Hai futuro para o galego? (por Tania Pose)

A pregunta plantexada en si é moi complexa. Hai futuro para o galego? Claro que o hai, pero ó mesmo tempo non. Haino sempre e cando nós llo deamos.

O galego é o idioma propio de Galiza, pero é algo máis que un medio de comunicación. É algo que sae de dentro e que é teu, unha seña de identidade, algo que levas a todos os sitios ós que vas. Para min e para calquera persoa que use, respecte e mesmo ame o galego é iso, por desgraza non o é para todos. Oxalá os/as galegos/as, sen excepcións, usaran o idioma da nosa terra, e oxalá rematásemos cos prexuízos que tanto mal nos están a facer e que nos empurran a ser cada vez menos falantes. Eu non me consideraría galega se nacendo e criándome en Galicia falo outro idioma que non sexa o galego. Moitos din como escusa ”Es que yo soy gallego pero también soy español”, sen pararse a pensar que se aquí non se fala o noso idioma non se vai falar en ningures, pola contra, o castelán seguirase falando en Madrid, en Andalucía, ou en calquera outra parte de España. Para min o castelán non é ”meu” como o é o galego, antes de ser de outro lugar son de Galiza e sendo así uso o seu idioma.

Fainos falla normalizar o galego, sen dúbida algunha, só así teremos a certeza de que non vai a desaparecer. Temos que ensinarlle ás novas xeracións que o noso idioma é igual que calquera que haxa repartido polo mundo, que ningún é mellor que o outro e que polo tanto, non hai que cambiar de lingua en ningún ámbito. Temos que eliminar prexuízos. O galego serve para todo o que ti queiras que sirva, non é de paletos. Non ten que ser só da xente do pobo, ten que ser tamén das cidades, sexa cal sexa. Ten que ser o idioma que máis se fale en Galiza. Temos que facer ver que temos unha cultura importantísima e que se se perde o galego perdemos todos nós. Nós queremos futuro, imos a dárnolo.

Cientificamente, hai futuro para o galego? (por Lois Fungueiriño)

No debate sobre o futuro da lingua galega as opinións son dispares. As posicións van dende o realismo, ata o optimismo. Por exemplo:
-Xosé Ramón Gómez Besteiro : O futuro do galego, máis garantizado con Fraga que con Feijóo. (2014)
-Xesús Alonso Montero: Logrouse que a substitución do galego polo castelán sexa menor. (2013)

En 2005 os físicos Jorge Mira e Ángel Paredes diseñaron un modelo matemático que lle poñía data á fin do galego: en torno a 2100.

Porén uns anos despois (2011) o mesmo físico, Jorge Mira, esta vez coa axuda do matemático Juan J. Nieto e o físico Luis Seoane, recolleron os parámetros fundamentais para a supervivencia dunha lingua: as diferenzas entre as dúas linguas (galego e castelán) e o prestixio socioeconómico de cada unha. O resultado demostra que neste momento atopamonos no punto máximo do bilingüismo e, segundo o que se faga nos próximos anos, podemos condenar o galego ou facer estable no tempo o actual bilingüismo.

Este resultado deixa no aire unha pregunta moi clara: que se está facendo polo galego e que se vai facer por el nos próximos anos?
-A pesar de que o 40% de pais das cidades galegas escolleu o galego para a educación infantil dos seus fillos, menos do 5% das escolas ofrecen esta opción. (2012)
-Desaparece ‘Galicia Hoxe’, o único diario impreso en galego. (2011)

Á vista de publicacións como as anteriores, parece que o que se está a facer non é moito. De feito, as medidas e reformas presentadas para a defensa e conservación do galego foron fortemente criticadas polo Comité de Ministros do Consello de Europa resaltando: “a redución progresiva do ensino en galego en todos os niveis e da súa estrutura de apoio”. Destacan a escasa protección do galego en numerosos ámbitos, criticando a situación na que o decreto do plurilingüismo deixa a lingua no ensino. Mentres, aseguran que o catalán se beneficia dun “excelente apoio” por parte das autoridades locais.

Isto non quere decir que o galego non conte con apoio das autoridades locais ou da poboación galega, pero é un apoio ben estruturado, é suficiente?

Os esforzos para que o catalán sexa un idioma útil e vivo conta cunha vantaxe fundamental: a maior parte da poboación catalana entendeu que o futuro da súa lingua require non utilizar a lingua como bandeira ideolóxica ou partidaria.
Conservar o galego obriga a que a maioría de galegos, ben sexan, votantes o simpatizantes de PP, PSOE, BNG, IU,anarquistas, independentistas… asuman a necesidade de conservar a lingua sen que estea ligada a unha ideoloxía ou partido político.

Creo que só hai futuro para o galego se os galegos queremos. Atopámonos nun punto de inflexión no que todos os galegos, a partir de hoxe, decidiremos coa nosa actitude lingüística no día a día se hai ou non futuro para o galego.

Comentario crítico dos datos do IGE sobre o uso do galego (por Iago Prol)

O IGE( Instituto Galego de Estatística) amosou recentemente os datos acerca do emprego do galego e o castelán en Galiza. Ó comparalos coa última investigación dada ( 2001), xorden dúas interpretacións destes datos recollidos en 2001 e 2011 respectivamente.
En primeiro lugar, os datos de uso do galego en todos os ámbitos decaeu dende o 57% de 2001 ata o 44% en 2011, mais a poboación considerada bilingüe aumentou do 30% en 2001 ata o 45% en 2011 e a poboación que nunca fala galego caeu do 13% de 2001 a o 11% de 2011. De todos estes datos sácanse dúas conclusións que amosan dúas institucións como a Xunta de Galiza e a Mesa ( organización a favor da normalización do galego). A primeira delas (Xunta) amosa que o número de falantes de galego aumentou do xa que, aínda que descendeu o número dos que o falaban sempre, aumentou o dos bilingües, co que quedaría que no 2001 o 87% da poboación falaba galego fronte o 89% do 2011; mentres, a versión da Mesa amosa o descenso de falantes de galego que o falaban sempre, pero sen contar cos bilingües ó consideralos diglósicos, co que o número de falantes de galego pasaría do 57% en 2001 ó 44% en 2011. Ademais disto, o IGE recolleu os datos de uso do galego nas cidades, onde Compostela triunfa cun 44% de poboación galego-falante fronte a Ourense e Lugo (34%), A Coruña (16%), Pontevedra e Vigo (15%) e Ferrol (12%), ademais de amosar que o nivel de comprensión do galego pola poboación (99%) e a capacidade de uso (90’8%).
O autor deste artigo está a favor do punto de vista de Mesa xa que os título “O galego deixa de ser a lingua habitual da maioría da poboación” só tería sentido se escollemos a visualización que a Mesa fai dos datos, xa que nesta o número de galego-falantes é menor do 50% fronte a da Xunta na que non só o número de galego-falantes é maior do 50%, senón que tamén fala dun aumento do número de galego-falantes (87%-89%). É máis, no “resumo” dos datos que aparece despois do segundo parágrafo e no terceiro, amósase en clara desconformidade coa visión da Xunta con frases coma “A poboación descendeu 13 puntos en dez anos, pero a xunta celebra o leve incremento de bilingüismo” ou “Malia a contundencia destes datos dende a Xunta óptase polo optimismo e case pola celebración”.
Ademais, busca a realidade detrás dos prexuízos coma o do uso do castelán nas cidades, onde hai máis xente de fóra, pero na cidade máis “internacional” de Galiza é a cidade onde máis se fala galego mentres que en Ferrol, unha cidade sen gran cantidade de turismo estudiantil ou cultural é onde menos se fala galego e os datos acerca da comprensión do galego (99%) indican que falando castelán enténdeche máis xente, en Galiza non é certo.
Eu estou a favor do punto de opinión do autor e de A Mesa porque cada vez vexo máis xente xove que coñece tanto galego coma castelán pero prefire expresarse en castelán porque os pais ou avós (familiares en xeral) lle inculcan uns valores lingüísticos con moitos prexuízos, e se en dez anos houbo tal descenso de galego-falantes, arredor de 20 anos será unha lingua case extinta se non hai cambios importantes con respecto á política lingüística.

Hai futuro para o galego? (por Iago F. Prol)

Dende que comezou o curso, adicamos as clases a visualizar o documental Linguas Cruzadas, ós artigos periodísticos arredor dos resultados que o IGE amosou sobre o uso do galego en Galiza e ós dous debates realizados en clase; puidemos observar o descenso do número de falantes masivo, o que levará a unha futura desaparición da lingua galega.
O descenso de falantes en galego débese en gran medida á mocidade actual, a cal, ó ver a gran potenciación que vive o castelán no ámbito internacional, deciden optar por esta xa que lles ofrece máis posibilidades de comunicación ó posuír máis prestixio, é dicir, son falantes diglósicos.
Os datos do IGE anteriormente mencionados, amosan que xa menos da metade da poboación en Galiza fala galego, mais que o 99% o entende. Isto deixa patente o factor de diglosia que sofre o galego, que só se podería solucionar cunhas institucións públicas que potencien e normalicen o galego, xa que as actuais non só non o potencia, senón que propoñen medidas que afectan ó galego e diminúen o seu uso coa escusa de que se busca o bilingüismo.
A xuventude dos falantes é un factor moi importante para a supervivencia dunha lingua, o uso do galego entre os xóvenes galegos vai en descenso debido á diglosia, como se mencionou anteriormente, mais agora vou falar dos factores que causan a susodita diglosia.
Sigue lendo

Hai futuro para o galego? (por Sara Marcuño)

Os últimos estudos e enquisas realizados mostran que o galego deixa de ser a lingua diaria da maioría da poboación.Datos dos cales podemos extraer que de darse a continuidade desta situación o galego tenderá a desaparecer.

A lingua galega someteuse a novos estudos que nos mostran porcentaxes realmente desfavorables cara a lingua.Tan só un 44% da poboación total galega afirma empregar o galego sempre.Certamente non só as cifras nos transmiten a realidade do idioma,senón que con só saír á rúa podemos ver que cada vez menos persoas empregan o galego como lingua habitual na actualidade.Esta situación ten variantes dependendo do lugar no que residas.Nas cidades tendese a falar máis o castelán,relegando o galego a un segundo plano,pero o certo é que isto estase xeneralizando por todo o territorio da Galiza.

Analizando o problema podemos ver que as xeracións máis novas abandonan o galego e substitueno polo castelán.E aquí o foco da pérdida de falantes.Estas persoas pasarán a falar castelán en todos os ámbitos e cando teñan descendencia falaranlle en castelán polo que a lingua nai destas novas xeracións será automáticamente a lingua invasora do noso territorio.A mocidade é o futuro e se esta deixa de empregalo acabará por desaparecer. Sigue lendo

Hai futuro para o galego? (por Oscar Iglesias)

hable bienNa actualidade hai unha gran pregunta no aire referida ao futuro da nosa lingua, o galego.
Dende moitos séculos atrás, o galego sempre (ou a maior parte das veces) estivo ameazado pola xente poderosa do territorio de España: primeiro os Reis Católicos, na Idade Media, atacaron a nosa lingua impedindo o seu uso e asociándoa coa xente pertencente ao rural; tras os Séculos Escuros, o galego comezaba a levantar cabeza no Rexurdimento, máis, cando chegou o franquismo ao noso territorio dende 1936 ata 1975, o noso idioma volveu a verse afectado e ameazado de maneira moi preocupante: Franco impediu que se usase a nosa lingua na escena pública, na ensinanza e nas actividades socio-económicas, fixo que moita xente que defendeu o galego se tivese que exiliar, reduciu o uso do noso idioma ao rural e impúxonos o castelán como lingua obrigatoria, como séculos atrás xa o fixeran os Reis Católicos, entre outros. Máis a nosa lingua, a pesar dos danos que recibiu ao longo dos séculos, non morreu e segue permanecendo como lingua maioritaria en Galicia.
Aínda que a nosa lingua siga sendo a maioritaria no noso país, os sucesos e os ataques contra ela acontecidos durante os séculos pasados danárona e fixeron que moita xente pensase que o galego era un idioma para incultos e xente da aldea. Por iso, o galego é maioritario nas zonas rurais mentres que nas cidades, aínda que si hai xente que o fala, o galego é substituído polo castelán; ademais agora, dende hai unhas décadas, os pais estanlle ensinando aos seus fillos o castelán como lingua inicial (lingua materna) aínda que eles falen o galego, isto ocasionou que: se reducise o uso do noso idioma na mocidade e que predominase na xente de maior idade co que a xente tamén pensa que a nosa lingua pertence á xente de máis idade e eles deben falar o castelán.
Os datos do IGE (www.ige.eu) sobre o galego lanzados no mes de outubro deste ano son alarmantes e amosan o que todos tememos: o galego baixa 13 puntos como lingua usada maiormente en só 10 anos e so un 44% segue adoitando a facer isto. Estes datos tamén nos amosan outra realidade que sospeitábamos: o galego úsase máis no ámbito rural que nas cidades. Sigue lendo

Hai futuro para o galego? (por Aldara Tubío)

Despois de ter visto o documental Linguas Cruzadas, de coñecer a opinión de moitos dos meus compañeiros, e de analizar os resultados das enquisas realizados polo IGE sobre o uso do galego, a miña conclusión é clara : se as cousas non cambian, non hai futuro para o galego.
Por primeira vez, os datos das enquisas realizadas polo IGE sobre o uso do galego móstrannos que esta lingua deixa de ser maioritaria entre a poboación galega. O que nos fai ver que a xuventude galega xa non sente a necesidade de usar a súa lingua propia, posto que pode desenvolverse sen problema ningún en castelán en todos os ámbitos das súas vidas.
O máis preocupante de toda esta situación é que os membros do noso goberno fan unha valoración positiva dos datos tirados das recentes enquisas, denominando tales resultados como un reflexo da realidade actual galega que para o Secretario Xeral de política lingüística Valentín García é a convivencia idílica do galego e o castelán na que a poboación galega utiliza un ou outro dependendo do ámbito no que se atope. Recapitulemos: “A poboación galega utilizan un ou outro dependendo do ámbito no que se atope”. Quere dicir polo tanto o señor Valentín García que estes datos reflicten a realidade diglósica galega?. Entón estamos completamente de acordo. A única diferenza é que a min, como galega que son, preocúpame que a poboación de Galiza considere a súa propia lingua como un idioma inferior e polo tanto teña que cambiar ao castelán en certos ámbitos de uso. E se fora unha das responsables da política lingüística da miña nación faría o posible por preservar o idioma propio de dita nación e promover o seu uso en todos e cada un dos ámbitos de sociais. Sigue lendo

Hai futuro para o galego? (por Aldara Muíños)

Logo de ver os documentais sobre o uso da nosa lingua no ano 2008, e de informarnos nos informes do IGE sobre a situación da lingua galega na actualidade e comparándoo co anterior informe deste Instituto cheguei á conclusión de que non hai futuro para a lingua galega.

Actualmente, a mocidade galega fala cada vez menos galego, debido a que é posible desenvolverse social e academicamente e a que tes máis prestixio se falas o castelán, porque é considerada a “lingua de moda” ou de “cidade”, ca que podes chegar máis lonxe. A parte dos prexuízos sobre a lingua, o problema da diminución de falantes ven tamén porque é posible vivir en Galicia e non utilizar nunca o galego, porque non é necesario para a vida cotiá. Tamén no caso da mocidade ante o ascenso de falantes en castelán, resulta moi difícil manterse falando unha lingua diferente.

Dentro do mundo actual existen moitas linguas diferentes, cada unha delas cunha identidade e cunha cultura e tradicións propias, que son as que fan que exista a diversidade cultural. Se comezamos a rexeitar estas linguas, a deixar de falalas e a substituílas por outras acabaremos nun mundo onde se fale unha única lingua, un mundo no que non haxa diferencias culturais, no que non haxa diferentes interpretacións da realidade. E isto está sucedendo co galego, se deixamos de falar o galego en Galicia, perderemos a nosa cultura, o que nos fai diferentes. Sigue lendo

Hai futuro para o galego? (por Anxela Garrido)

Levo dezasete anos escoitando que o galego é unha lingua de aldea, unha lingua de brutos, de pobres… Os mozos/as das grandes cidades galegas, pensan e din isto en castelán, xa que lles proporciona máis seguridade e dálles unha imaxe de persoa fina, non de aldea.
A desaparición desta idea entre os mozos de distintos puntos de Galicia, vai condicionada por varios factores, como a opinión sobre o galego nos medios de comunicación, a utilización da lingua nas redes sociais ou no uso cultural e no ensino. Se o galego fora máis utilizado nestes ámbitos, que son os que máis influencia causan sobre os mozos de entre 13 a 17 anos, a concepción do galego cambiaría. O pouco uso do galego nestes ámbitos e mesmo as descalificacións que fan da lingua persoas coñecidas, fan que esta idea de que o castelán é mellor que o galego perdure nas novas xeracións. Sigue lendo

Hai futuro para o galego? (por Marcos Saborido)

Día a día notamos como o galego desaparece, como a diglosia se instaura cada vez máis fortemente na nosa sociedade, como as novas xeracións nacen castelanfalantes , como a xente ten vergoña de falar o galego sendo galegos. Todo isto lévanos a pensar que non hai futuro para o galego, que antes ou despois acabará por desaparecer.
Non podemos deixar que isto ocorra, do contrario estaríamos perdendo a nosa identidade, aquilo que nos diferenza de todos, estaríamos tirando ó lixo todo o esforzo dos nosos antepasados, quen loitaron pola nosa identidade, quen morreron polo simple feito de falar galego e agora nós, que podemos, non facemos uso del.
O galego vese perxudicado por numerosos prexuízos instalados na sociedade que fan que se identifique co rural, co pobre, co malo, isto fai que moita xente lle ensine ós seus fillos o castelán como lingua nai, para que teñan un mellor futuro, para que pertenzan a unha clase social mellor que todos os galegofalantes. Isto é un gran problema para o galego, xa que se lles ensinamos ós mais pequenos/as que o castelán é mellor que o galego para os actos ou as situacións de maior prestixio, estes obviamente elixirán o castelán como lingua habitual, o que fará que estes lle ensinen tamén ós seus fillos o castelán e así sucesivamente ata que o galego desapareza do ámbito social. Isto dá pé a outra reflexión, se os nosos fillos nacen ca mentalidade de que unha lingua domina a outra, existe realmente a liberdade lingüística? Na miña opinión, non. Polo menos en Galicia. Sigue lendo