Arredor de José del Valle e a invención do español (por Paula Cambeses)

A situación lingüística española anima a José del Valle a falar de La invención del español. No texto o autor reflexiona acerca da opresión que exerce o Estado Español sobre as outras linguas de España.

España e a escola filolóxica española pretenderon dende fai moitos anos converter o castelán na lingua por excelencia do noso país creando un gran relato mitificado acerca da unidade lingüística e cultural. Para realizar este proceso, levaron a cabo políticas centralistas e obviaron citar as tensión e disputas derivadas de impoñer unha lingua dominante.

Numerosos son os argumentos que o autor utiliza para defender a súa tese:

As condición históricas mostran que a imposición do castelán en distintas épocas foi un claro motivo de numerosas disputas. Así mesmo, a escola filolóxica pretendeu centrarse no castelán técnico, deixando de lado o desenvolvemento dunha lingüística crítica e fortalecendo, doutra forma, o relato da unidade cultural.

Todas estas características derivan, como indica José del Valle, na diglosia. A lingua hexemónica, o castelán, prevalece nos ámbitos formais fronte ás outras, as linguas propias. Se a isto lle engadimos a forte oposición do goberno e da opinión pública e a invención de falsos rumores acerca de que o español periga en España (principalmente en Cataluña) o conflito lingüístico é mas salientable.

Finalmente, o autor indica que á marxe do plurilingüísmo, a educación deberíase centrar en preparar aos estudantes para participar na sociedade e non só en ensinar gramática e literatura.

Persoalmente, coincido plenamente coa opinión do autor e os argumentos empregados para a súa defensa. Vivimos nun país con diversas culturas e linguas, que son importantes manter, xa que a diversidade favorece o desenvolvemento do país e permítenos ter unha vida intelectual, afectiva, moral ou espiritual moito máis enriquecedora.

Con todo, é certo que o Estado español non valorou esta vantaxe e impuxo numerosas políticas centralistas. Nos séculos XVI-XVII (Séculos Escuros para a literatura galega), en Galiza, produciuse unha marxinación social do galego pola imposición do castelán que dou lugar a un período funesto para a historia literaria culta galega. Consistiu nunha dura caída da que hoxe en día aínda posuímos secuelas. Pero, este intento de unidade lingüístico e cultural non só aconteceu nesta ocasión se non que se produciu constantemente ao longo da historia. Por sorte,  os Estatutos de Autonomía melloraron esta característica.

O goberno central foi, en parte,  tamén responsable da dificultade para implantar o galego, o euskera ou o catalán nos ámbitos máis formais. Isto provocou que estas linguas foran minorizadas e que apareceran numerosos prexuízos que lle impiden a súa plena normalización. De aí procede a existencia da diglosia tratada por José del Valle.

En conclusión, en España, non se valora como é debido a diversidade cultural o que provoca numerosos conflitos e a intencionalidade da creación dunha única unidade lingüística favorece o desprestixio de numerosos idiomas.