Existe a liberdade lingüística? (por Candela Lustres)

Na miña opinión, non creo que haxa liberdade lingüística actualmente, eu considero que nos atopamos nunha sociedade con moitos prexuízos que inflúen sobre nós e aos cales nos adaptamos moitas veces. Moita xente imponse á nosa lingua e fomentan o aborrecemento e odio a esta. Por que os nosos fillos non poden ser educados na lingua que nós queremos? Se de verdade existira a liberdade, isto non pasaría hoxe en día…

Segundo o decreto do 33%, deberíanse impartir o 33% das materias en galego, o 33% en castelán e o outro 33% en inglés, o cal leva a que só se pode elixir unha lingua cando se ten o coñecemento de cada unha delas e neste caso estáselle dando igual importancia a unha lingua non oficial, ou sexa, o inglés (lingua estranxeira) que á lingua propia. O que fai que teñamos menos coñecementos das que o debemos ter, pois o galego é a nosa lingua e teríamos, segundo o meu punto de vista, que impartir todas ou a maioría das materias en galego, xa que non en todos os lugares teñen a sorte de poderen seren bilingües por ter unha lingua propia.

Outro motivo polo que non somos libres preséntase moi claro no ámbito social. Na sociedade de hoxe en día, a xente déixase levar máis pola opinión dos demais que pola de un mesmo e se falas galego e estás convivindo con xente que habitualmente fala castelán, por exemplo nun instituto, que recolle actitudes e comportamentos que máis condicionan as relacións sociais, se todo o mundo fala castelán sería moi difícil falar galego e terías que ter unha gran personalidade para manter unha actitude contracorrente.

Por outro banda, e como último dos meus argumentos, no ámbito da administración, por exemplo, nalgún papel oficial non dan a opción de escribilo en galego e hai que facelo por obrigación na lingua que mandan, normalmente o castelán, outro motivo máis polo que non somos libres de elixir a lingua que queremos. Ou mesmo na xustiza, non se pode testemuñar na lingua que un queira, xa que o xuíz manda facelo en castelán aínda que a persoa que dá a testemuña non estea de acordo.

Por iso e por moitos motivos e exemplos máis que podería mencionar, a miña opinión é que non existe a liberdade lingüística, a sociedade atópase condicionada a usar unha ou outra lingua en moitos ámbitos e situacións do día a día.

A liberdade lingüística (por Paula Otero)

Todas aquelas persoas que sexan conscientes de que o galego é unha lingua minorizada, deberían darse conta de que non somos libres de escoller a lingua que desexamos falar, debido a que estamos continuamente sometidos a prexuízos lingüísticos acerca do galego, e iso, entre outras, cousas fai que non teñamos unha liberdade absoluta para escoller a lingua que desexamos falar.

Moita xente cre que si que somos libres de escoller a lingua que queremos falar, pero eu persoalmente, opino que non o somos.

O factor fundamental que fai que non teñamos esa liberdade que moitos desexaríamos ter é a desigualdade lingüística. Tan so se podería ter unha verdadeira liberdade nunha situación de igualdade lingüística e non de minorización dunha lingua, como acontece no caso do galego dende séculos atrás.

É realmente triste que vivindo en Galicia, non poidamos escoller libremente o galego, e todo por mor de tantos prexuízos negativos aos que se ve sometida continuamente a nosa lingua.

Se de verdade existise unha igualdade lingüística, todo mundo sería completamente libre de escoller a lingua na que quixese falar. Seríamos libres polo feito de que non existiría ningún tipo de imposición dunha lingua noutra, e sen lugar a dúbida no caso de que iso acontecera, en Galicia todo mundo escollería falar o galego polo feito de ser a lingua propia da zona.

A través desa reflexión podemos comprobar, unha vez máis, que moitas persoas falan unha lingua ou outra segundo o lugar ou situación na que se atopen en cada momento, e por ese feito de cambiar, xa non estamos sendo libres de escoller unha soa lingua.

Que cambie esta situación e que pouco a pouco comece a existir, aquí en Galicia, unha completa liberdade lingüística, está so nas nosas mans, pero para que iso aconteza, o primeiro que hai que comezar a facer é loitar contra a imposición do castelán e así conseguir que haxa unha igualdade lingüística.

Defensa apaixonada e razoada das linguas minorizadas (por Yaiza Otero)

Gustaríame saber que persoa ten o poder, o criterio para decidir que unha lingua é de primeira ou de segunda. De verdade cremos que hai linguas superiores a outras? Que patrón seguimos para clasificalas, o número de falantes? Que nos gusten máis ou menos? Que a falemos ou non?
Desprezar unha lingua, sexa polo motivo que sexa, é desprezar unha cultura, un pobo. Ningunha lingua é superior a outra. Hai linguas que teñen máis falantes e linguas que teñen menos, pero non porque unha sexa mellor que a outra, en absoluto. Que unha lingua sexa minoritaria non implica que mereza menos repecto que unha maioritaria.
E xa que se mencionan os termos, habería que recalcar que moita xente confunde “minoritaria” con “minorizada”. Non é o mesmo unha lingua con poucos falantes que unha lingua que é desprestixiada polos seus falantes por diversos motivos. Que unha lingua sexa minorizada, como o galego, non implica que sexa minoritaria. Galego, vasco e catalán son linguas minorizadas polos seus falantes, que consideran lingua de prestixio o castelán. Quere dicir isto que o castelán é mellor que o galego? Non, nin moito menos. Estas catro linguas son igual de respectables, ningunha delas é mellor ou peor.
Non só as debemos respectar, senón tamén protexer. Como? Falándoas. Porque se non as falamos, se non as protexemos, se non loitamos por conservalas, perderémolas e con elas a nosa cultura, a nosa historia, a nosa identidade. A lingua forma parte de nós. Que sería dun pobo sen a lingua?
Como galega e galegofalante que son síntome orgullosa da miña lingua, forma parte de min, comunícome grazas a ela. Unha lingua que, en perigo de extinción precisa de protección. É unha pena que haxa xente que se avergonce da súa lingua porque outros (incultos na miña opinión) critícana por algún motivo absurdo do estilo de “é unha lingua de paletos” ou “hai que falar a lingua do Estado” ou, a máis paradóxica, “temos que falar linguas de prestixio, as que teñen maior número de falantes, como o inglés”. Paradóxica esta última afirmación porque sempre que a escoito é por boca de algunha persoa que non fala inglés nin ten intención de facelo, mesmo a teño oído de persoas que non teñen nin idea deste idioma. A onde quero chegar é ao feito de que ningunha lingua é mellor ca outra, non hai linguas de primeira e segunda clase. Cadaquén ten que estar orgulloso/a da súa lingua. Eu estou orgullosa da miña. Eu vivo en galego!

Defensa apaixonada das linguas minorizadas (por Tania Pose)

Gustaríame comezar o artigo abordando as seguintes preguntas, introducindo directamente o tema a tratar: Hai realmente linguas de primeira e linguas de segunda? Hainas que son superiores a outras? É polo tanto mellor o castelán que o galego, o vasco ou o catalán? A miña resposta ás tres é un ”non” rotundo, un ”non” que disfrutarei, daquela maneira, argumentando.

Ningunha lingua é máis importante que outra, teña máis ou teña menos falantes. Loxicamente, cada persoa defenderá a súa e inconscientemente fará que para si mesma sexa a mellor, pero isto non quere dicir que o sexa universalmente.
As linguas maioritarias non son máis importantes, simplemente teñen máis falantes, e non por isto hai que falalas deixando a un lado as minoritarias, porque desa maneira non se é máis intelixente, de feito atrévome a dicir que sucede o contrario. Con isto non quero dicir que aprender linguas sexa malo, pois cantas máis linguas saibamos máis ricos cultural e intelectualmente seremos, pero no momento en que desprezamos a unha por considerar a outra ”mellor” carecemos diso, de cultura.

Todos os idiomas son o mesmo, non hai ningún superior. No caso de que o houbese non sería ese ó que habería que protexer, senón ós outros, e por culpa das persoas que pensan que os hai, existen as linguas minorizadas, e si: Temos que protexelas. Como? Falándoas. Por que? Porque nos arriscamos a perdelas, e non só perderíamos unha das moitas linguas do mundo, perderíamonos a nós memos, a nosa historia.

Non, non é mellor o castelán que o galego, o catalán e o vasco, por ser a lingua do Estado. Non é mellor o francés. Non o é nin o tan estendido inglés. Nin o chinés, nin o xaponés. Non hai linguas mellores que outras porque non hai nada que as faga mellores, só a mentalidade dalgunhas persoas que non ven ou non queren ver a realidade.

Defensa apaixoada e razoada das linguas minorizadas (por Teresa Novo)

Hai linguas de primeira e de segunda? Quen ten o valor de xulgalas? Con que criterios se xulgan? Polo número de falantes? Pola súa superioridade lingüística?

Apartar unha lingua por aspectos políticos ou culturais pode entenderse como racismo contra esa lingua e contra os seus falantes, polo tanto, para contra a humanidade. Na miña opinión, quen despreza e desprestixa unha lingua non ten coñecementos para suficientes como para non facelo, xa que non sabe todas as vantaxes de saber varias linguas diferentes. Ademais os que as desprestixan son aqueles monolingües que non saben que falando dúas ou máis linguas hai moitas máis facilidades en todos os ámbitos e menos posibilidades de padecer enfermidades de memoria como o alzheimer.
Tamén creo que no noso caso o galego é como o noso símbolo, a nosa cultura e a nosa tradición.

Que algunhas persoas traten de eliminar (porque dalgún xeito é o que fan) estas linguas, que son minorizadas pero que en ningún caso teñen menos importancia na sociedade , paréceme unha locura, en todos os sentidos e o que deberíamos facer os galegos é non avergoñarnos da nosa lingua e falala, falala en todos os ámbitos sen importar o que os demais digan.

Ademais desta vergoña de falar o galego pola nosa parte, aprender a nosa lingua no noso territorio só é un dereito, mentres que o castelán é un deber (baseándome nas leis impostas agora mesmo), se as dúas linguas tivesen o deber de seren aprendidas, comezaría unha igualación lin-güística, na que despois si que se podería falar de bilingüismo social (aínda que creo que dúas linguas no mesmo territorio nunca van a estar igualadas xa que unha  a ter maior prestixo social).

En conclusión, todas as linguas de España deberían ter os mesmos dereitos e obrigas no seu territorio e ningunha debería ser tratada como lingua para burros nin nada polo estilo, xa que todas son linguas serven para comunicarnos.