Brasileg@s

Música para proclamar o son ‘brasilego’

Non hai fronteiras entre o Brasil e a Galiza.  O músico Sérgio Tannus publica Son brasilego, un traballo composto por cancións propias e onde conta coa colaboración duns corenta músic@s da lusofonía. Preséntase a cuarta feira, ás 20 horas, nas Crechas e o día 18 no Teatro Principal de Compostela. 

“Son brasilego, manga e pesexo. Son froito cento por cento dunha nova raza de xente”. Con estas palabras, o músico Sergio Tannus resume o seu novo disco, que se chamará, precisamente, Son brasilego. O título é toda unha declaración de intencións, un manifesto metafórico que conxuga o verbo ser ao ritmo dunha fusión de sensibilidades, de dous puntos de vista dunha mesma cultura separada e unida ao tempo por un eterno océano. “Son brasilego, manga e pexego”, canta Tannus nunha canción que lle regala o título ao álbum. “Son froito dunha nova raza de xente”, escóitase na melodía, co orgullo dun berro de confesión e a convicción da proclama. Tannus, desde o outro lado do Atlántico, é membro desa “nova raza” e o seu futuro disco, que ten previsto o seu lanzamento para finais de outubro, convértese na resposta do músico á hospitalidade que atopou neste recanto do mundo. “En certo xeito é pechar un ciclo dos seis anos que estiven en Galicia. Quero que sexa un agradecemento e unha ponte de unión”, explica Tannus, que insiste en que o disco non é seu, que é unha obra “colectiva”.

O álbum resume, en certo xeito, un sentimento que agromou cunha serie de músicos procedentes da lusofonía que chegaron a Galiza para ficar e cun grupo de músicos galegos que compartiron todo con eles. A “raza nova”, brasilegos de aquí e de acolá.

Tannus é un exemplo claro deste colectivo procedente do Brasil. A súa transformación en brasilego remóntase a 2006, na cidade de Niterói.  Nese momento cruzaron os camiños do intérprete brasileiro e dunha comitiva galega en que se atopaban, entre outros Uxía, Luar na Lubre ou Fran Pérez Narf. Alí agromou unha amizade entre Tannus e os galegos ao tempo que espertaba o seu interese por un recanto de Europa chamado Galiza.

FONTE: Sermos Galiza

Quico Cadaval e os seus contos brasilegos