O Reino de Galiza (por Victoria Pereira)

Nestes documentais, gravados e emitidos pola TVG, preséntasenos a historia do Reino de Galiza, dende o seu nacementos como reino suevo no S.V ata a súa desaparición no S.XIX, tras diluírse o seu prestixio nas Coroas de León e de Castela, e centrándose nos séculos nos que o Reino de Galiza foi referente cultural e literario e a súa lingua a de prestixio, a máis recoñecida na Península Ibérica. Trátase dunha resposta á historiografía oficial española, que substituíu o nome do Reino de Galiza polo de Reino de Asturias ou de León e que cambiou nun grado importante a realidade da Idade Media na versión oficial por simples razóns ideolóxicas e políticas, sen unha explicación histórica, ignorando a importancia de Galiza durante séculos e o seu esplendor.
Galiza ten unha primeira fase, na Idade Media de gran importancia política, literaria e cultural, tratándose dun Reino grande, configurado ademais de polo Norte de Portugal e Galiza, polas actuais Asturias e Castela e León, tras o nomeamento de Afonso VII como rei, que herdaría estes territorios. Prodúcese a separación de Galiza do Condado de Portugal no S.XII, cando o Reino de Galiza entra na súa mellor época literaria, cultural e política. Chegan peregrinos cultos de toda Europa, a hexemonía política do Reino de Galiza a nivel peninsular era innegable e os nobres tiñan gran influencia na Península, polo que o galego-portugués se converte na lingua de prestixio, empregada por todos, polo pobo e polos reis, nobres e clero, para a fala e tamén na escrita, substituíndo ao latín en todos os ámbitos e comezando a escribirse grandes obras nesta lingua. Afonso X o Sabio, rei de Galiza e Castela, compón en galego obras de altísima calidade, como as Cantigas de Santa María, e o nivel literario e importancia galegos son enormes, ata o S.XIX cando desaparece como Reino definitivamente, xa con algúns séculos á sombra de Castela, con máis poder.
Pero entón, se durante cando menos dous séculos, ata a primeira substitución nobiliar que significou o primeiro sometemento a Castela no S.XIV, Galiza foi un Reino próspero, recoñecido e que mantivo o seu título ata o 1833, por que se eliminou da Historia oficial española a súa existencia, véndose nomeado como Reino de Asturias ou León e se eliminou case todo rastro de hexemonía política e cultural? Non é máis que unha estratexia máis para continuar a dominación dos antigos reinos independentes, tratando de ignorar o seu próspero pasado para manter a unidade española e negar o seu prestixio anterior, como igualmente o foi a campaña de desprestixio da lingua e o pobo nas obras casteláns dos Séculos de Ouro. O obxectivo era, e é, silenciar calquera tipo de opinión que evidenciara a curta historia de España como unidade e o esplendor dos reinos antigos que a conforman.
Tamén o historiador Anselmo López Carreira evidencia a política escondida tras a historiografía oficial e reivindica, igual que o fan estes documentais da TVG, o pasado esplendoroso de Galiza, agochado durante séculos. Foi, como el sostén e eu tamén creo, unha estratexia moi efectiva, pois practicamente toda a poboación galega e española, sen contar aos historiadores especializados, descoñece o pasado galego, crendo a versión dos libros de Historia de España sen saber que ata fai relativamente pouco, ata hai dous séculos, existía un Reino de Galiza. A súa substitución mediante unha división en provincias, imposta por Castela, propiciou a centralización ao tratarse de departamentos sen pasado común nin carga histórica. Isto xunto co relato histórico manipulado, é unha estratexia para evitar a evidencia dunha España sen pasado común nin sentimento de nación.

Arredor do Reino de Galicia

Reino dos Astures é a única denominación que atopamos nas crónicas, mais nunca Reino de Asturias. Non até o séc. XIX, concepto creado por romancistas españois como Modesto Lafuente, para asentar o nacemento de España na batalla de Covadonga, liderada por don Pelayo contra os musulmáns.
Non se pode falar de Reino de Asturias, ata polo menos a segunda metade do século VIII, data na que se produciron divisións no Reino de Galicia, formándose un reino de Asturias varias veces por espazo dalgúns anos. Do Reino de León, podemos dicir o mesmo. Cando os fillos de Afonso III repartiron o reino galego entre si.

O Antigo Reino de Galicia (con continuidade desde o 411 até 1486 e con título até 1833), foi o primeiro reino que se instaurou en Europa, no ano 409, feito totalmente oculto na Historiografía de España. Foi instaurado polos suevos, que se instalaron aquí, obtendo de Roma (na caída do seu imperio) ese territorio, o da antiga Gallaecia, mediante un foedus , ou pacto de gobernación, ao que os suevos engadiron amplos territorios, chegando a constituír ese reino de Galicia arredor de 1/3 da extensión total da Península Ibérica. De Lisboa até Toledo, lindando co Mar Cantábrico e co Océano Atlántico. De aí que, posteriormente, os árabes falen nas súas crónicas e recolleran nos seus mapas dúas grandes realidades políticas na Península Ibérica: o reino cristián da Galicia e os reinos de taifas musulmáns, mais nada recollan de Pelayo nin da batalla de Covadonga.

Os suevos enfrontáronse a outro pobo establecido posteriormente na Península: os visigodos, un pobo tamén xermánico e moito máis numeroso. Despois de sucesivas derrotas, o Reino suevo incorporouse ao Reino visigodo, pasando a formar parte del como unha das tres provincias en que se dividiu o reino visigodo: Galicia, Hispania e a Narbonensis (o sueste da Galia). Pero os suevos eran cristiáns católicos, mentres que os visigodos eran cristiáns arrianos (non crían que Xesús de Nazaret fose Deus) , polo que Hermenexildo, fillo do rei visigodo Leovixildo, fíxose católico e intentou , aliado cos galegos, derrocar ao seu pai; pero foron vencidos en Sevilla e, no seu regreso a Galicia, morre o derradeiro rei suevo galego Andeca.

Á morte de Leovixildo herda o trono Recaredo, cuxa primeira acción foi instaurar o catolicismo en todo o reino , logrando así incorporar os suevos ao reino visigodo. Por aquela época, Asturias formaba parte de Galicia, entendíase como Asturias o antigo convento romano do mesmo nome, que abranguía a Asturias actual, León , parte de Zamora, oeste de Ourense e un anaco de Portugal. A lista de reis de Galicia nesa época é longa, pola contra non hai na Historiografía nomes de reis asturianos ou leoneses, pertencentes a estes case dous séculos de reinado suevo.

Hermerico (409-438) foi o 1º rei da historia europea. No 410-11 fundo o primeiro reino cristián de Europa, o Reino Suevo da Galllaecia, e acuñou moeda. Aparece recollido o seu reinado nas Crónicas de Idacio.
Requila (438-448) intentou a conquista do resto da Península Ibérica. Cometeu saqueos no sur e en Andalucía, aos que os visigodos responderon atacando Braga, a capital do reino suevo galego nesa altura.
Frantán (456-457) dividiu o Reino.
Maldrás (456-459) reunificou ou reino e entrou en conflito coa nobreza non sueva.
Frumario (459-463) volveu dividir o reino.
Remismundo (459-?) volveu reunificar o reino, converteuse ao arrianismo e propiciou unha paz estable cos visigodos que durou case un século.
• Período escuro , sen datos (468-540): invasións bárbaras.
o Teodemundo (??)
o Carriarico (?-559)
o S. Martín Dumiense. Alianza con francos e bizantinos fronte aos visigodos.
Teodomiro (559-570) convértese ao catolicismo. Celébrase o Concilio de Braga, o primeiro da historia da Península Ibérica, ignorado por todos os manuais, onde só se cita, como primeiro, un moi posterior celebrado en Toledo.
Miro (570-583) fracasa no seu intento de conquistar Hispalis (Sevilla). Este nome de orixe sueva converterase en nome de reis, nobres e bispos pertencentes á época da chamada Reconquista, que o incorporarán como sufixo: –miro (Ramiro).
Eurico (583-584) foi destronado por Andeca.
Andeca (584-585) alíase con Hermenexildo, pero, derrotado ante Leovixildo, morre e prodúcese a integración do Reino Suevo galego no Reino Visigodo con Recaredo.

En conclusión, Asturias e León formaban parte do Reino de Galicia, que comprendía as provincias LUCENSE (a actual Galicia , até o Miño), BRACARENSE (o Norte portugués, até o Douro e case toda a provincia de Ourense) e ASTURICENSE (a Asturias actual, León , parte de Zamora, oeste de Ourense e un anaco de Portugal). Polo tanto, tan Galicia era Asturias, como Braga, como Lugo. Só séculos máis tarde, coa creación do Reino de Portugal a finais do século XII, a denominación “Galicia” pasaría a comprender só a Galicia actual. Se ben, habería que esperar aínda até o século XV para que o Reino de Galicia fique sometido ao Reino de Castela, baixo o reinado dos Reis Católicos. E aínda habería que agardar máis séculos para atoparnos cunha Galicia desposuída do seu título de Reino, feito que se produce no século XIX, cando a Rexente María Cristina, en 1833, divide o territorio nas catro provincias que hoxe coñecemos e retira o título de Reino á realidade política que hoxe seguimos a coñecer como Galicia (ou Galiza).

FONTES de información que serven PARA SABER MÁIS:
1. Estudar Hisoria de Galicia pola UNED
2. Historia de Galicia (wikipedia)
3. Historia inédita de Galicia (Cambón)
4. Reino de Galicia (wikipedia)
5. O Reino de Galicia nos mapas medievais
6. Historias de Galicia (CRTVG)

Existiu ou non o Reino de Galiza? E se existiu, por que foi borrado da Historia de España? (por Antía Carou)

Despois de buscar información en internet puiden observar que a existencia do Reino de Galiza é un tema envolto nunha gran discusión, con persoas que apoiana súa existencia e persoas que non cren que existira. Pero logo de lelas e de ver as curtas sobre o reino de Galiza, cheguei a conclusión de que as razóns que mostran as persoas que opinan que si que houbo reino son máis lóxicas cas das persoas que opinan que non.
Poderíase dicir que o Reino de Galiza foi o primeiro reino de Europa Occidental, creado polos suevos no ano 410. Durante esta época reinaron Hemerico, Requila, Requiario… e cando abandonaron este territorio o Reino de Galiza reorganizouse, desprazando a súa capital de Braga a León, e establecéndose como principal reino da Península Ibérica.
Nesta época, comezos da Idade Media, o Reino de Galiza era o territorio máis rico cultural e lingüisticamente. A lingua galega era utilizada por todos os habitantes de Galiza e non había unha situación diglósica, coma agora, senón que a lingua e literatura galega tiñan un gran prestixio en toda a Península. Como mostra disto están as cantigas, que se escribían en galego e que tiveron unha gran importancia cultural.
Que fora un territorio con tanta cultura debeuse en parte ao Camiño de Santiago, xa que grazas a el entraron en Galiza outras civilizacións que axudaron a convertela nun dos lugares con máis interese cultural da época. Ao chegar a Santiago as persoas encontrábanse ca catedral, un dos edificios relixiosos máis impoñentes da Europa Occidental.
Con todo isto demóstrase que que o Reino de Galiza tivo moita importancia no transcurso da Idade Media, entón porque non aparece nos libros de historia nin nos mapas da Península? Cal é o motivo da desaparición?
O Reino de Galiza deixou de existir na Idade Media, cando María Cristina o eliminou para poder facerse co control de toda a Península. Esta medida, da que aínda quedan restos nos nosos días, pretendía que todo o territorio falara castelán e que a única cultura utilizada fora a cristiá, polo que non había cabida para outras culturas ou linguas. Isto levou a que a maioría dos historiadores españois non incluirán o Reino de Galiza non seus estudos, maioritariamente por unha cuestión política e non histórica.
En conclusión, creo que a parte da proba irrefutable de que hai uns reis enterrados na catedral de Santiago hai tamén outras probas que demostran que o Reino de Galiza si que existiu, xa que un territorio tan grande culturalmente e lingüisticamente non puido estar anexionado a outro máis pequeno. Por outra banda tamén penso que esta grandeza cultural foi a que levou aos reis da Idade Media a querer eliminar o reino de Galiza, ao igual que fixeron con al-Ándalus, e non como fixeron cos demais reinos da Península. Con isto quero dicir que hai unha gran diferenza entre os demais reinos medievais e o Reino de Galiza, xa que os outros reinos foron anexionados á Coroa de Castela pero continuaron estando na historia, en cambio o Reino de Galiza ,aparte de desaparecer politicamente na Idade Media, desapareceu dos mapas e da historia medieval de España.

Existiu o Reino de Galiza? (por Aldara Muíños)

Logo de ver varios documentais e unha presentación sobre o reino de Galiza chegamos a preguntarnos se existiu de verdade este reino e de ser así, porque non aparece na historia española.

Para min é obvio que o Reino de Galiza existiu porque conservamos numerosos testemuñas históricas da autonomía e importancia do Reino de Galiza na Idade Media e tamén o prestixio da literatura en lingua galega en toda Europa fai ver que existiu de verdade durante a Idade Media.

A primeira proba que conservamos da existencia deste reino é do 411, ano no que se creou o Reino suevo de Galiza (do que formaba parte tamén León) sendo así o primeiro Reino cristián da Península Ibérica. Despois este reino pasaría a formar parte da monarquía visigoda pero non perdería a súa autonomía.
Destas datas conservamos un mapamundi do ano 946 onde se pode observar o nome de Gallaecia nunha das esquinas do mapa e separado o nome de España, indicando así que eran reinos separados e independentes. O mesmo atopamos noutro mapamundi (do Beato do Burgo de Osma) datado no ano 1086, co nome de Gallaecia ocupando todo noroeste da Península. Moitos mapas estranxeiros desta época inclúen o Reino de Galiza, porque fóra non se dubida da súa existencia.
Outra proba que temos da existencia do Reino de Galiza atopámola a comezos do século IX, cando o mesmo se enfronta a Navarra pola conquista dos territorios de Castela, o que verifica que Galiza foi un reino independente de Castela antes de que fose conquistado.

A parte das fontes históricas conservamos textos que poñen de manifesto a importancia do galego na Idade Media, sendo á vez lingua dos reis e lingua do pobo, xa que era unha lingua normalizada en todos os ámbitos que lle corresponden a unha lingua propia. Un exemplo disto pode ser como Afonso VI, rei de Galiza e León chora a morte do seu fillo en galego, a súa lingua. Tamén na literatura encontramos probas do gran prestixio co que contaba o galego, as cantigas trobadorescas de amor, de amigo, de escarnio, escribíanse en galego e era a lingua usada para estas composicións tamén fora do Reino de Galiza.
Máis probas de que existiu este Reino: os restos dos últimos reis galegos están enterrados no Panteón Real da catedral de Santiago de Compostela, por que teríamos un Panteón REAL se nunca existiu o Reino de Galiza? Ademais, ata 1833, Galiza tiña a consideración de reino, e foi nese ano cando María Cristina de Borbón eliminaba o título de Reino, dividía o territorio nas catro provincias que hai hoxe e Galiza pasaba a depender de Castela, despois de ser un reino. E non un reino calquera, se non un dos máis importantes da Península Ibérica durante catorce séculos.
Con tantos argumentos paréceme imposible que se poida pensar que o reino de Galiza non existiu, ou como din moitos que seguramente non investigaron na historia de Galiza, que é unha invención dos nacionalistas galegos. Para min o problema reside en que na historia española este reino foi esquecido porque foi asoballado polo afán de unidade dos reis de Castela. Soterrouse toda a historia do Reino de Galiza baixo unha represión da lingua e cultura galegas, negando a existencia deste reino independente e facendo burla dos seus habitantes na literatura do Século de Ouro castelán que , “curiosamente”, coincide cos Séculos Escuros da literatura galega. Ademais diso, por que nas clases de Historia falamos do reino nazarí de Granada, do Reino de Aragón, de Navarra… pero non mencionamos o Reino de Galiza en ningún momento. Isto a que se debe? Igual se debe a que España necesitou negar a existencia do Reino de Galicia para ser unha nación histórica, centralizada en Castela e para non admitir que non foi nin o único nin o primeiro reino da Península Ibérica.

A voltas co Reino de Galiza (por Cinthia Carou)

Despois da proxección do documental “Galego, lingua de reis, lingua de pobo” vexo necesario abordar o tema da existencia do Reino de Galiza. Existiu o reino galego? Se foi así, por que é descoñecido este dato nas escolas e en todo o ámbito educativo?
Para tratar este tema temos que remontarnos ata Os Suevos. Estes foron un pobo asentado en Galiza que ademais formou o primeiro reino de toda Europa Occidental no 410 a.C. En teoría, nos papeis, seguiu vixente como reino ata 1833, levando tempo sen poder político propio. Foi eliminado polos Borbóns, estes eliminaron todos os reinos “politicamente” e “historicamente”.
Algunhas evidencias que corroboraban este dato son principalmente os texto da época, os gravados nas lápidas dos reis, que xa ca súa mera existencia ten que levar consigo a existencia do Reino. Estes reis enterrados en Santiago de Compostela, a maioría, era coñecidos como os reis de Galiza, e algúns deles tamén de León.
Isto último serviu de apoio para aqueles historiadores que se esqueceron de Galiza e que falaron do Reino de Asturias e despois Reino de León e Castela. Esta última explicación histórica non pode ser factible porque seria aceptar a existencia dun pobo marxinal politicamente pero de gran esplendor cultural, sendo un dos reinos principais de Europa tanto pola influencia cultural entre a Provenza e Galiza, como polo camiño de Santiago, que traia consigo o coñecemento de todos os pobos europeos.
Polo que vimos ata agora parece clara a existencia do Reino de Galiza pero entón, porque aparece eliminada da historia, e si aparece o reino de Asturias, cando nunca chegou a ser Reino?
O Reino de Galiza era un reino forte, pero como todo reino medieval, había unha gran desigualdade. As revoltas irmandiñas contra os nobres, foron un caso de inestabilidade política. Esta confrontación estaba apoiada polos Reis Católicos que querían acabar cos nobres galegos e así reinar sen problemas. As revoltas fracasan pero o obxectivo dos Reis de Castela conséguese igual. No momento en que conseguiron o poder adicáronse a minar a cultura galega, substituíndo nobres “autóctonos” por nobres “foráneos”.
Este é o comezo da eliminación da historia de Galiza.
Na actualidade a meirande parte da información que circula, en internet ,nos libros de historia, nos colexios, nas bibliotecas… recollen a existencia do reino de Asturias pero non reino de Galiza e si o fan aseguran que se trata dunha denominación sen importancia. Todo o que camiña cara outra cousa que non sexa o estado-nación español, indivisible, non é aceptada, chámanlle nacionalismo e non só iso senón que leva consigo a etiqueta dos prexuízos polo que está mal visto pola sociedade.
Por exemplo, o escudo español oficial fórmase por varios emblemas de reinos, exactamente por cinco: Reino de Castela, Reino de León, Reino de Aragón, Reino de Navarra e Reino de Granada. Eu pregúntome, onde está o do reino de Galiza? Porque esa parte da historia se eliminou?
En conclusión o reino de Galiza existiu, foi moi importante cultural e politicamente e por iso os Reis Católicos quixeron borralo da historia. Actualmente sigue eliminado debido a política e a ideoloxía, centralista dos grandes partidos, que manteñen ferreamente á xuventude galega enganada, ensinándolle nas escolas a historia que interesa e non a historia real.

Existiu o Reino de Galiza? (por Sara Marcuño)

Dende os comezos da historia os historiadores españois tratan de ocultar a existencia de reis galegos,xa que se non existiron reis non puido existir un reino,pero a realidade é outra moi diferente.

O Reino de Galiza sí existiu.Os oestrymnios son considerados os primeiros poboadores da Galiza,que van seguidos polos celtas e polos romanos.Estes últimos son os que lle dan o nome de “Gallaecia” que significa “Terra de Celtas”.É despois da Caída do Imperio Romano do século V cando se asentan os Suevos no territorio galego e forman o “Reino Suevo de Galiza”,polo tanto estamos falando xa dun reino que ademais é considerado o primeiro estado de Europa.

Os primeiro reis son os Suevos,que son absorvidos polos Visigodos,que a súa vez son abatidos polos árabes cando se asentan na península no ano 711.Despois disto chega a Idade Media,na cal podemos decir que tanto a cultura como a lingua galega viven unha magnífica etapa de esplendor.Neste momento o galego tiña unha normalidade absoluta,a diferenza doutras linguas que triunfarán no futuro e que nese momento viven situacións de extrema precariedade.O Reino de Galiza é o máis importante cun territorio moito máis extenso ca o da Galiza actual.

Tras a Idade Media iniciase a decadencia e no século XlV ten lugar a primeira querra dinástica pola Coroa de Castela que induce ao Reino de Galiza a somerxirse na primeira substitución nobiliar.Tras isto unha nova guerra dinástica tamén pola Coroa de Castela leva ao Reino de Galiza á segunda substitución nobiliar tras a cal a Galiza queda baixo o dominio castelá.Isabel a Católica soprime o Reino de Galiza.

Pasados os Séculos Escuros e ao inicio do Rexurdimento é cando se pon fin ao Reino de Galiza.No ano 1833,María Cristina divide o territorio galego e elimina o título de Reino de Galiza.

Por estes sucesos de carácter histórico podemos decir que o Reino da Galiza deixou de existir,pero en ningún dos casos é posible asegurar que endexamais existiu e menos aínda tratar de eliminalo da historia,xa que non se pode cambiar o pasado por moito que se pretenda.O Reino de Galiza é citado nun texto escrito por Gregorio de Tars chamado “Historia Francorum” no cal se di “Regnum Galliciae”, sendo isto unha proba máis da real existencia do reino.

Como aseguran expertos no tema como Anselmo López Carreira ás veces os libros de historia están sometidos a ideais políticos que se manteñen na súa liña e no seu beneficio inclusive cando se trata de falar da historia dun pobo.Podemos decir que os libros ás veces fican sometidos a determinados intereses,ao igual que o Reino de Galiza quedou sometido ao de Castela.

A existencia recoñecida fóra de España do Reino de Galiza (por Lois Fungueiriño)

A existencia do Reino de Galicia ven sendo motivo de discusión dende moito tempo atrás. Pero parece que isto só pasa en España dado que, logo dunhas cantas pesquisas en internet, vemos que ignora e omite totalmente dende órganos administrativos a aparición do Reino de Galicia como primeiro reino de Europa.

No ano 2003 TVE emitiu un documental sobre a Historia de España no que se facía referencia  ao Reino de Galicia, entidade que perdurou durante 1.000 años, algúns dos cales como reino independente. Para incidir nesta preocupante falta de sensibilidade, o historiador e profesor García de Cortázar ignora a transición entre o Reino de Galicia cara o Reino de Castilla, simplificando este proceso en beneficio desta última.

Pero, se alonxamos a vista fóra de España, a existencia do Reino de Galicia vólvese máis crible, como deixa claro a páxina da Universidade de Birmingham que o cita como primeiro reino de Europa…
Ademáis diso dende Suecia, esta vez no ámbito dos videoxogos, tamén se lle deu gran relevancia ao Reino de Galicia, incorporado pola desarrolladora Paradox Interactive nun dos seus videoxogos (Crusader Kings II) co apoio da Universidade de Lund, recoñecida como unha das mellores universidades do mundo.

Na miña opinión creo que o Reino de Galicia foi real pero este feito foi moi omitido durante moitos anos e España o que fai que hoxe en dia se siga dudando da súa existencia cando iso só pasa aquí…

Lois Fungueiriño Miguéns 1ºA

 

Existiu ou non o Reino de Galiza? (por Iago Prol)

En diversos foros de internet pódese comprobar que hai un debate sobre a existencia ou non do Reino de Galiza, postulándose dúas opinións, unha a prol da existencia deste e outra que defende que a provincia romana da Gallaecia pasou a formar parte do Reino de León.
O Reino de Galiza existiu, e pódese demostrar mediante diversos datos. Para comezar, hai datos que demostran a existencia do Reino de Galiza e que sitúan o seu orixe no século V, cando os suevos conquistaron o decadente Imperio Romano, instaurando o primeiro reino cristián, que ocupaba o emprazamento da antiga provincia romana de Gallaecia (a actual Galicia, o norte de Portugal, Asturias e León) aínda que no 438 d.C., cando Requila subiu ó trono, adoptou unha actitude moi agresiva contra a poboación hispano-romana e a Igrexa católica e conquistou ata Lisboa polo sur e ata Cantabria polo este, o que provocou que ocupara un terzo da expansión española ata o momento. Despois da morte de Requila, Requiario pasou ó poder e impuxo o catolicismo como relixión, provocando a desaparición das diferenzas entre romanos e bárbaros, converténdose nunha sociedade máis tolerante; ademais foi o primeiro rei europeo cristiá en acuñar unha moeda.
Todo isto amosa non só a existencia do Reino de Galiza, ademais tamén amosa que tivo un gran esplendor, e por dito esplendor sufriu un ataque por parte de romanos e visigodos que acudiron á chamada da nobreza galega que sentía minguado o seu poder pola igualación de clases que provocou a moeda; mais a pesares da derrota no 456, o Reino de Galiza continuou existindo coma reino suevo anexionado ó reinado visigodo e no 585 desapareceu completamente, pero pasou a ser un reinado visigodo dos tres que se produciron (Galicia, Hispania e Norbensis) como mínimo ata o 711 no que atopamos ausencia de información fiábel ata o 911, xa que non hai nada que certifique a veracidade das historias de Don Pelayo e os seus sucesores e a batalla de Covadonga.O que si foi seguro foi o establecemento de Galiza como centro cultural de Europa que trouxo grandes influenzas tanto literarias como lingüísticas ó ser descuberta o sartego do Apóstolo Santiago no 791.
De forma errónea, outros establecen o nacemento do Reino de Galiza no 910(como a famosa páxina webwikipedia) e aseguran a permanente aparición e desaparición do Reino de Galiza, establecendo períodos entre o 910 e o 914, o 1065 e o 1071 e entre o 1072 e o 1073, quedando despois anexionado definitivamente a León.
Pero polo menos temos como certificado o nome de Reino de Galiza ata o século 1833 aínda que funcionou como tal ata o século XV xa que a chegada dos Séculos Escuros provocou a desaparición dos privilexios que ata aquel momento posuía o Reino de Galiza,que tivo coma reis destacados aOrdoño II (910-924), Bermudo II (981-999), Fernando II (1157-1188), Alfonso VII (1126-1157) e Alfonso VIII (1158-1214), atopándose estos tres últimos na etapa de esplendor de Galiza, é dicir, naquela na que triunfabamos no ámbito cultural grazas as diversas cantigas (amor, amigo, escarnio e maldicir), ademais de desenrolarse a agricultura, as explotacións pesqueiras, a finalización da catedral de Santiago e a consolidación e organización das cidades.
Todos estes datos certifican non só a existencia do Reino de Galiza, senón que foi unha gran potencia no pasado que perdeu todos os seus privilexios coa chegada dos Séculos Escuros ó tomar unha serie de malas decisións á hora de escoller o bando nas diversas guerras pola Coroa de Castela que levaron a fortes represións ó ser derrotados por parte do bando gañador.

A existencia oculta do Reino de Galiza (por María Domínguez)

No que levamos deste trimestre, na clase de galego estivemos vendo que nos libros recentes da historia de España non se recoñece a existencia do Reino de Galicia, máis tamén diversos datos que serven como testemuñas que poden demostrar e sustentar a miña opinión de que o que ocorreu foi xustamente o contrario.

Para empezar, a proba máis “accesible” para a poboación galega: As tumbas dos últimos reis de Galicia localizadas na Catedral de Santiago. É lóxico pensar que non pode haber reis se non existe un reino.
A segunda proba son os documentos datados na idade media que mencionan a existencia do noso reino. Estes documentos van dende mapas ata textos pasando por escudos.
Os mapas amósannos o territorio da Península Ibérica dividida nos reinos e un deles é o de Galicia (escrito con diferentes ortografías) contraposto a os outros reinos como podían ser Hispania ou Lusitania (despois xa da Constitución do condado Portucalense como Reino.)
Quizais o texto máis controvertido no que aparece o termo Reino para referirse ao Galicia sexa “la doma y castración del reino de Galicia” de Jerónimo de Zurita, cronista do reino de Aragón.
Tamén poderiamos mencionar, para aqueles que din non comprender todos estas explicacións o feito de que o actual monarca español teña o título de rei de Galicia.

Mais segue habendo voces clamando polo reino de León para demostrar así que o de Galicia nunca existiu e é só unha invención. A verdade é que ó feito de que León foi capital do reino de Galicia demostra que a mentira está na historia tradicional de España, unha historia imaxinada e escrita co fin de manter unha política opresiva que beneficiase aos nobres casteláns.