Precisa o galego de axudas?

Aí atrás lin un artigo no que se criticaban as axudas á normalización da nosa lingua, xa que, segundo a autora, son “axudas que non deberían ser”. Na miña opinión, na actualidade e coa crise existente está claro que sobra onde investir diñeiro público, mais empregar estás subvencións en prol da nosa lingua, cultura e identidade non supón un malgasto, se non todo o contrario.

Hoxe en día, pese á imaxe que se pretende dar do noso idioma cara fóra de Galiza e mesmo dentro da nosa comunidade, sabemos, só con informarnos un pouco que o galego está enfermo, xa que cada día menos xente o fala. Rapaces da miña idade que nunca falaron español agora pásanse a esta lingua, sen máis, dun día para outro, e por que? Pola cantidade de prexuízos existentes cara a nosa fala, ós cales estamos sometidos, xa que se segue considerando o galego como unha lingua de aldea – a pesar de que ser de aldea non sexa nada malo- e incapacitada para as diferentes funcións, como na nosa idade a de ligar ou para informar no letreiro dunha cafetería ou ou para recoller datos na tarxeta dunha boa cirurxiá. E todo isto porque, pese a vivirmos nunha comunidade bilingüe, o bilingüismo harmónico non existe, unicamente nas fermosas utopías.

O galego é unha lingua asoballada polo castelán, e, pese a ser a lingua maioritaria, está minorizada pola lingua foránea e hexemónica. Non sería o máis lóxico que, vivindo en Galicia e sendo galegos e galegas, empregaramos o galego? Pois aquí entran os Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, tamén coñecidos como ENDL, que promoven un uso sen prexuízos do galego e que pretenden , dunha vez por todas, que a nosa lingua acade o prestixio que se merece, aquel que tivo na Idade Media e do cal foi privada co paso do tempo.

Entendo que se considere que en lugares como Rianxo estas axudas son innecesarias e polo tanto os equipos normalizadores tamén, xa que practicamente toda a poboación pensa e fala en galego, mais, pese a isto, a normalización é necesaria, xa que moitas veces nos axuda a ver a realidade e nos abre os ollos ante comportamentos que non son os que deberían ser na convivencia entre dúas linguas pero que nós os aceptamos máis por ignorancia que por outra cousa. Pois quen isto afirma é unha persoa galegofalante que até hai ben pouco vía “normal” que os carteis publicitarios estivesen en español, así como os slogans ou as películas, entre moitas outras cousas. Todo isto débese á desinformación á que nós mesmos nos sometemos.

Así que, antes de falar, hai que pensar que Galiza abarca máis territorios que Rianxo e, por desgraza, en canto ao que á lingua se refire, non todos están tan ben educados coma no noso.

24 de Febreiro, Día de Rosalía

A AELG propón, para celebrar o Día de Rosalía, o envío masivo e simultáneo dun verso de Rosalía desde os terminais móbiles do alumnado e do profesorado dos centros, baixo a etiqueta #mobilizarosalía. O verso, do poema IV de Cantares gallegos (parte da estrofa 13) é o seguinte:

Trocando en sonrisas

queixiñas e choros

Cantarte hei, Galicia,
teus dulces cantares,
que así mo pediron
na beira do mare.
Cantarte hei, Galicia,
na lengua gallega,
consolo dos males,
alivio das penas.
Mimosa, soave,
sentida, queixosa,
encanta  si ríe,
conmove si chora.
Cal ela ningunha
tan dose que cante
soidades amargas,
sospiros amantes,
misterios da tarde,
murmuxos da noite:
cantarte hei, Galicia,
na beira das fontes.
Que así mo pediron,
que así mo mandaron,
que cante e que cante
na lengua que eu falo.
Que así mo mandaron,
que así mo dixeron…
Xa canto, meniñas.
Coidá, que comenzo.
Con dulce alegría,
con brando compás,
ó pe das ondiñas
que veñen e van.
Dios santo premita
que aquestes cantares
de alivio vos sirvan
nos vosos pesares;
de amabre consolo,
de soave contento
cal fartan de dichas
compridos deseios.
De noite, de día,
na aurora, na sera,
oiresme cantando
por montes e veigas.
Quen queira me chame,
quen queira me obriga;
cantar, cantareille
de noite e de día.
Por darlle contento,
por darlle consolo,
trocando en sonrisas
queixiñas e choros.
Buscaime, rapazas,
velliñas, mociños.
Buscaime antre os robres.
Buscaime antre os millos,
nas portas dos ricos,
nas portas dos probes,
que aquestes cantares
a todos responden.
A todos, que á Virxen
axuda pedín,
porque vos console
no voso sufrir;
nos vosos tormentos,
nos vosos pesares.
Coidá, que comenso…
Meniñas, ¡Dios diante!

21 de febreiro Día da Lingua Nai

Hai un ano celebramos no noso IES este día co hastag #RianxoFalaNaLinguaNai. Este ano queremos celebralo metendo mensaxes nunha botella pola lingua galega. Porque ante a realidade que nos rodea e a proxección de futuro que sinalan as estatísticas, @s galegofalantes sentímonos náufragos, abandonad@s nunha illa deserta, e precisamos, seguindo o exemplo de Manuel María, sementar de flores ese deserto.

Animámosvos a introducir a vosa mensaxe pola lingua nunha botella e pendurala na rede. Podedes facelo fisicamente, pendurando a vosa botella na rede do instituto ou virtualmente, tuiteando a vosa mensaxe e engadindo os hastags: #mensaxenunhabotellaparaalinguagalega, #21febreirodiadalinguanai e #enliesfelixmuriel

Esta é a miña…

aminhalinguaqueronatuaboca. IgorLugris

 

 

 

 

 

 


 

A derradeira persoa que falou galego: Serás ti? Será alguén a quen coñezas?

O 21 de febreiro é o Día da lingua materna, proclamado pola Unesco hai 16 anos para reivindicar a diversidade lingüística e o dereito á lingua propia. Escolleuse a data por coincidir co día en que unha multitude de falantes bengalís foi tiroteada pola policía paquistaní, cando se manifestaban pacificamente polos seus dereitos lingüísticos. Lingua materna foi a nomenclatura oficial elixida para este Día internacional e trátase dun termo estendido na maioría das linguas occidentais –mother tongue, langue maternelle, lengua materna, llegua matter, ama-hizkuntza, mutiersprache etc. –, desde hai máis de 500 anos (hai documentación do termo langue maternelle no século XIV). Non obstante, é unha denominación que está sendo substituída por expresións como lingua inicial ou lingua primeira, xa que os expertos entenden que “lingua materna” pode ter connotacións sexistas ao lle atribuír o papel exclusivo da transmisión lingüística á nai e tamén porque pode resultar ambiguo en sociedades plurilingües.

Que é a lingua inicial ou materna? 

É aquela á que o individuo está exposto desde o nacemento, a lingua que primeiro adquire, habitualmente no seo da familia. A súa característica máis salientable é que se aprende espontaneamente na interacción cotiá, a través da conversa.

Que está a pasar coa nosa? 

Nas dúas últimas décadas, a porcentaxe de monolingües iniciais en galego descendeu máis de vinte puntos porcentuais, en tanto que aumentou o número de bilingües e monolingües en castelán. En 2013, hai case trescentas mil persoas menos que aprenden a falar en galego ca dez anos antes, mentres o número de galegos bilingües iniciais aumentaba en case douscentos trinta mil.

PARA SABER MÁIS: PORTAL DAS PALABRAS

Foi algunha vez o galego unha lingua normal? (por Fran Hernández)

Antigamente, nos lugares onde xurdiron as linguas románicas, a lingua oficial e literaria era o latín, pero, alá polo século XII o galego pasa a ser a lingua escrita da Gallaecia, usábana para a documentación privada como testamentos, nos papeis dos concellos e da igrexa… Pero a lingua internacional seguÍa a ser o latín xa que se utilizaba para as comunicacións entre os reinos.

Nese momento o galego era unha lingua valorada literariamente, falábaa todo o pobo polo que estaba normalizada, aínda que se usase o latín como actualmente se fai co inglés que, aínda que non é a mais falada, é a máis universal, por chamalo dalgunha maneira.

A pesar da situación ben distinta na que se atopa hoxe o galego, loitando por volver a ser normal, manteño unha postura a favor de que convivan dúas linguas polo feito de que en todos os territorios onde os seus habitantes son bilingües, estes son moito máis intelixentes e presentan unha mentalidade máis aberta e respectuosa coa multiculturalidade e o plurilingüismo.

Se ben, en contra sosteño que, sempre que conviven dúas linguas, resulta inevitable caer nunha situación de diglosia, é dicir que a lingua propia dese territorio perde prestixio a favor da lingua hexemónica que chegou de fóra, condicionando o futuro da lingua autóctona.

En conclusión, no medioevo, concretamente do século XII en diante, o galego convértese na lingua escrita e a falada polos habitantes do Reino de Galicia. Vivindo unha situación de completa normalidade, que nos leva a crer que a situación actual pódese reverter, pois se unha vez foi normal por que non había volver a selo?.

Son mellores unhas linguas que outras? (por UXía Rial)

  Todas as linguas teñen a súa orixe e a súa particular evolución, todas e cada unha delas narran unha historia, é por elas  que conservamos e sabemos hoxe en día parte do noso pasado, fermosas fábulas e contos, que de non ser redactados non coñeceríamos nos tempos actuais debido á pérdida na transmisión oral. Grazas aos idiomas podemos contar as nosas anécdotas a un amigo, pedir axuda cando a necesitamos ou mesmo dar os bos días nunha temida mañá de luns.

Non podo entender á xente que despreza unha lingua, sexa cal sexa, sinceramente cóstame entender os motivos ou razoamentos que poden levar ao rexeitamento dalgún idioma. Cada un ten as súas palabras específicas, esas que non teñen outros, cada un acompaña as persoas dun determinado lugar no seu día a día e transmite as historias dos seus antepasados, por iso, eu pregúntome que fai a un idioma mellor que outro? A miña resposta é que esa pregunta non ten solución posible. Poñamos un exemplo, o francés, o castelán, o italiano, o galego, o catalán… Todas estas linguas proveñen do latín, teñen a mesma orixe. Agora sentemos a un grupo de expertos a razoar sobre cal é a mellor e sinceramente creo que lles daría a risa ante tal pregunta.

Non hai linguas mellores que outras, pero si algunhas que gozan de máis prestixio, non polo idioma en si, senón polo pobo á que pertence, pola fama que se lle atribúe.

Aprendemos inglés dende moi novos na escola, e mesmo antes de entrar nesta, ensínannos que é a lingua que precisamos na nosa vida porque é a que nos axudará a comunicarnos con xente doutros países, aquela que nos axudará a encontrar un traballo no futuro; pero por qué é o inglés e non calquera outra? Que o diferencia das demais linguas? Se fose por xente ca que comunicarnos sería o chinés, incluso o castelán; así que, sendo realistas, estudamos o inglés porque se lle atribúe un prestixio que outras linguas non adquiriron, pois é un idioma que ven dos Estados Unidos, cun forte peso económico e gran prestixio.

Centrándonos en España, podemos ver como o castelán ten un prestixio do que o catalán o galego ou o euskera non gozan. Vivindo en Galiza, vemos a situación de minorizacición, desigualdade, e diglosia que está sufrindo a nosa querida lingua; pero por que sucede isto? Eu considero que pola pouca apertura de mente da que gozan algúns e a ignorancia que posúen moitos outros, xa que o lóxico sería que vivisemos nun mundo no que calquera persoa se vise ilusionada por intentar aprender calquera idioma, porque se coñeces este, acércaste á cultura doutros pobos, e enriquéceste culturalmente.

Todas as linguas son importantes e mentres haxa xente que siga falándoas e queréndoas, gozarán de prestixio e seguirán vivas, conservo a esperanza de que algún  día estes artigos pertenzan a un lonxano pasado.