que non ten nada que envexar das composicións noutros idiomas e é parte da nosa cultura. Se nós mesmos non defendemos o que é noso, quen o vai facer?

É a Literatura Galega unha literatura normalizada? (por Alicia Fernández Insua)

A normalización da literatura galega é un proceso que a día de hoxe non foi levado a cabo como debería. A pesar de ter antaño os seus momentos de gloria, máis concretamente no século XX grazas á Xeración Nós , actualmente a literatura en Galicia, non ten unha situación de esplendor, posto que a inmensidade de prexuízos caro ó galego e diferenciación respecto a onde se fala e como se fala dita lingua provoca que a literatura galega non teña o seu recoñecemento como as literaturas doutras linguas. Polo tanto, a miña postura sería que a literatura galega non está normalizada, xa que como mencionei antes, esta vese no século XXI gravemente afectada por diversos factores.

En primeiro lugar, en pleno século XXI vemos que en Galicia reina a diglosia entre dúas linguas, o galego e o castelán, quedando o primeiro sometido ao que ten máis poder, e carecendo polo tanto de prestixio para desenvolverse en todos os ámbitos no territorio. Asimesmo, tamén existe unha importante marxinación lingüística, xa que a pesar de que en Galicia existan persoas que si defenden a súa lingua, o galego, e mesmo neofalantes, ese número queda moi pequeno se o comparo coas outras persoas que ao chegar aquí non se molestan en comprender nada que teña que ver coa lingua galega.

En segundo lugar, en 1981 aprobouse o Estatuto de autonomía de Galicia, recoñecendo que o galego é o idioma propio de Galicia, e oficial, xunto co castelán na comunidade, coa liberdade de que todos o poidan utilizar na escrita, así como na oralidade, á vez que éste responsabiliza os poderes públicos de normalización do galego en todos os ámbitos, incluíndo a literatura. Ben, hoxe esta lei parece que non se ten moi en conta, pois o galego está afrontando dificultosamente os prexuízos e o rexeitamento por parte de institucións, empresas, e sociedade en xeral, estando na propia Galicia, provocando que éste quede estancado en todos os niveis, mesmo na literatura galega, xa que cada vez o galego vese menos plasmado en grandes obras porque o castelán acapara todos os espazos, como ñe habitual nunha lingua hexemónica.

Tocante a este tema, gustaríame poñer un exemplo persoal respecto á normalización da literatura galega; Fai algúns anos atopábame coa miña prima de Padrón xogando unha tarde, cando me pide que lle narre un conto calquera. Comezo a contarlle e interrómpeme dicindo que non entende absolutamente nada. Ante isto, eu non tiven outra opción que contarllo en castelán. Entón, isto levoume a pensar que esta rapaza, xa desde que naceu, non oe nada en galego, nin na familia nin no colexio, vivindo en Padrón. Resulta verdadeiramente frustrante, posto que produce tristeza que, desde que nacen, os pais quítanlle aos fillos a lingua que lles pertence e viven toda a súa vida sen coñecela nin empregala.

Como conclusión, direi que a normalización da literatura galega de hoxe non existe case en Galicia, debido a que a mocidade e os pequen@s da actualidade xa comezan a ler os libros en castelán. Igualmente que eu confeso que desde curta idade os meus contos estaban todos escritos en castelán e sempre me preguntaba como é que non había ningún libro en galego, chegando á miña inocente conclusión de que o galego non existía na escrita, só na fala. Afirmando isto, observo que os moz@s desta xeración prefiren ler nas escolar por exemplo en castelán, onde os escritos en galego son lidos obrigatoriamente e de mala gana. Perdendo así o seu esplendor a literatura galega dende o ámbito educativo, e xa desde a mocidade. É, polo tanto, evidente que a literatura galega non está normalizada, pois a pesar de ser a literatura dada polo pobo galego, por ese mesmo pobo é pisoteada. Non hai que esquecer que se enfronta a unha literatura, que neste caso posúe un prestixio moi elevado e cuxa literatura é moito máis coñecida por todo o mundo. Así que, fagamos que primeiro exista unha normalización da propia lingua antes de falar da existencia da normalización da literatura galega.

 

Save

Son mellores unhas linguas que outras? (por UXía Rial)

  Todas as linguas teñen a súa orixe e a súa particular evolución, todas e cada unha delas narran unha historia, é por elas  que conservamos e sabemos hoxe en día parte do noso pasado, fermosas fábulas e contos, que de non ser redactados non coñeceríamos nos tempos actuais debido á pérdida na transmisión oral. Grazas aos idiomas podemos contar as nosas anécdotas a un amigo, pedir axuda cando a necesitamos ou mesmo dar os bos días nunha temida mañá de luns.

Non podo entender á xente que despreza unha lingua, sexa cal sexa, sinceramente cóstame entender os motivos ou razoamentos que poden levar ao rexeitamento dalgún idioma. Cada un ten as súas palabras específicas, esas que non teñen outros, cada un acompaña as persoas dun determinado lugar no seu día a día e transmite as historias dos seus antepasados, por iso, eu pregúntome que fai a un idioma mellor que outro? A miña resposta é que esa pregunta non ten solución posible. Poñamos un exemplo, o francés, o castelán, o italiano, o galego, o catalán… Todas estas linguas proveñen do latín, teñen a mesma orixe. Agora sentemos a un grupo de expertos a razoar sobre cal é a mellor e sinceramente creo que lles daría a risa ante tal pregunta.

Non hai linguas mellores que outras, pero si algunhas que gozan de máis prestixio, non polo idioma en si, senón polo pobo á que pertence, pola fama que se lle atribúe.

Aprendemos inglés dende moi novos na escola, e mesmo antes de entrar nesta, ensínannos que é a lingua que precisamos na nosa vida porque é a que nos axudará a comunicarnos con xente doutros países, aquela que nos axudará a encontrar un traballo no futuro; pero por qué é o inglés e non calquera outra? Que o diferencia das demais linguas? Se fose por xente ca que comunicarnos sería o chinés, incluso o castelán; así que, sendo realistas, estudamos o inglés porque se lle atribúe un prestixio que outras linguas non adquiriron, pois é un idioma que ven dos Estados Unidos, cun forte peso económico e gran prestixio.

Centrándonos en España, podemos ver como o castelán ten un prestixio do que o catalán o galego ou o euskera non gozan. Vivindo en Galiza, vemos a situación de minorizacición, desigualdade, e diglosia que está sufrindo a nosa querida lingua; pero por que sucede isto? Eu considero que pola pouca apertura de mente da que gozan algúns e a ignorancia que posúen moitos outros, xa que o lóxico sería que vivisemos nun mundo no que calquera persoa se vise ilusionada por intentar aprender calquera idioma, porque se coñeces este, acércaste á cultura doutros pobos, e enriquéceste culturalmente.

Todas as linguas son importantes e mentres haxa xente que siga falándoas e queréndoas, gozarán de prestixio e seguirán vivas, conservo a esperanza de que algún  día estes artigos pertenzan a un lonxano pasado.

Galiza ou Galicia (por Carla Arca)

A cuestión que imos tratar neste artigo é ¿Galiza ou Galicia? As incertezas é dubidas que causa o emprego destes dous nomes para referirnos a unha mesma comunidade.
A palabra Galiza ou Galicia procede do nome “Gallaecia”, nome posto polos romanos fai máis de 2000 anos (o seu significado era “Terra dos Galaicos”). Neses miles de anos foi onde, co paso do tempo, se produciu o cambio de “Gallaecia” ata chamarche Galiza/Galicia.
O miolo da cuestión atópase aquí, en aquilo que puido pasar para que se producise esta evolución en dúas palabras diferentes. “Gallaecia” foi o termo inicial durante moitos séculos, que despois pasou por varios cambios como “Gallecia”, “Gallicia”, “Galicia” e por derradeiro, “Galiza”. Estas dúas últimas formas (Galiza e Galicia) son as que coexistiron (empregábanse os dous termos á vez nun mesmo territorio) a finais da Idade Media. De feito, hoxe en día, moita xente emprega o termo “Ghalisia” “Galisia”, entre outros.
A evolución HABITUAL en galego tería que haber tido orixe só co nome de “Galiza”. A razón é moi simple: No galego, ao igual que no portugués, as palabras tenden a evolucionar soa supresión do “i” final daquelas palabras que proveñen do latín (pola contra, no español e no italiano, ese “i” consérvase) Algúns exemplos poden ser a palabra xustiza, en castelán justicia e en latín iustitia; ou Galiza, en castelán Galicia e en latín Gallaecia.
Inda así, a maneira empregada máis habitual non é “Galiza”, pois o ESPAÑOL colleu o termo “Galicia” porque era máis NORMAL na súa lingua, pois mantiña o “i” final(máis arcaica e semellante o latín).
Algo que tivo unha forte influencia, foi o proceso de españolización que comezou a sufrir o galego despois do século XVI, o que levou a traducir moitas palabras e nomes ó español, a vez que se produxo unha substitución lingüística que levou ao galego a sufrir as carencias consecuencias actuais. Fóronse reemprazando palabras como “grazas” por “gracias”, “deus” por “dios”, “Galiza” por “Galicia”, entre outros. Polo tanto, a variación Galiza/Galicia non son máis que froito do enorme proceso de españolización que caeu sobre Galiza e que inda hoxe sofre.
Na actualidade, ambas formas son correctas e xenuinamente galegas. Tamén están as dúas aceptadas pola Real Academia Galega (RAG), o que lle ofrece ás dúas validez oficial.
O termo que eu escollo, é Galiza, non polo feito de decantarme por un dos dous, é o que prefiro empregar, o que vexo máis “correcto” e especial.
Correcto porque, como dixen anteriormente, dende un principio sería “Galiza” debido á perda evolutiva do “i” en moitas palabras galegas (do mesmo xeito que noutras linguas evolucionan doutra forma). Tamén porque o termo “Galicia”, penso que é máis empregado debido a que coincide coa forma en castelán (emprégao máis xente), e non é menos o proceso de españolización e substitución lingüística do galego polo castelán (a forma galega coincidiu coa forma do idioma de Castela), que segue vixente.
E especial porque o termo “Galiza” ten a terminación que é máis propia do galego. Á vez que me parece un acerto empregalo se ves preciso a recuperación da lingua.
Todo isto ten moito que ver co pensamento da xente, institucións públicas, etc. Debido ás ideas que teñan sobre o galego, os prexuízos… Isto xa sería outro tema, pero que nos leva ao (quizáis) máis importante: as persoas e o emprego da lingua que éstes lle queiran dar. En nós, nas nosas linguas está todo.
A influencia doutra lingua foi tan grande que chegou ata o nome, pero eu sigo mantendo a beleza da nosa lingua. Empregar “agochar” no canto de “esconder”, “erger”, no canto de “levantar”, “morriña”, “orballo”, “ruliña”
Todas as linguas teñen a súa beleza propia, pero o galego non é aquela lingua “prehistórica” como moita xente así a relaciona, por ter palabras “fermosas” que ninguén emprega, as que ninguén lles da uso, ou que só quedan ben para escribir unhas cantas frases que nos medren en aparenza. É moito máis, moitísimo máis.

Galiza ou Galicia? (por Sergio Otero)

Ésta é unha pregunta que moitos galegos se fan, e que case ninguén é capaz de responder, posto que as dúas son empregadas, aceptando así que os dous termos son igualmente correctos dentro da lingua galega. Por outra parte, por qué aparecerondous termos e non se usa só Galicia ouGaliza? Poisdespois de investigar en varias páxinas con información sobre o tema, cheguei a unha conclusión que creo que da resposta a estas cuestións.
Como moita xentepensa, “Galiza”soa moito máis galego e, de feito para min é un termo que se asemella máis a nosa lingua. “Galiza” e “Galicia” proveñen da evolución da palabra “Gallaecia”, posta polos romanos fai máis de dous mil anos, e que significaba “Terra dos Galaicos”. Co paso dese tempo, a palabra foi variando adaptándose á lingua da xente, un exemplo moi claro é a evolución da cidade “Caesar Augusta” que acabou chamándose “Zaragoza” (Zara-Goza) entre outros moitos casos.
Como xa se sabe, “Gallaecia” non pasou a denominarse “Galicia” e “Galiza” nun paso, senón que tivo moitas formas distintas como foron“Gallecia”, “Gallicia”, e un dato que me chamou a atención foi a desaparición da dobre l, pasando a “Galicia” e, finalmente, “Galiza”. E por qué “Galiza”?, pois porque coma o francés, o galego tende a evolucionar suprimindo o “i” final das palabras que proveñen do latín, ao contrario do español ou o italiano.
Algo que tamén chama a atención é que o termo máis arcaico e semellante ao latín, “Galicia”, emprégase máis ca“Galiza”, ao contrario do que pasou co portugués. Isto débese principalmente a que o castelán/español colleu “Galicia” porque é máis normal na súa lingua xa que mantén o “i” do latín.
Despois de saber isto, podemos concluír que “Galicia” e “Galiza” son ambas formas correctas e pertencen ao galego, aínda que unha se empregue máis porque coincide coa forma do idioma castelán e a outra teña unha terminación máis propia do noso idioma (-za).
Aínda que esa idea pareza a axeitada, as declaracións da Real Academia Galega o 29 de marzo do 2008, contestando unha petición por parte duns académicos, que solicitaban unha aclaración a esta pregunta que tanta xente se fai, podíase ler o seguinte: «Galicia e Galiza son formas históricas lexítimas galegas no sentido filolóxico. As dúas circularon na época medieval, pero só Galicia mantivo un uso ininterrompido ao longo da historia na lingua oral». Por este motivo, podemos pensar que as dúas formas son correctas pero que só “Galicia” ten a condición de oficialidade.
Na miña opinión os dous termos son igual de correctos e creo que ambos se van manter, aínda que “Galiza” estea minorizado con respecto a “Galicia”. Persoalmente, empregarei sempre que poida “Galiza” posto que é o termo que máis me gusta dos dous xa que se asemella máis á nosa lingua e paréceme máis próximo a nós.

Existiu ou non o Reino de Galiza? E se existiu, por que foi borrado da Historia de España? (por Antía Carou)

Despois de buscar información en internet puiden observar que a existencia do Reino de Galiza é un tema envolto nunha gran discusión, con persoas que apoiana súa existencia e persoas que non cren que existira. Pero logo de lelas e de ver as curtas sobre o reino de Galiza, cheguei a conclusión de que as razóns que mostran as persoas que opinan que si que houbo reino son máis lóxicas cas das persoas que opinan que non.
Poderíase dicir que o Reino de Galiza foi o primeiro reino de Europa Occidental, creado polos suevos no ano 410. Durante esta época reinaron Hemerico, Requila, Requiario… e cando abandonaron este territorio o Reino de Galiza reorganizouse, desprazando a súa capital de Braga a León, e establecéndose como principal reino da Península Ibérica.
Nesta época, comezos da Idade Media, o Reino de Galiza era o territorio máis rico cultural e lingüisticamente. A lingua galega era utilizada por todos os habitantes de Galiza e non había unha situación diglósica, coma agora, senón que a lingua e literatura galega tiñan un gran prestixio en toda a Península. Como mostra disto están as cantigas, que se escribían en galego e que tiveron unha gran importancia cultural.
Que fora un territorio con tanta cultura debeuse en parte ao Camiño de Santiago, xa que grazas a el entraron en Galiza outras civilizacións que axudaron a convertela nun dos lugares con máis interese cultural da época. Ao chegar a Santiago as persoas encontrábanse ca catedral, un dos edificios relixiosos máis impoñentes da Europa Occidental.
Con todo isto demóstrase que que o Reino de Galiza tivo moita importancia no transcurso da Idade Media, entón porque non aparece nos libros de historia nin nos mapas da Península? Cal é o motivo da desaparición?
O Reino de Galiza deixou de existir na Idade Media, cando María Cristina o eliminou para poder facerse co control de toda a Península. Esta medida, da que aínda quedan restos nos nosos días, pretendía que todo o territorio falara castelán e que a única cultura utilizada fora a cristiá, polo que non había cabida para outras culturas ou linguas. Isto levou a que a maioría dos historiadores españois non incluirán o Reino de Galiza non seus estudos, maioritariamente por unha cuestión política e non histórica.
En conclusión, creo que a parte da proba irrefutable de que hai uns reis enterrados na catedral de Santiago hai tamén outras probas que demostran que o Reino de Galiza si que existiu, xa que un territorio tan grande culturalmente e lingüisticamente non puido estar anexionado a outro máis pequeno. Por outra banda tamén penso que esta grandeza cultural foi a que levou aos reis da Idade Media a querer eliminar o reino de Galiza, ao igual que fixeron con al-Ándalus, e non como fixeron cos demais reinos da Península. Con isto quero dicir que hai unha gran diferenza entre os demais reinos medievais e o Reino de Galiza, xa que os outros reinos foron anexionados á Coroa de Castela pero continuaron estando na historia, en cambio o Reino de Galiza ,aparte de desaparecer politicamente na Idade Media, desapareceu dos mapas e da historia medieval de España.

Existiu o Reino de Galiza? (por Aldara Muíños)

Logo de ver varios documentais e unha presentación sobre o reino de Galiza chegamos a preguntarnos se existiu de verdade este reino e de ser así, porque non aparece na historia española.

Para min é obvio que o Reino de Galiza existiu porque conservamos numerosos testemuñas históricas da autonomía e importancia do Reino de Galiza na Idade Media e tamén o prestixio da literatura en lingua galega en toda Europa fai ver que existiu de verdade durante a Idade Media.

A primeira proba que conservamos da existencia deste reino é do 411, ano no que se creou o Reino suevo de Galiza (do que formaba parte tamén León) sendo así o primeiro Reino cristián da Península Ibérica. Despois este reino pasaría a formar parte da monarquía visigoda pero non perdería a súa autonomía.
Destas datas conservamos un mapamundi do ano 946 onde se pode observar o nome de Gallaecia nunha das esquinas do mapa e separado o nome de España, indicando así que eran reinos separados e independentes. O mesmo atopamos noutro mapamundi (do Beato do Burgo de Osma) datado no ano 1086, co nome de Gallaecia ocupando todo noroeste da Península. Moitos mapas estranxeiros desta época inclúen o Reino de Galiza, porque fóra non se dubida da súa existencia.
Outra proba que temos da existencia do Reino de Galiza atopámola a comezos do século IX, cando o mesmo se enfronta a Navarra pola conquista dos territorios de Castela, o que verifica que Galiza foi un reino independente de Castela antes de que fose conquistado.

A parte das fontes históricas conservamos textos que poñen de manifesto a importancia do galego na Idade Media, sendo á vez lingua dos reis e lingua do pobo, xa que era unha lingua normalizada en todos os ámbitos que lle corresponden a unha lingua propia. Un exemplo disto pode ser como Afonso VI, rei de Galiza e León chora a morte do seu fillo en galego, a súa lingua. Tamén na literatura encontramos probas do gran prestixio co que contaba o galego, as cantigas trobadorescas de amor, de amigo, de escarnio, escribíanse en galego e era a lingua usada para estas composicións tamén fora do Reino de Galiza.
Máis probas de que existiu este Reino: os restos dos últimos reis galegos están enterrados no Panteón Real da catedral de Santiago de Compostela, por que teríamos un Panteón REAL se nunca existiu o Reino de Galiza? Ademais, ata 1833, Galiza tiña a consideración de reino, e foi nese ano cando María Cristina de Borbón eliminaba o título de Reino, dividía o territorio nas catro provincias que hai hoxe e Galiza pasaba a depender de Castela, despois de ser un reino. E non un reino calquera, se non un dos máis importantes da Península Ibérica durante catorce séculos.
Con tantos argumentos paréceme imposible que se poida pensar que o reino de Galiza non existiu, ou como din moitos que seguramente non investigaron na historia de Galiza, que é unha invención dos nacionalistas galegos. Para min o problema reside en que na historia española este reino foi esquecido porque foi asoballado polo afán de unidade dos reis de Castela. Soterrouse toda a historia do Reino de Galiza baixo unha represión da lingua e cultura galegas, negando a existencia deste reino independente e facendo burla dos seus habitantes na literatura do Século de Ouro castelán que , “curiosamente”, coincide cos Séculos Escuros da literatura galega. Ademais diso, por que nas clases de Historia falamos do reino nazarí de Granada, do Reino de Aragón, de Navarra… pero non mencionamos o Reino de Galiza en ningún momento. Isto a que se debe? Igual se debe a que España necesitou negar a existencia do Reino de Galicia para ser unha nación histórica, centralizada en Castela e para non admitir que non foi nin o único nin o primeiro reino da Península Ibérica.

Cientificamente, hai futuro para o galego? (por Lois Fungueiriño)

No debate sobre o futuro da lingua galega as opinións son dispares. As posicións van dende o realismo, ata o optimismo. Por exemplo:
-Xosé Ramón Gómez Besteiro : O futuro do galego, máis garantizado con Fraga que con Feijóo. (2014)
-Xesús Alonso Montero: Logrouse que a substitución do galego polo castelán sexa menor. (2013)

En 2005 os físicos Jorge Mira e Ángel Paredes diseñaron un modelo matemático que lle poñía data á fin do galego: en torno a 2100.

Porén uns anos despois (2011) o mesmo físico, Jorge Mira, esta vez coa axuda do matemático Juan J. Nieto e o físico Luis Seoane, recolleron os parámetros fundamentais para a supervivencia dunha lingua: as diferenzas entre as dúas linguas (galego e castelán) e o prestixio socioeconómico de cada unha. O resultado demostra que neste momento atopamonos no punto máximo do bilingüismo e, segundo o que se faga nos próximos anos, podemos condenar o galego ou facer estable no tempo o actual bilingüismo.

Este resultado deixa no aire unha pregunta moi clara: que se está facendo polo galego e que se vai facer por el nos próximos anos?
-A pesar de que o 40% de pais das cidades galegas escolleu o galego para a educación infantil dos seus fillos, menos do 5% das escolas ofrecen esta opción. (2012)
-Desaparece ‘Galicia Hoxe’, o único diario impreso en galego. (2011)

Á vista de publicacións como as anteriores, parece que o que se está a facer non é moito. De feito, as medidas e reformas presentadas para a defensa e conservación do galego foron fortemente criticadas polo Comité de Ministros do Consello de Europa resaltando: “a redución progresiva do ensino en galego en todos os niveis e da súa estrutura de apoio”. Destacan a escasa protección do galego en numerosos ámbitos, criticando a situación na que o decreto do plurilingüismo deixa a lingua no ensino. Mentres, aseguran que o catalán se beneficia dun “excelente apoio” por parte das autoridades locais.

Isto non quere decir que o galego non conte con apoio das autoridades locais ou da poboación galega, pero é un apoio ben estruturado, é suficiente?

Os esforzos para que o catalán sexa un idioma útil e vivo conta cunha vantaxe fundamental: a maior parte da poboación catalana entendeu que o futuro da súa lingua require non utilizar a lingua como bandeira ideolóxica ou partidaria.
Conservar o galego obriga a que a maioría de galegos, ben sexan, votantes o simpatizantes de PP, PSOE, BNG, IU,anarquistas, independentistas… asuman a necesidade de conservar a lingua sen que estea ligada a unha ideoloxía ou partido político.

Creo que só hai futuro para o galego se os galegos queremos. Atopámonos nun punto de inflexión no que todos os galegos, a partir de hoxe, decidiremos coa nosa actitude lingüística no día a día se hai ou non futuro para o galego.