Matthew, o políglota que aprende galego. Alofonía e poliglotismo (por Fátima Ordóñez)

Foron suficientes menos de 5 min de proxección do video“As voces de Babbel | Políglota falando 9 idiomas”para poñer de manifesto a gran importancia de falar máis dunha lingua, así comoa ultilidade de falar linguas diferentes á materna.
Na sociedade actual, en xeral, existe un gran número de persoas aprendendo linguas diferentes á sua lingua materna. Na maior parte dos casos, trátase de linguas verdadeiramente dominantes como o español ou o inglés, causantes do abandono de linguas minorizadas como é o caso do galego. Moitos dos políglotas que falan numerosas linguas, deciden aprendelas segundo unha serie de prexuízos como é o seu número de falantes.
Matthew, un políglota-sociolingüista, fala máis de 9 linguas diferentes e entre as novas que está aprendendo atópase o galego. Así mesmo, nun principio, tamén quixo aprender portugués pero a súa propia nai insistiu en que aprendera o castelán en lugar do portugués xa que tiña máis número de falantes. Coido que parece mentira que un sociolingüísta coma Matthew poida considerar semellante argumento aceptable xa que carece de sentido común. Estes prexuízos estamos habituados a escoitalos na sociedade, polo que aínda hoxe en día non os conseguimos erradicar. Así pois, a pesar de que moita xente despreza a nosa lingua, atopámonos con persoas como Matthew que a falan e aprenden sen ningunha obriga e que demostran que o galego sí que é útil.
Non só o galego é falado por algunhas persoas políglotas senón que ao longo da historia foron moitos os autores foráneos que empregaron o galego nas súas composicións, substituíndo o galego pola súa lingua materna e contribuíndo á literatura galega como é o caso dos poemas de Anne Marie Morris e os libros de Ursula Heinze, ata novelas como As frechas de ouro , de John Rutheford. Estes autores alófonos foron cautivados pola lingua galega e chegando ater relacións intensas e perdurables coa nosa lingua.
Considero que a alofonía é un síntoma de normalidade lingïstica e, polo tanto, encamiña a nosa literatura cara a súa normalización. Pois, como dixo Castelao, “se aínda somos galegos é pola obra e gracia da nosa lingua”, que, como vemos, consegue cativar mesmo a autores e autoras foráneos.

Alofonía

A conquista da lingua literaria

A sensación literaria do momento en Francia naceu en Estados Unidos e leva unha vida case anónima en Barcelona. Jonathan Littel, autor de Les Bienveillantes , é o último caso célebre de escritor alófono, un autor que elixe para construír a súa obra literaria unha lingua diferente á súa materna. Littel, que escribiu a súa novela directamente en francés, semella seguir os pasos de Joseph Conrad e Vladimir Nabokov-polaco e ruso, respectivamente, que empregaron o inglés-, ao acadar premios como o Goncourt ou o Grand Prix da Academia Francesa.

O galego tamén conta cunha notable contribución de alófonos, que foi estudada en 1993 nun congreso dedicado aos poetas e dirixido por Xesús Alonso Montero e Xosé M. Salgado. Dende os poemas de Anne Marie Morris e os libros de Ursula Heinze, ata novelas como As frechas de ouro , de John Rutheford, o galego cativou a escritores foráneos que elixiron crear nesta lingua.

1994 é un ano sinalado para dous alófonos. A escritora canadiana Erin Moure visitou Galicia por primeira vez, acompañada polo seu pai, na procura da aldea do seu bisavó. Benito Moure Lobariñas emigrara dende Crecente a Lisboa en 1848, despois foi a Londres e a súa descendencia a Canadá. A Erin escoitar galego causoulle «sorpresa e ledicia», polo que decidiu aprender a lingua. No 2001 coñeceu a Chus Pato e desa amizade xurdiron novos proxectos de escritura e tradución. O caso do alemán Franck Meyer foi parecido: durante unha estadía en 1994 en Santiago coñeceu a un círculo de escritores que facilitou a súa entrada natural no galego e aí comezou unha relación intensa e perdurable: «Chegou o momento en que me resultaba totalmente imposible escribir en alemán, mesmo estando en Alemaña».

Tamén hai escritores que fixeron do galego a súa lingua de creación, como Marilar Aleixandre ou Xosé Antonio Perozo, que naceron en Madrid e Badaxoz, respectivamente. Ambos os dous chegaron a Galicia na vintena e aquí asumiron o idioma con naturalidade ou, como di Aleixandre, deixáronse «seducir». Curiosamente, os dous xa leran Longa noite de pedra , de Celso Emilio Ferreiro, un dos primeiros contactos seus co galego.

Para os catro escritores, a alofonía supón unha vantaxe na súa relación coa lingua, «máis reflexiva», segundo Aleixandre. «O material do escritor é a lingua, e o alófono, polos esforzos de aprendela, coñece ben o seu material», apunta Meyer. Moure tamén subliña unha utilidade alén da literatura: «En Portugal podo cambiar un pouco o meu acento e falar coa xente», ademais de lembrar a amizades no Brasil ou Chile coas que se comunica en galego.

Integración

Malia algunha ocasional mostra de estrañeza, polo xeral estes alófonos atópanse cómodos coa percepción da súa obra. «Síntome completamente integrada, non exótica», afirma Aleixandre; «Sinto que a xente ten moito respecto polo meu traballo», engade Moure. Perozo tamén lembra que sempre atopou máis comprensión e simpatía que desconfianza. Pero os alófonos prefiren que se xulguen os seus escritos polo seu valor literario e non polo lugar de nacenza do escritor. «O do exotismo distrae do importante: a literatura e o que escribes», sostén Meyer. O propio Meyer sinala ademais que, sendo estritos, moitos autores galegos tamén poderían ser considerados alófonos, «pois o galego para eles non é a primeira lingua que empezaron a falar de nenos».

Estes autores consideran que a alofonía pode ser tomado como un síntoma de boa saúde, pois a aprendizaxe por inmersión precisa dun sistema social e literario, segundo Aleixandre. Meyer tamén ve as consecuencias positivas: «As grandes linguas e literaturas atraen os alófonos».

Reportaxe de Xesús Fraga (Xaneiro, 2007)| Escribir nun idioma distinto ao materno

FONTE: La voz de Galicia

ALOFONÍA CATALÁ DE CUNQUEIRO (2+1 POEMAS)

Cunqueiro deixounos 2+1 poemas en lingua catalá. Dous coñecidos integramente na súa dimensión catalá e un aparecido nunha carta, e do que existe unha máis que probábel readecuación ao galego.
O primeiro deles é coñecido como Cantiga Catalana que o autor adica ao propio Garcés e que ten trazos neotrobadorescos. Aparece publicado en novembro de 1935 no nº4 de Quaderns de poesia, que levaba o título de La musa políglota e que se inicia cun dos poemas galegos de Lorca.
O segundo é La nit es bruna, adicado a Josep Carner e inédito até 1991.
E unha terceira e singular composición catalá, La cançó del rossinyol de la mort cruel que chegou até os nosos días nunha carta que Cunqueiro dirixe a Garcés e da que temos coñecemento polo profesor Alonso Montero. Nela Cunqueiro comunica a Garcés a necesidade de que se lle envíe desde o Principat unha gramática e un dicionario (cita propiamente o de Fabra) e esboza un dos supostos seis poemas que xa ten escritos en lingua catalá. Deles pouco se sabe (amáis desta mención na carta), e dos que di “agarda chegar a dez”. A carta data de 9 de xaneiro (intuese de 1936 xa que coñecemos que a amizade entre Garcés e Cunqueiro data do 1934 e a publicación de Quaderns de poesia nº4 de novembro de 1935).

FONTE: Palabras de Amauta