Cantar e contar para empezar un curso novo

O labor docente ou a necesidade de contar para salvar o pescozo

O curso pasado, un alumno preguntoume por que sempre tiñamos que estudar a persoas que levaban anos, ou décadas, mesmo séculos mortas. Non sabía como explicarlle que non hai progreso sen memoria, nin liberdade sen conciencia da propia identidade. Non souben que responderlle, así que lle contei un conto.

Hai moito tempo, había unha muller en Taragoña que se chamaba Sagrario. Todos a coñecían por Sagrario de Ourolo ou Sagrario dos bolsos.
Sagrario, como todas as mulleres do pobo, como todas as galegas, cantaba e contaba. Sagrario cantaba as cancións que lle cantara súa nai, que escoitara a outras mulleres de Ourolo, da Burata, de Asados ou mesmo do Araño. E, entre as cancións que cantaba, contaba un conto. Sagrario contaba os contos que lle contara súa nai, que escoitara a outras mulleres de Ourolo, da Torre, do Pazo ou mesmo de Rianxiño.

A Sagrario gustáballe sentar á porta da casa, nun banco baixo de pedra, á tardiña, no solpor dos días de verán e calor; gustáballe estar á fresca e ver a xente pasar. Sagrario comezaba a musitar os sons da Cántiga (Unha noite na eira do trigo…) Ao pouco alguén paraba, canso dos labores do día, e sentaba onda ela. Ao acabar a canción, xa se xuntara un bo grupo de xente para oíla contar.

Sagrario vestía unha grande saia cuberta de petos de cores. Moitos petos e moitas cores tiña a súa saia, por iso a alcumaban Sagrario dos bolsos. Para empezar a contar, Sagrario botaba man a un peto e sacaba de dentro un papel. Entregáballo a algún dos que escoitaban e, do papel, nacía un conto. En cada conto había mulleres e homes, xente que vivira moito tempo atrás, xente que morrera moito tempo atrás. Xente que quería volver a vivir para a xente que escoitaba. E Sagrario, coa maxia da palabra, resucitaba aos mortos e facíaos vivir nos seus contos.

Eis a razón de falar d@s mort@s!
Temos que falar d@s mort@s para que sigan vivindo na palabra. Recollemos as súas palabras do pasado para entregarllas ao futuro, porque non hai progreso sen memoria, nin liberdade sen conciencia da propia identidade.
Grazas a Sagrario volve á vida Sherezade!
A única muller que sobreviviu a aquel rei que no solpor casaba e no amencer enviuvaba. Aquel rei que, por vingarse dunha que o traizoara, degolaba a todas. Agás a Sherezade. Ela foi a única que viu amencer despois de pasar a primeira noite co rei. E para seguir sostendo a cabeza cada día, precisaba contar un novo conto cada noite. E botou man das historias por ela oídas, lidas ou imaxinadas. Botou man d@s mort@s, que agora a salvaban da decapitación. Na penumbra do durmitorio, sen máis luz que a lúa, dicía as historias en voz baixa. E, dicíndoas, sentía pracer. E, dicíndoas, daba pracer.
Do medo a morrer naceu a mestría de contar, porque Sherezade sabía que, se o rei se aburría, estaba perdida.

Despois de ler…
Sherezade (Mujeres), de Eduardo Galeano