A linguaxe universal e poética das Matemáticas (por David Galbán)

Unha das máis coñecidas historias do Antigo Testamento é, sen dúbida, a da Torre de Babel.Raro é, de feito, unha persoa da nosa cultura que non oíse falar dela. Este mito di que fai miles de anos, todos os habitantes do planeta falaban unha mesma lingua, e isto uníaos ata o punto de intentar construír na cidade de Babel unha torre que chegase ata o mesmo ceo. Isto foi unha ofensa para Deus, polo que os castigou facendo que cada un falase unha lingua distinta, provocando o nacemento do plurilingüismo, que conlevou o caos na construción. Con todo, poucos se deron conta do transfondo que ten e o dilema que en si nos expón. É unha desas preguntas ás que, sen chegar a meditalo moito, damos unha resposta inmediata e pouco fundada, pero que se temos a suficiente curiosidade como para cavilar sobre ela, sen dúbida é difícil responder dunha forma definitiva. Esta é, dita dunha forma sinxela, e asumindo que por un momento cremos que este mito ocorreu de verdade, foi este castigo divino bo ou malo para a humanidade?

Unha gran porcentaxe das persoas ás que se lles formule esta pregunta dirá (ou pensará), case de forma inmediata, que as repercusións foron, na súa totalidade, negativas. Non é estraño. A priori, a idea dunha lingua universal, que comprenda toda a humanidade, é algo atractivo. Un idioma global e comprensible pola totalidade da nosa raza, traería as súas vantaxes. Por exemplo, poder apreciar a beleza da arte na súa forma orixinal. Di Robert Frost que un poema é unha forma de expresión tan concisa que é imposible traducila con exactitude. Isto é unha verdade innegable. É, certamente, imposible comprender de primeira man todo o que unha obra literaria, sexa prosa, poesía ou teatro quere transmitir sen lela no seu idioma orixinal, coas palabras exactas que quixo utilizar, sen deixar ningún oco á aleatoriedade, o autor/a. Outro argumento a favor (aínda que máis cuestionable), sería a contribución a unha maior unidade da humanidade, favorecendo a capacidade de diálogo con calquera outra persoa, independentemente de onde proveña. É certo que nisto mellorouse bastante, xa que actualmente a maior parte da poboación coñece polo menos un idioma co que, en maior ou menor medida, pódese defender fóra do seu país. Con todo, toda moeda ten dúas caras.

O mundo no que vivimos goza, actualmente, dunha riqueza e diversidade cultural asombrosa e admirable, pero, de onde xorde? Cada rexión poboada do noso planeta vese provista dun ou máis idiomas, e é un feito que un idioma conleva unha cultura. Actualmente (e durante toda a Historia), os habitantes de cada país comparten certas crenzas, certas aptitudes que socialmente están ben vistas, certos costumes e rutinas, mesmo se comparte, en certa medida, o carácter persoal. Por que é isto así? De onde xorden tantas diferenzas nun sitio tan pequeno como é o planeta Terra? Sen dúbida, o muro máis consitente que forma as barreiras ideolóxicas entre distintas rexións está composto pola diversidade lingüística. E é que se só existise unha única lingua (cousa que é, por motivos que máis adiante expoñerei, imposible), en certo xeito, o pensamento humano veríase reducido a só un. É completamente imposible que ese raciocinio abarcase todo o coñecemento, todas as preguntas e respostas que se formularon ao longo da historia en sitios tan distintos. Por outra banda, é un feito que unha lingua xorde da necesidade de reflectir unha realidade, e esta realidade é a que o falante observa. É por iso que en Galicia hai máis de setenta formas de referirse á choiva, ou que os esquimais poidan designar a neve de ata corenta formas. Fácil é comprender que isto non é froito do azar.

Con todo, hai un elemento que consegue harmonizar ambos os lados da moeda. Unha linguaxe que millóns de persoas en todo o mundo falan, e que une os camiños de gran parte da humanidade respectando á súa vez o patrimonio de cada rexión. As matemáticas son, sen dúbida, o máis parecido a un idioma universal, o cal nos levou a moitos dos nosos grandes logros. Pero ten esta linguaxe a capacidade de ser utilizado para crear arte? Un poema, como di Michael Guillen, “establece verdades, cunha precisión única, que posúe grandes volumes de información e que é difícil de entender polo non iniciado”. Esta definición non só é válida, se non idónea para o que consegue unha ecuación. É máis, certas ecuacións permítennos ver moito máis alá do que unha vez puidemos imaxinar. A que máis se deu a coñecer é, sen dúbida, a famosa ecuación de Einstein E=mc². A pesar disto, moi pequena é a porcentaxe de persoas que ademais de coñecela, saben que significa e implica. E non só iso, moitas destas expresións influíron na nosa existencia de forma moi notoria e importante, e estou seguro de que pouca xente se molestou en saber quen é Michael Faraday, ou por que grazas a el podemos ter un marabilloso sistema de iluminación na nosa casa, ou quen é Daniel Bernoulli, e por que grazas a el podemos viaxar a calquera lugar do mundo en cuestión de horas. Mesmo nomes tan coñecidos como o de Isaac Newton non sempre se asocian ás consecuencias do que as súas conclusións chegaron a provocar, como a aterraxe do home na lúa.

En definitiva, o que pretendo dicir con isto é que é posible alcanzar certo grao de unidade no que á comunicación se refire, así como compartir os obxectivos que que de por si se expoñen por existir algo tan belo como as matemáticas sen deixar de posuír a maior fonte do patrimonio cultural de cada pobo: o lingüístico. É por iso que se crea unha correlación entre a matemática e a lingüística, de forma que, necesariamente, para poder conseguir levar unha ao seu máximo potencial, é preciso facer o mesmo coa outra. Tras isto, conclúo que é imprescindible que un neno/a poida coñecer na súa propia lingua a linguaxe das matemáticas.