Afonso X, impulsor do castelán e poeta en galego-portugués (por Laura Romero)

Un dos maiores paradoxos da historia da nosa lingua é o feito de que Afonso X o Sabio, o monarca que lle deu o impulso ao castelán para converterse na lingua oficial do territorio español, escribise as cantigas de Santa María en galego.

O reinado de Afonso X, no século XIII, representa un fito na evolución da lingua castelá e da súa literatura posto que foi este monarca o que impulsou a utilización desta lingua na administración e da cultura laica do Reino de Castela, Galiza e León, de forma que a maioría dos documentos oficias pasaron a estar en castelán desprazando así o latín, a utilizada para estas labores até aquel momento. Tan só se escribían en latín os documentos destinados a outros reinos, posto que esta seguía a ser a lingua internacional naquela época. Desta forma ao adoptar o castelán como lingua oficial por riba do latín, a chancelaría castelá, que na Idade Media se entendía como o órgano destinado a rexistrar, expedir y selar los documentos reais, adiantouse á dos demais reinos da Península Ibérica e tamén á inglesa e francesa.

A razón pola que o rei Afonso X elixiu o castelán como lingua do ámbito xurídico e administrativo do seu reino é que xa dende mediados do século XII Castela era o reino con mais peso demográfico, con maior extensión territorial e cun maior poder económico.

Aínda así, este monarca, o mesmo que fixo traducir e producir multitude de obras en castelán, escribiu unha das obras cumes da literatura galego-portuguesa. A razón pola que escribiu esta grandiosa obra nun idioma que logo non ía a defender nin impulsar é que naquel momento o galego-portugués era a lingua obrigada nas cortes peninsulares para o cultivo do xénero lírico. Así, Afonso X considerou que o galego, pola musicalidade e os seus trazos específicos era a lingua máis adecuada para escribir estas cantigas.

Así, a pesar de que o rei Afonso X o Sabio sería o que lle dese o impulso ao castelán para converterse na lingua oficial por riba das demais da Península Ibérica, considerou que o galego, ao ser a lingua utilizada na lírica daquel momento, era o idioma adecuado para as Cantigas de Santa María.

Save

Por que Afonso X escolleu o galego para as Cantigas de Santa María? (por Paula Cambeses)

A visualización, na aula, do vídeo acerca da historia de Galiza e da nosa lingua, deixounos o camiño aberto para reflexionar e investigar acerca dunha cuestión interesante e curiosa.

Durante a Idade Media, o galego viviu a súa etapa de máximo esplendor e, neste período, cultiváronse numerosas cantigas, entre as que destacan as de amor, amigo e maldicir. Con todo, a mediados do século XIII, comezaron a compoñerse na corte do rei Afonso X as Cantigas de Santa María escritas en galego-portugués. Por aquel entón, ambos idiomas constituían unha soa lingua. Mais, o feito estraño radica no motivo que levou a este monarca a usar o noso idioma, cando era un indubidable defensor da lingua castelá. El mesmo foi un dos impulsores máis relevantes do castelán e logrou adquirir a súa consideración de idioma cultural. A continuación, móstranse algúns dos motivos que puideron conducir a esta situación.

No vídeo do que falaba anteriormente indícase como característica salientable o gran peso e poder a nivel de cultura da lingua galego-portuguesa, pero, con esta afirmación a pregunta aínda queda incompleta. É certo que a nosa lingua estaba no medio dunha etapa favorable. Non obstante, a nosa prosa medieval é pouco valorada pola maioría do estudosos, que a consideran escasa e pouco importante. G. Tavani pretende explicar este feito polo que recorre a teoría do par lingua-xénero. É dicir, na Idade Media, cada idioma estaba destinado a un xénero concreto. Esta afirmación responde á reflexión xurdida inicialmente: o rei Afonso X, ao igual que os trobadores e xograis da Península Ibérica ou incluso do resto de Europa, decidiu utilizar o galego-portugués debido a que a súa función era ser o medio de expresión do xénero poético. A súa gran musicalidade, xunto con diversas características específicas, facíana o instrumento idóneo para a lírica. Mentres tanto, o castelán xa ía ocupando o resto de usos converténdose na lingua narrativa por excelencia e empregándose nos estudos, na investigación ou no ensino.

Todo isto, fainos reflexionar acerca dun dos prexuízos cara o galego: a consideración, durante moitos anos, da nosa lingua como idioma unicamente válido para a lírica. Esta afirmación, cuxa orixe a atopamos na época medieval, dificultou grandemente o asentamento do galego nos outros xéneros (prosa e teatro) e en diversas funcións da nosa vida que deben cumprir todos os idiomas normalizados. Polo tanto, a asociación de lingua-xénero da Idade Media resultou prexudicial para a nosa lingua creando un dos motivos da súa actual anormalidade.

FONTES:

Marlou literatura

Blog islabahia

Save

É a literatura galega unha literatura normalizada? (por Victoria Pereira)

A situación da literatura galega é claramente a dunha literatura non normalizada, a pesar dos intentos e medidas tomadas ao longo do século XX (antes da ditadura franquista e despois, coa chegada da democracia) por institucións e grupos diversos, como o Seminario de Estudos Galegos ou as Irmandades da Fala no seu momento, que tentaron enfrontarse ao retraso e desprazamento da nosa literatura tras séculos de desprezos e prexuízos promovendo políticas normalizadoras e logrando achegar novos temas e xéneros nunca tratados anteriormente por obras galegas.

Pero isto, como digo, non foi suficiente e, case un século máis tarde, a situación da literatura galega segue a ser case a mesma, aínda que cun leve progreso. A causa principal desta circunstancia é, sen dúbida, o feito de que a lingua galega non estea tampouco normalizada: é imposible que unha literatura o estea se a lingua que emprega se atopa na situación do galego, unha situación de diglosia e minorización lingüística. Por tanto, non se logrará normalizar a literatura galega ata que a lingua sexa normalizada.

En canto ao prestixio da literatura fóra de España, si que podemos declarar que é grande, tendo en conta as cifras de traducións de libros galegos a outros idiomas, que sitúan á nosa lingua dentro das máis traducidas do mundo, a uns 37 idiomas diferentes, pero esta situación é moi diferente dentro do noso país. En Galicia, a literatura galega non ten ese mesmo prestixio e o número de vendas é moi inferior ao da literatura en castelán. Só con fixarnos en calquera libraría de Galicia, podemos percibir como a literatura galega ten menos presenza e menos recoñecemento e publicidade. Ademais, as xeracións novas, debido á substitución lingüística, e mesmo os galego-falantes, non disfrutan da literatura galega, ao serlles complicada e pesada a súa lectura en galego normativo. Isto débese, unha vez máis, á situación dunha lingua non normalizada.

En canto aos prexuízos acerca da literatura galega, estes seguen moi presentes na actualidade. Moitas persoas, e mesmo autores e membros do mundo literario, seguen a pensar que a lingua galega só é útil ou válida para tratar temas ou xéneros determinados, como a poesía.

Isto podemos observalo nun caso concreto: Lázaro Carreter, membro da RAE, preguntoulle ao autor galego Alfredo Conde, tras a concesión dun premio a unha das súas novelas, “cando ía pasarse ao castelán para facer del un escritor”, dando a entender que para poder ser un bo escritor e para crear literatura de calidade, debe empregarse o castelán e nunca o galego.

En conclusión, a literatura galega non está normalizada e son moitos os prexuízos e discriminacións que sofre. Para lograr esa normalización é preciso comezar por mellorar a situación lingüística, pois se non se logra que o galego sexa unha lingua normalizada, a situación da literatura nese idioma non mellorará xamais e non se alcanzará unha situación de normalización da literatura galega.

Save

É a literatura galega unha literatura normalizada? (por María García)

É sabido que a lírica galego-portuguesa foi hai séculos unha das máis prestixiosas de Europa; pero qué hai da posición da nosa literatura na actualidade? Está a literatura galega normalizada? Na miña opinión, non. Unha literatura non está normalizada se unha gran parte dos seus lectores proveñen de lecturas obrigatorias académicas.

A gran maioría dos galego-falantes len en castelán. Os seus libros favoritos están en castelán. En Galicia prefírese ler en castelán porque para os galego-falantes a lingua galega da literatura resulta artificiosa. Os nosos pais e avós foron á escola en español, aprenderon a ler nesa lingua e o galego literario resúltalles estraño. Estamos acostumados ao “noso galego”, lingua informal e familiar, non ao galego dos libros.

Algunhas das máis prestixiosas editoriais de libros para nenos son galegas, como Kalandraka. Posuímos abundante literatura infantil de calidade. Non obstante, existe un baleiro na literatura xuvenil que fai que os adolescentes cesen de ler en galego. Isto provoca que os lectores adultos diminúan progresivamente deixando de lado o noso idioma, como ben afirman as enquisas do IGE (Instituto Galego de Estatística), nas que se percibe a clara incomodidade que senten os galegos ao ler no seu idioma.

Pola contra, cada vez fórmase a máis lectores en galego, pois nas escolas ensínase na nosa lingua e lese nela. Se as novas xeracións comezan a ler no noso idioma, este será normalizado no ámbito literario. Deste xeito desaparecerán os prexuízos que desterran o galego da escrita e o colocan como lingua tan só para a oralidade.

En conclusión, a nosa literatura non está normalizada, porque a nosa lingua tampouco o está. Que se pode esperar da literatura dun idioma non normalizado? Hai que sustentar as bases da nosa lingua para logo preocuparse pola súa literatura.

 

É a literatura galega unha literatura unha literatura normalizada? (por Bernal Muíños)

É a literatura galega unha literatura unha literatura normalizada? Dende a literatura galego-portuguesa do século XII (as chamadas Cantigas de Amor, Amigo e Escarnio) ata as creacións literarias actuais, a nosa literatura pasou por momentos de esplendor e de decadencia. Hoxe en día, aínda que o abano de opcións para ler no noso idioma é moi amplo, a literatura galega non está normalizada.

De primeiras podemos pensar en todo o que lemos en galego durante a nosa infancia: Os Bolechas, os libros da editorial Kalandraka ou do escritor Anxo Fariña… A verdade é que a cantidade de exemplares na nosa lingua para os máis pequenos é enorme, e a esas idades a nosa literatura está completamente normalizada. A maioría dos nenos adoitan ler en galego. Pero todo ese traballo que se fai durante a infancia queda destruído durante a adolescencia.

Chega o momento en que non hai opcións que interesen aos adolescentes. Nin hai gran variedade de libros escritos de escritores galegos nin tampouco hai traducións dos grandes best-sellers para os moz@s. Nas librerías todos os títulos rompedores da actualidade só se atopan en castelán (ou en inglés ás veces). Para non desfacer todo o traballo realizado, os da miña idade deberíamos poder ler Os Xogos da Fame, Diverxente, Xogo de Tronos… e, a día de hoxe, non podemos. E isto provoca que as nosas lecturas en galego queden reducidas aos libros de Lingua e Literatura Galega que lemos no instituto.

Poderiamos destacar tamén o enorme número de publicacións en galego que saen ao día. Os datos afirman que, diariamente, publícanse entre tres e catro libros no noso idioma. Esa cantidade de libros é inxente, tendo en conta que o número de habitantes de Galiza está arredor dos 2.700.000. Pero, de que serven tantas opcións, se os propios galegos afirman que, se lles dan a escoller, prefiren ler en castelán? Isto queda reflectido nas enquisas do IGE: o 64% dos galegos desenvólvese mellor lendo en castelán. E isto é síntoma que evidencia a non normalización da nosa literatura.

Podemos atopar máis argumentos para defender que está normalizada, pero creo que ningún deles pode combater a triste realidade. A literatura galega é unha literatura non normalizada. Débese potenciar e poñer en valor, xa que non ten nada que envexar das composicións noutros idiomas e é parte da nosa cultura. Se nós mesmos non defendemos o que é noso, quen o vai facer?

A Literatura galega, unha literatura non normalizada (por Paula Cambeses)

A procura de información en internet e o debate realizado na aula fixéronme afianzar a miña postura acerca da non normalización da literatura galega. Pero, a que se debe este feito?

A literatura escrita na nosa lingua tivo a súa época de esplendor durante a Idade Media, na que gozou dun espectacular prestixio. Pero, diversas condicións adversas, levaron ao noso idioma á decadencia dos Séculos Escuros. As obras escritas en galego desapareceron case por completo e cando regresaron (no século XVIII-XIX) fixérono en forma dunha literatura comprometida e de resistencia que persistiu con esa temática durante moitos anos. Esta característica resalta a mencionada anormalidade. O desenvolvemento da literatura non foi favorable e como vemos, iso condicionou indubidablemente o seu futuro.

Deixando isto de lado, debemos ter en conta que o noso idioma aínda non adquiriu a tan desexada normalidade. Isto pódese observar na existencia de abundantes prexuízos ou na proliferación do denominado fenómeno de diglosia. Polo tanto, se o galego non está normalizado, como pode estalo a literatura?

Seguindo coa temática anterior, se regresamos aos prexuízos contra o noso idioma podemos pensar nas seguintes frases: “o galego é a lingua do rural” e “o galego é unha lingua para a poesía”. Deixando á marxe o paradoxo destes ridículos prexuízos, o certo é que afectaron claramente ao noso mundo literario. Se non, como poderiamos explicar que o xénero predominante e case único até os anos 80 sexa a poesía? Esa poesía máis achegada aos sentimentos e, polo tanto, menos condicionada comercialmente no mundo español das editoriais? A lírica é un xénero tan bo como os outros pero, este feito volve a resaltar de novo a mencionada realidade.

Se a todo o anterior lle unimos a existencia dun número escaso de lectores en galego, a situación non fai máis que empeorar. Isto non se debe tan só a que os castelanfalantes non queiran deixar o seu idioma no ámbito literario, se non, que a maioría dos galegos propios (que lle dan vida a súa lingua) afirman que prefiren e lles resulta máis doado ler en español. Sen ter en conta os libros da materia de galego e que son obrigatorios, só unha minoría (o 7% segundo as enquisas do IGE) está verdadeiramente comprometido coa causa e co seu idioma.

En conclusión, aínda que nos últimos anos a situación da literatura galega avanzou, a día de hoxe, podemos afirmar rotundamente que non se atopa nas condicións máis favorables. Con todo, esperemos que nun futuro próximo esta característica cambie radicalmente.

É a Literatura Galega unha literatura normalizada? (por Alicia Fernández Insua)

A normalización da literatura galega é un proceso que a día de hoxe non foi levado a cabo como debería. A pesar de ter antaño os seus momentos de gloria, máis concretamente no século XX grazas á Xeración Nós , actualmente a literatura en Galicia, non ten unha situación de esplendor, posto que a inmensidade de prexuízos caro ó galego e diferenciación respecto a onde se fala e como se fala dita lingua provoca que a literatura galega non teña o seu recoñecemento como as literaturas doutras linguas. Polo tanto, a miña postura sería que a literatura galega non está normalizada, xa que como mencionei antes, esta vese no século XXI gravemente afectada por diversos factores.

En primeiro lugar, en pleno século XXI vemos que en Galicia reina a diglosia entre dúas linguas, o galego e o castelán, quedando o primeiro sometido ao que ten máis poder, e carecendo polo tanto de prestixio para desenvolverse en todos os ámbitos no territorio. Asimesmo, tamén existe unha importante marxinación lingüística, xa que a pesar de que en Galicia existan persoas que si defenden a súa lingua, o galego, e mesmo neofalantes, ese número queda moi pequeno se o comparo coas outras persoas que ao chegar aquí non se molestan en comprender nada que teña que ver coa lingua galega.

En segundo lugar, en 1981 aprobouse o Estatuto de autonomía de Galicia, recoñecendo que o galego é o idioma propio de Galicia, e oficial, xunto co castelán na comunidade, coa liberdade de que todos o poidan utilizar na escrita, así como na oralidade, á vez que éste responsabiliza os poderes públicos de normalización do galego en todos os ámbitos, incluíndo a literatura. Ben, hoxe esta lei parece que non se ten moi en conta, pois o galego está afrontando dificultosamente os prexuízos e o rexeitamento por parte de institucións, empresas, e sociedade en xeral, estando na propia Galicia, provocando que éste quede estancado en todos os niveis, mesmo na literatura galega, xa que cada vez o galego vese menos plasmado en grandes obras porque o castelán acapara todos os espazos, como ñe habitual nunha lingua hexemónica.

Tocante a este tema, gustaríame poñer un exemplo persoal respecto á normalización da literatura galega; Fai algúns anos atopábame coa miña prima de Padrón xogando unha tarde, cando me pide que lle narre un conto calquera. Comezo a contarlle e interrómpeme dicindo que non entende absolutamente nada. Ante isto, eu non tiven outra opción que contarllo en castelán. Entón, isto levoume a pensar que esta rapaza, xa desde que naceu, non oe nada en galego, nin na familia nin no colexio, vivindo en Padrón. Resulta verdadeiramente frustrante, posto que produce tristeza que, desde que nacen, os pais quítanlle aos fillos a lingua que lles pertence e viven toda a súa vida sen coñecela nin empregala.

Como conclusión, direi que a normalización da literatura galega de hoxe non existe case en Galicia, debido a que a mocidade e os pequen@s da actualidade xa comezan a ler os libros en castelán. Igualmente que eu confeso que desde curta idade os meus contos estaban todos escritos en castelán e sempre me preguntaba como é que non había ningún libro en galego, chegando á miña inocente conclusión de que o galego non existía na escrita, só na fala. Afirmando isto, observo que os moz@s desta xeración prefiren ler nas escolar por exemplo en castelán, onde os escritos en galego son lidos obrigatoriamente e de mala gana. Perdendo así o seu esplendor a literatura galega dende o ámbito educativo, e xa desde a mocidade. É, polo tanto, evidente que a literatura galega non está normalizada, pois a pesar de ser a literatura dada polo pobo galego, por ese mesmo pobo é pisoteada. Non hai que esquecer que se enfronta a unha literatura, que neste caso posúe un prestixio moi elevado e cuxa literatura é moito máis coñecida por todo o mundo. Así que, fagamos que primeiro exista unha normalización da propia lingua antes de falar da existencia da normalización da literatura galega.

 

Save

A normalización da Literatura Galega (por Aida Barros)

A literatura galega é unha literatura única, destacada, que tivo o seus anos de ouro pero que, desgraciadamente non pode ser considerada unha literatura normalizada.

Algúns poden estar en contra e rebaterían dicindo que unha literatura que conta con grandes obras, coma a nosa, ten que estar normalizada hoxe en día. Seguramente esas persoas comezasen a nomear a famosos escritores nados en Galicia e, entre eses nomes, atoparíamos algúns casos como o de Emilia Pardo Bazán. Como ela, moitos escritores de berce galego decantáronse unicamente pola lingua castelá á hora de escribir. Desta forma non estamos falando de obras en lingua galega e, polo tanto, tampouco de literatura galega. Así, debemos descartar isto como argumento a favor de que a nosa literatura está normalizada.

Seguindo esa mesma liña, hai que destacar o considerable volume de títulos publicados en galego, o que sitúa á literatura galega ao mesmo nivel que unha normalizada en canto a publicacións, mais, como ben dixo o escritor Luís Rei Núñez nunha entrevista: “… pese aos numerosos títulos publicados, en canto ao número de lectores, desgraciadamente, quedámonos moi en desvantaxe. Unha literatura normalizada non pode subsistir a conta dos lectores dos centros escolares, aos cales lles son impostos os libros en galego”.

Xunto con todo isto, é esencial ter en conta que unha literatura non pode estar normalizada cando a lingua que lle serve de motor non acadou este estado de normalización. Hoxe en día, a lingua galega conta cun menor número de falantes que fai uns anos, tal como amosan as estadísticas do IGE (Instituto Galego de Estatística). Así mesmo, a existencia de grupos e equipos de normalización e dinamización lingüística, como o ENDL do noso propio centro, demostran que o galego aínda se atopa en proceso de acadar ese estado de normalidade dentro da sociedade.

Desta forma, destacando o que nós mesmos vemos ao noso redor, creo que podemos afirmar (con gran pésame) que a literatura galega non está normalizada, e que aínda debemos traballar para que poida acadar dita normalidade nun futuro, se pode ser, non moi afastado.

A Literatura Galega, unha literatura non normalizada (por Alba Vicente)

Ante a pregunta de se a literatura galega está normalizada, dadas as actuais condicións nas que se atopa a nosa lingua, a miña postura e claramente en contra.

Para comezar, hei de dicir que a nosa lingua non se desenvolveu nunhas condicións de normalidade e protección, polo que a literatura dificilmente se pode atopar normalizada nunhas condición desfavorables como esas. Como se pode normalizar unha literatura se nin a propia lingua o está?

Fronte a isto moita xente comenta que dende que se introduciu o galego no ensino, a competencia lingüística dos galegos ten aumentado notablemente e o número de lectores tamén, mais, unha literatura non se pode alimentar só dos alumnos que len os libros obrigatoriamente en galego nos seus centros de ensino, senón que precisa tamén de xente que lea por vontade propia, porque lle guste e, como ben sabemos, a mocidade actual ten unha preferencia enorme pola literatura en castelán. Isto vese reflexado no Instituto Galego de Estatísticas, onde apreciamos que no 2013 apenas un 7% da poboación se desenvolvía mellor en galego que en castelán para ler e tan só un 29% se desenvolvía de igual xeito en ambas linguas. Isto déixanos cun 64% da poboación que prefire ler en castelán. Polo tanto, o número de lectores en galego vese moi reducido, e se unha literatura carece de receptores rómpese a comunicación e, polo tanto, a normalidade desta.

Por último, cabe citar que unha literatura que comezou a normalizarse tarde como é a nosa, é lóxico que teña ausencias e, dada a actual situación do galego, se esta segue empeorando, a literatura non alcanzará nunca o prestixio que debería ter. Isto ben nolo menciona o escritor galego Luís Rei Núñez.

En conclusión, literatura galega é sinónimo de literatura non normalizada. Ben é certo que hai moitos argumentos a favor que si está normalizada, mais ningún deles ten o suficiente peso para afirmar que isto é verdade. Penso que deberiamos tomar medidas e intentar apreciar a nosa literatura, xa que, se non temos unha literatura normalizada perderemos a nosa cultura, e se perdemos iso, que nos queda como galegos?