As linguas dun estado plurinacional (por Paula Cambeses)

As pertinentes e constantes chamadas telefónicas dunha empresa de enerxía eléctrica, son a principal causa pola que María Xosé C. Trillo (profesora de filosofía) se anima a escribir este texto, no que reflexiona sobre a denominada “plurinacionalidade” do noso Estado.

María está cansada de recibir as chamadas dunha compañía de enerxía, que aparte de molestala con continuas preguntas, lle esixe que fale en castelán e non empregando a súa lingua habitual, o galego.

Dende logo, ela non considera normal que aconteza isto nun Estado que afirma ser plurinacional e no que unha gran parte dos habitantes usan no seu día a día un idioma distinto ao español.

Así mesmo, para defender a súa tese, aporta numerosos argumentos, entre os que destacan os seguintes: as empresas deberían contratar a xente que supera empregar as distintas linguas faladas en España xa que desta maneira increméntase o vínculo cos clientes.

Ademais, indica que debemos ter coidado co fenómeno coñecido co nome de globalización debido a que nos pode conducir a un mundo no que che esixan dominar chinés, francés… é dicir, as linguas máis poderosas da actualidade.

E, para rematar co seu escrito incide e reivindica o seu dereito a non cambiar a súa lingua ao atender a unha chamada telefónica.

Persoalmente, estou totalmente de acordo coa escritora deste texto xa que considero que cada un debería poder expresarse no idioma que desexe, tal e como consta no Estatuto de Autonomía de Galiza.

No noso país, existen numerosas linguas a parte do castelán que eu creo que debemos intentar manter. Vivimos nun mundo no que a diversidade lingüística está presente e é moi importante conservala, xa que un idioma é un símbolo de identidade dun pobo e se este desaparece pode levar consigo toda a tradición e a cultura dos habitantes dese lugar.

Actos como os desta compañía incrementan o dominio do castelán resaltando que unha persoa pode vivir falando só castelán pero non pode facer o mesmo empregando o galego, incrementando o monolingüísmo na lingua hexemónica. Con todo, está demostrado que saber máis dun idioma é moi beneficioso tanto a nivel persoal como profesional. Polo tanto, creo que deberíamos aproveitar a oportunidade que se nos ofrece ao vivir en Galiza.

Dende o meu punto de vista, esta empresa non debería obrigar a ninguén a cambiar a súa lingua e coincido plenamente coa autora en que non lle supoñería tanta dificultade contratar a unhas cantas persoas que souberan falar os distintos idiomas de España. Non facelo, non resulta beneficioso nin para a empresa, que pode perder algúns clientes, nin para os subscritos a esa compañía que non falen habitualmente castelán. Case todas as empresas afirman estar a disposición dos seus clientes mais con estes feitos non demostran realizalo.

En conclusión, estes actos que nos poden parecer pouco importantes non o son e poden acabar conducíndonos cara un mundo no que só existan as linguas que hoxe en día son máis poderosas.