CIENCIAS OU LETRAS? (por Paula Cambeses)

A lectura do texto sobre ecolingüística de Teresa Moure deixounos varias reflexións pendentes, entre as que se atopa a seguinte: na sociedade actual establécese unha clara diferenciación entre as letras e as ciencias. Dende cuarto da ESO obrígaselles aos estudantes a elixir entre estas dúas opcións. Pero, existe realmente esta división? Eu penso que non, explicarei a miña postura a continuación.

Antes de nada, cómpre citar cando se produce dita separación. Ata ben chegada a Ilustración, os considerados sabios eran aqueles que compaxinaban ambos coñecementos. Un exemplo claro é Leonardo da Vinci que destacou tanto na arte como na investigación e na ciencia. Co paso da tempo, estas ramas foron separándose cada vez máis ata alcanzar os nosos días, no que pertencer a un destes itinerarios é unha xustificación válida para poder ser ignorante nalgunhas materias. Por exemplo: as persoas de letras indican que non teñen que saber matemáticas e as de ciencias non prestan atención á gramática. Con todo, ambas materias son independentes e deberían relacionarse como o fixeron sempre no pasado, creando, desta forma, a interdisciplinariedade da que falaba Teresa Moure.

Esta necesidade de unión obsérvase facilmente no ámbito da historia, porque, habitualmente, precisa incluír factores científicos. Non sería posible entender o fin da Segunda Guerra Mundial sen ser consciente dos efectos da bomba atómica, nin explicar a Idade Moderna sen mencionar a Revolución Científica.

E é que como ben dixo o escritor Sánchez Ron é imposible falar de cultura sen falar de cultura científica. El mesmo afirma que Cervantes e Shakespeare deberían colocarse ao lado de Darwin e Galileo.

Saíndose do ámbito histórico, tamén no mundo da lingüística precísanse coñecementos científicos como afirma Teresa Moure. Ademais, do mesmo xeito, que as letras necesitan das ciencias, isto tamén ocorre ao revés: a bioloxía e a química están repletas de palabras latinas e as matemáticas empregan abundantemente o alfabeto grego para expresarse. Ademais, cando esta última materia apareceu, estaba unida á filosofía.

Con todo, esta cuestión vai máis alá como proban a existencia dun montón de relatos, contos, novelas, películas ou obras de teatro que falan de factores científicos (inventos, matemáticos, químicos…). Así vemos como ambos elementos se combinan facéndonos ignorar as súas diferenzas.

Reflexionando sobre todo o anterior, a división letras vs. ciencias paréceme inadmisible, unha persoa non é culta por saber moito do Quixote ou estudar física cuántica. O ideal é compaxinar ambos elementos porque basicamente a súa separación corresponde a unha nimiedade cuxo límite nin sequera está claro.

Fontes:

El periódico

Cuantos y cuerdas blog

Trafegando ronseis blog

El país

Existe realmente unha diferenza entre o estudo das ciencias e o das letras? (por Angela Hermida)

Dende tempos inmemoriais a sociedade establece unha clara diferenza entre ciencias e letras,considerándoas dous estudos completamente diferentes cando en realidade se trata das dúas caras dunha moeda.

Mesmo se teñen realizado experimentos e estudos sobre o tema, como o investigador xaponés Hikary Takeuchi que decidiu facer un estudo dos cerebros dos estudantes das dúas disciplinas e decretou que as persoas que estudan o campo das ciencias posuían maior materia gris, mentres que os estudantes de letras posuían máis materia branca.Este non é o primeiro estudo nin o primeiro investigador que intentan buscar diferenzas entre ambos campos,sen chegar a considerar que en realidade, cando falamos de ciencias e letras falamos do mesmo. A lingüaxe é imprescindible para as ciencias, e as ciencias son imprescindibles para o estudo da lingua.Así pois, falamos de campos que se complementan.

Sempre se fala de ciencias e letras como as constantes inimigas, buscando sempre que un dos “bandos” sexa considerado superior a o outro.Isto lévanos a crear etiquetas e prexuízos sobre ambas en vez de avanzar e ir máis aló.Se en vez de clasificar as ciencias e letras en bandos opostos nos parásemos a estudalo de forma obxectiva, veríamos que o importante non é o campo ó que pertenzan, senón o obxectivo que se busca en común, que é o coñecemento.

Unha boa parte da filoloxía e da lingüsítica é o puro análise da lingua comparando técnicas e evolución.De feito, as técnicas utilizadas na clasificación de linguas son precursoras das técnicas que Willi Henning incorporou na Bioloxía.

Así pois, pode que as letras e as ciencias sexan de ciencias e viceversa.

Pero isto non poderá ser considerado así ate que nos decatemos de que o importante non é que lado sexa mellor,senón o que aprendemos de ambas.

É O NOSO CEREBRO AO NACER UNHA “TÁBOA RASA”? (por Alicia Fernandez Insua)

A “táboa rasa” é un concepto que se usa para referirse á tese de que cada persoa nace coa mente vacía, sen nigunha característica innata de maneira que todos os coñecementos que posúe veñen dados da prpia experiencia e da aprendizaxe. Pero, nacemos coa mente en branco, ou hai algo máis que axuda a producir os pensamentos a través da linguaxe?.

Primeiramente, Gurdieff dicía que cada home chega ao mundo como unha folla en branco, e despois cada persoa e as circunstancias que ten fan que esa mesma folla estea chea de escritura, sendo esta a educación, a formación da moralidade, o coñecemento, etc. Asimesmo, non sei se é posible que o ser humano que tivo a capacidade desde o comezo dos séculos a evolucionar e afrontar a realidade tras os instintos, pero sen usar a linguaxe, leve consigo unhas ideas xa innatas.

Tocante a este tema, Xavier Guix di que a xenética de hoxe fálanos de memorias celulares familiares. Dise que vimos ao mundo non só como unha serie de programas evolutivos preparados para desenvolverse, senón tamén con sistemas de información celular que non teñen eses medos dos seus pais.

Asimesmo, basándome no empirismo, o momento en que nacemos non temos coñecementos previos e, coa experiencia durante a vida, ímolos adquirindo. Así, ao nacer o ser humano coñece tan só as cousas que veñen do exterior ou do interior e as súas sensacións como o frío ou a dor, ou a alegría e a tristura.

En conclusión, non podemos falar de intelixencia do ser humano, xusto no momento en que este nace, tendo segundos de vida, pois o seu primeiro obxectivo é chorar, logo comer, durmir, etc. Ata que unha serie de circunstancias, a través da experiencia, provocarán que esta persoa si poida adquirir coñecementos e tomar decisións de forma racional. Ben é certo que existen certas capacidades que xa levamos ao nacer, como feito de recoñecer emocións e caras; pero un bebé non ten ideas innatas, xa que para iso precisaría partir dunha lóxica, e contestar ao mundo, pois como ben dicía Aristóteles: “ Non hai nada do intelecto que non estivera antes nos sentidos”.

Existe realmente unha diferenciación entre o estudo das Ciencias e das Letras? (por Victoria Pereira)

No actual Sistema Educativo, prodúcese, chegado certo nivel na Secundaria, a obrigación de decidir que rama de estudos se vai cursar, separándose completamente ás Ciencias das Humanidades, coñecidas como Letras, e presentándose como disciplinas e materias completamente diferentes, que achegarán ao estudante a “saídas” ou carreiras futuras opostas e incompatibles, véndose obrigado o indivíduo a tomar unha decisión de forma moi temperá que o apartará totalmente das materias da rama oposta, de maneira que non lle é posible cursar Latín e Matemáticas, por exemplo, debendo decantarse por unha delas.

É, acaso, incompatible ter coñecemento de ambos campos? Porque un estudante non pode cultivar a súa educación naquelas materias que lle interesen pola simple razón de que o sistema as considera incompatibles? Acaso un científico de prestixio non pode desexar e non precisa dun maior coñecemento da lingua, unha mellor maneira de expresarse e un nivel básico de historia? E porqué un interesado no estudo da literatura debe esquecer completamente a bioloxía e as matemáticas se sente interese e atracción por elas? Por non falar, daquelas carreiras nas que é útil un coñecemento de materias de ambas ramas, sendo imposible que o alumno alcance esa dobre preparación, pois para un estudante de Dereito, será útil ter coñecementos de Latín, dada a importancia do Dereito Romano na xustiza actual e a gran presenza da lingua nese mundo, pero tamén precisa de certas nocións de Economía, asignaturas consideradas pertencentes a campos de estudo apartados.

Realmente, esta separación das ramas de Ciencias e de Letras é causada polos prexuízos estendidos nos últimos tempos, que incluso medran cos anos, que incapacitan a un estudante de Humanidades para interesarse polos coñecementos científicos, por ser considerado menos intelixente e adicado a disciplinas inútiles, sinxelas e que só cursa para conseguir un título de forma máis fácil e rápida, e que identifica a un compañeiro do itinerario tecnolóxico e científico como unha persoa máis seria, organizada e capaz, que estuda materias realmente útiles que o levarán a algunha parte, moito máis complexas.

Por suposto, este estereotipo é falso, pero moi estendido, de forma que acaba por condicionar as eleccións e intereses dos estudantes, ao non decantarse polas humanidades temendo que os identifiquen como malos estudantes ou non elixir as ciencias por pensar que lles será máis sinxelo acabar o Bacharelato polo itinerario contrario.

Ademais, trátase dunha separación relativamente recente, que procede do desenvolvemento industrial e tecnolóxico do último século que primou o avance das ciencias como medio para o avance da sociedade e a industria, pois os grandes intelectuais da Historia da humanidade, como poden ser Leonardo da Vinci ou Diderot, eran grandes escritores, cultos e con coñecemento de literatura, filosofía e historia, e fixeron, ao mesmo tempo, grandes descubrimentos no campo científico de igual maneira. No caso de terse interesado só por un destes campos, se só cultivaran o estudo científico ou literario, non terían chegado a ser personaxes tan brillantes na rama escollida, pois o coñecemento dunha non só non prexudica o nivel de achegamento á outra, senón que contribúe a ter unha maior cultura, unha maior cantidade de coñecementos que pode empregar ou precisar nas súas investigacións e unha maior capacidade en xeral. O feito de non abandonar nin as Letras nin as Ciencias, permitiulle a ambos intelectuais abarcar máis coñecemento e información, ser mellores, pois non é precisa a especialización nun marco concreto, abandonando os restantes, para ser unha gran personalidade do mesmo.

A separación de Letras e Ciencias é artificial por completo, pois non existe unha barreira real, clara e preestablecida que divida os estudos e materias, unha diferenza tan grande como para ter clara a separación, senón que somos nós, as persoas, obstinadas, as que desexamos marcalo todo e dividilo, etiquetar as materias completamente nun campo ou outro, cando realmente a idea dunha materia 100% científica ou 100% humanística non é real en case a totalidade dos casos. En resume, a barreira que separa e clasifica aos estudantes, materias e estudos, é completamente artificial e prexudicial, pois obriga ás persoas a renunciar a alcanzar nocións variadas de campos diversos, a escoller, e declara incompatibles materias que non o son, limitando e reducindo o coñecemento humano, poñendo muros e barreiras ao seu avance.

Save

O quecemento global (por Javier Otero)

Despois de moitos anos de estudo demostrouse que o quecemento global é producido pola emisión dos gases de efecto invernadoiro. Estes gases impiden que os raios do sol que entran na terra poidan saír. Isto provoca un aumento da temperatura na terra.

Tras de varias décadas estudando o quentamento global, os científicos estiman que dentro duns anos produciranse unha serie de cambios que terán consecuencias devastadoras para a vida humana.

Os científicos explícannos que o quentamento global prodúcese polas elevadas emisións de dióxido de nitróxeno á atmosfera. Estas elevadas emisións prodúcense pola queima de combustibles fósiles para a produción de electricidade. Tamén ven dado pola queima de gasolina nos coches e outros medios de transporte. Outra das causas, é a deforestación que se está producindo para a obtención de madeira e para a construción de vivendas. Deste xeito, a diminución do número de árbores tamén produce o aumento do quentamento global, xa que as árbores son capaces de absorber o dióxido de carbono e liberar osíxeno.

As consecuencias inmediatas do quentamento global son o aumento da temperatura en todo o mundo o que provocará o desxeo dos polos, cun aumento do nivel de auga en todo o planeta. Outros fenómenos que producen son o aumento da propagación das enfermidades.

Para frear este proceso deberíamos comezar a utilizar os autobuses e a bicicleta para reducir as emisións de dióxido de carbono. E por outra parte, por cada árbore que se tala, deberíase plantar outra noutro lugar.

Se queremos conseguir un mundo mellor para os nosos descendentes, deberíamos loitar contra o quentamento global.

Save

25N. Máis alá da violencia machista existe unha vida digna para as mulleres

o-muroAo longo do mes de novembro o alumnado colaborador da Biblioteca, o alumnado de Ciclo Medio e de 1º de Bacharelato estiveron recollendo e compartido malas noticias arredor da violencia machista.

Posteriormente, os alumnos e as alumnas de 1º de Bacharelato servíronse da obra de Carlos Negro, Masculino singular, para encher o centro de poemas en distintos soportes, pero todos contra o machismo.

Ademais, ao longo da semana pasada, nas aulas de 1º de Bacharelato-A, elaboraron o Manifesto contra o machismo deste 25 de novembro de 2016, tomando como molde o manifesto máis famoso da Literatura Galega, o Máis Alá! do poeta rianxeiro Manuel Antonio.

Finalmente, hoxe, asistimos a clase de loito polas mulleres asasinadas e a corporación municipal trasladouse ao noso centro para facer seu o noso manifesto e asistir á lectura de textos e á proxección de material audiovisual creados polo alumnado.

Foi un longo traballo. A causa merecíao. Se serviu para crear conciencia crítica e reaccionar ante calquera forma de machismo, dámonos por satisfeitos os departamentos implicados no proxecto (Equipo de Normalización Lingüística, Biblioteca, Lingua Galega e Literatura, Ciclos FP e vicedirección).

A tod@s @s que participastes e, especialmente, a tod@s @s que vos involucrades cada día na loita contra a violencia machista, GRAZAS!

Se queredes ver o resultado do proxecto, podedes facelo neste blogue: https://25novembro.blogspot.com.es/

25N. Máis alá da violencia machista existe unha vida digna para as mulleres

Save

O xénero da música (por María García)

Levo estudando música dende os sete anos. Recordo coma se fora onte cando a miña profesora me puxo nas mans a miña primeira frauta. A ese momento precedérono semanas de indecisión, eu quería tocar o clarinete ao igual que todas as miñas amigas, pero o meu profesor tiña claro que eu estaba destinada a ser frautista. É curioso que en ningún momento se me pasar pola cabeza, nin a ninguén do meu arredor, a trompeta ou a tuba. Falamos habitualmente do machismo no deporte e noutros ámbitos pero, quen se acorda da música?

Dun xeito ou doutro temos máis que asumido que hai uns “instrumentos para homes” e outros “para mulleres”. Como frautista sei de primeira man que somos case todas mulleres, e os escasos homes que hai son tachados de homosexuais e afeminados. Pero isto mesmo pasa na gran maioría dos instrumentos; as mulleres tocamos o óboe, o violín, a arpa… Os homes o trombón, a trompa, a trompeta… O xénero feminino debe tocar instrumentos delicados e doces, mentres que o masculino os ruidosos e pesados.

Por outra banda, tamén resulta curioso que nos conservatorios e escolas de música a porcentaxe de homes e mulleres sexa paritaria ou a feminina incluso maior, pero que logo nas grandes bandas e orquestras os homes superen con creces ás mulleres. Na Orquestra Filharmónica de Viena, unha das máis prestixiosas que existen, non se admitiron mulleres ata o ano 1997. A primeira foi a arpista Anna Lekles, a cal levaba tocando ca orquestra coma “non-membro” máis de vinte anos.

E que hai da situación en Galicia? Actualmente nas bandas municipais non se aprecia maior diferenza, pero ao igual que antes, ao ascender a conxuntos musicais de maior nivel, a porcentaxe de mulleres diminúe notablemente. A Orquestra Sinfónica de Galicia conta tan só cun 25% de músicas, e en oito das catorce cordas non hai ningunha intérprete feminina. A frauta é a excepción, dúas dos tres músicos son mulleres.

Tristemente, isto reafirma a desigualdade no ámbito laboral que sufrimos as mulleres, incluso nun mundo coma o da música que sempre estivo moi asociado ó sexo feminino. O machismo reside ata nos lugares máis insospeitados, e na música está tan normalizado que nin o percibimos.

Deben seguir celebrándose as corridas de touros? (por Victoria Pereira)

O debate acerca do futuro das festas taurinas, e o relacionado co toureo en xeral, é un tema polémico, con constantes pasos adiante e atrás no proceso de prohibición das celebracións e numerosos conflitos entre detractores e defensores do toureo.

En certas comunidades autónomas ou cidades españolas (como Asturias, Andalucía e Canarias) prohibíronse por completo as festas taurinas así como en outros países hispanoamericanos, aos que se exportou esta tradición dende os países mediterráneos, e naqueles que segue a ser legal, a cantidade de anti-taurinos aumenta a cada pouco ao ser máis os que desexan loitar contra o maltrato animal cada día.

Na miña opinión, as corridas de touros son celebracións que deberían levar décadas, como mínimo, prohibidas, sen celebrarse, quedando como restos do pasado e meros recordos, ao igual que outras prácticas que actualmente vemos como unha barbarie e terriblemente superadas, como a escravitude. Polas mesmas razóns que isto nos parece violencia inxustificable e irracional e pensamos que nos atopamos por riba destes feitos, igual nolo deberían parecer as festas que implican o gozo e a diversión a partir do sufrimento dun animal e, normalmente, a súa morte, dando por sentado o dereito a controlar o destino dun ser por considerarlo inferior e a poder exercer violencia contra el sen ningunha razón. O feito de que a diversión xire ao redor da dor dun touro provocada conscientemente por un ser humano que goza facéndoo, animado por un público desexoso de sangue, xa debería ser unha razón de peso para que calquera renegase das corridas de touros, tendo en conta, ademais, o parecido cos espectáculos dos circos romanos, nos que leóns e enormes animais devoraban aos escravos case indefensos, ou se obrigaba a estes a representar escenas mitolóxicas con finais tráxicos, nos que normalmente terminaban mortos e todo isto para satisfacer e entreter a un público que non se apiadaba dos pobres homes e mulleres ao consideralos inferiores e con dereito a facelos sufrir.

Estes espectáculos desapareceron hai séculos, e a todos nos parece (ou a todos debería) que é perfectamente normal e o lóxico, que non podería ter sido doutra forma porque se trataba dunha tradición horrible. Entón, porque é lícito que sufran os touros nestas festas e celebracións taurinas?

Os pro-taurinos xustifícano, basicamente, co argumento da tradición: o feito de que leva a facerse centos de anos e que vaia ligado á cultura mediterránea dende sempre. Isto, a repetición ou celebración dun feito durante anos, séculos ou milenios nunca xustifica unha acción, pois o inxusto e malo non o son menos por terse repetido varias veces ao longo do tempo. Polo tanto, porque decenas de miles de persoas teñan levado a cabo este tipo de espectáculos taurinos, non quere dicir que o teñan feito ben, nin que poida xustificarse desta maneira ningún acto.

Tamén se adoita dicir que se non fora polas corridas esta especie se tería extinguido. e que nacen e son criados só, e exclusivamente, para ser toureados e que son tratados moito mellor que de non ser así, pero isto , na miña opinión, non é tampouco un argumento, pois o feito de que se puidera ter dado un destino peor para estas especies de touros, non xustifica o destino real, por moito que sexa este máis positivo , se é igualmente violento e doloroso.

En conclusión, dende o meu punto de vista, xa bastante tardamos en acabar con esta irracional é violenta tradición que é a corrida de touros, que non ten xustificación no mundo actual, onde tratamos de ser racionais, xustos e éticos, e ten máis que ver con ese mundo antigo de hai mil anos que deixamos atrás, que con aquel no que vivimos na actualidade. Para min, as festas taurinas son cousa do pasado e pouco tempo queda ata que sexan definitivamente prohibidas e eliminadas, como vemos nas medidas paulatinas que se están a tomar nos últimos anos, ou polo menos iso desexaría.