A culpa non é do galego, senón d@s galeg@s (por Manuela Antonia)

O texto obxecto deste comentario é o artigo de opinión de María Pilar García Negro, publicado no xornal “ La Voz de Galicia”, no cal mostra a súa opinión sobre quen son os responsables da progresiva perda de falantes de galego.
No artigo, exponse que a lingua galega está sufrindo un retroceso de emprego debido a un proceso de españolización, o cal é promovido polas autoridades galegas, as cales deberían defender a lingua tendo en conta que, como se di no texto, existen grazas a ela. Esta perda de falantes obrigou aos gobernantes a dar explicacións, os cales non só desvinculan esta perda dos poderes públicos, senón que llo atribúen á propia sociedade. A nova redución do galego na escola debido á aparición nesta do inglés, dos fondos destinados ás bibliotecas galegas así como á normalización lingüística, mostra como a política oficial obra a favor do español, mentres que contribúe coa desaparición do galego. Culpar, como eles o fan, á poboación deste retroceso é coma se culparamos a unha vítima do seu maltrato. Esta globalización, esta tendencia a eliminar a pluralidade, atenta contra o dereito dunha lingua a ser empregada, tanto pola poboación como polo lugar no que esta xurdiu.
O punto de vista que María Pilar toma, é mencionando unicamente aqueles datos e información que a ela lle interesan, e que deste xeito, testemuñen as súas afirmación. Trátanos de convencer, presentando unas ideas e datos moi claros, de que o goberno e as autoridades son os responsables do retroceso que o galego está a sufrir. Afirma que en ningún momento se podería culpar á poboación, xa que sería como responsabilizar a unha persoa maltratada do seu maltrato. Todo isto faino empregando unha linguaxe plagada de termos cultos, combinando nalgunhas ocasión con expresións de carácter popular, o que dificulta a súa compresión.
Na miña opinión, María Pilar García Negro posúe, en parte, razón. A pesar de todos os danos que está sufrindo o galego, así coma o seu retroceso, dende o goberno ante os datos negativos buscan sempre a parte positiva, aínda que en realidade non a hai. Deste xeito non se adoptan medidas normalizadoras, xa que non o consideran necesario, cando en realidade si que o é. Dicindo que todo vai ben convencen á xente de que a situación do galego non é tan tráxica, á vez que elaboran medidas que fan que o seu emprego se reduza, por exemplo , na escola. Hai que ter en conta que a poboación que emprega o galego, faino porque o aprende una casa, é dicir, porque a familia o emprega. Porén, o castelán aprendese por outros medios: a través da televisión, libros, xornais, cine…así coma na escola, na que cada vez está máis presente. Se os país deixan de falar o galego na casa ( situación cada vez máis común) realmente ese rapaz ou rapaza vai saber manexar o galego? Se na casa lle falan castelán, a televisión está en castelán na súa maior parte e aínda por riba se reduce o galego na escola, ese rapaz será castelanfalante para toda a súa vida, sen necesidade de empregar o galego para nada. Incluso se seus país o deciden, poden facer que o rapaz estude nun colexio no que unicamente se fale castelán. Acaso nestas situación son os rapaces verdadeiramente libres de elixir o seu idioma? Non, xa que ao non ter contacto co galego só saberá falar castelán. Cales son os motivos que levan ás familias a deixar de empregar o galego? Principalmente é debido a moitos dos prexuízos que aínda continúan vixentes. Nesta parte é na que eu non coincido coa autora do texto, María Pilar, na miña opinión a culpa non é so do goberno, senón tamén da sociedade. Os pais deixan de falarlles castelán aos seus fillos para que non teñan problema na escola á hora de empregar o castelán, ou para evitar que teñan problemas no caso de que algún día teñan que deixar Galiza. Porén , non pensan no galego que os seus avós falaban, os seus país lles ensinaron e que agora lles negan aos seus fillos, rompendo así esa transmisión da lingua e cultura e que colabora coa desaparición de ambas. De acordo, o galego redúcese porque o goberno o está facendo desaparecer de moitos ámbitos públicos, pero tamén é culpa da poboación, por consideralo inútil, inservible, de parvos e incluso por chegar a avergoñarse del. “Mellor que os nosos rapaces falen castelán dende pequenos, non vaia a ser que cando abandonen Galiza e cheguen a España se lles note o acento e pensen que son parvos”. Un exemplo de todo o contrario que me gustaría comentar, é o caso de Cataluña. Os cataláns nunca se avergoñaron do seu idioma, senón que senten orgullo del, de aí a que a maior parte da poboación empregue o catalán. Alí, tamén se atopa presente a “ españolización”, de feito, incluso o goberno chegou a declarar que había que “ españolizar aos cataláns”. Isto é o que os leva ao seu afán de independencia, e a pesar de que non o defendo, entendo que en parte o fan para protexer a súa cultura. Se en Galiza a sociedade no lugar de deixarse someter a estes ataques en contra do galego, dera a cara por el, probablemente non se atoparía na actual situación. Porque ese goberno que pretende acabar coa lingua non está posto pola forza. A sociedade galega elixe a un goberno que quere acabar coa súa cultura, de quen é realmente a culpa? Hai moitas outras opción para gobernar, as cales si defenden a lingua e critican as medidas que se están a tomar. Polo tanto, o futuro do galego non está só nas mans do goberno, está nas mans de todos.

A culpa é do galego por existir (por Pilar García Negro)

A intensificación de falsías de groso calibre verbo da lingua galega está chegando a limites dificilmente superábeis. A realidade empírica xa é dato abondo alarmante do retroceso de uso do galego, por un proceso de españolización elefantiásico que non ten nada de natural e si ten todo de imposto á mantenta, por mil vías e coa servil cumplicidade das autoridades galegas que deberan defendelo, e que existen, entre outras realidades específicas, mesmamente porque existe a lingua galega. Os números facilitados polo Instituto Galego de Estatística obrigaron a gobernantes, representantes institucionais e opinantes varios a se pronunciaren ao respeito. Facer comentario de texto destas declaracións sobardaría o espazo deste artigo e tampouco tería máis valor que o de constatar como o tema do galego sobra, isto é, como o desexábel é que non se turbe a pax romana, ou sexa, a que garante a hexemonía omnímoda do español e a que coloca o galego na crítica situación de sobrevivencia apurada na súa terra e na súa sociedade, nunha perenne carreira de obstáculos para poder ser usado con normalidade, a normalidade que non se discute nunca para o idioma oficial do Estado.
Só me vou referir a dous aspectos reveladores da inversión brutal da realidade que realizan algunhas análises lidas e ouvidas. En primeiro lugar, a suspensión da responsabilidade dos poderes públicos, como se a deriva negativa do galego se debese á propria sociedade. Se así fose, ¿a conto de que se declara o galego a «lingua propia» da Galiza no Estatuto de 1981, se promulga unha Lei de Normalización Lingüística en 1983, se fundan unha radio e unha televisión públicas en 1984 ou se destinan fondos para «potenciar», «fomentar» ou «promover» o galego?
Que estes fondos se usasen con prevaricación flagrante para destinos que non teñen nada a ver coa normalización do seu uso é elocuente de como a política oficial obrou a prol do reforzo do español e en detrimento do galego.
En 4 anos as escolas galegas triplicaron as aulas en inglés: nova expulsión do galego do sistema escolar. As bibliotecas galegas sofreron unha mingua do 76,4 % na súa partida orzamentaria, co que os libros e materiais en galego fican residualizados. No próximo exercicio, a rebaixa de diñeiro público destinado teoricamente á lingua galega é de 339.000 euros. É tan descarada, en fin, a política da Xunta en contra do galego que estas cifras declinantes do seu uso merecerían celebración pola súa parte. Obxectivo conseguido.
Ora, onde a perversión é maiúscula é na atribución a quen usa e defende o galego dos males que padece. Lingua é uso da lingua: axioma clásico da sociolingüística. Culpar aos que usan o galego do seu declive equivale mutatis mutandis a responsabilizar ás maltratadas das ofensas ou da violación padecidas.
A globalización e a súa terminal, a españolización, atentan directamente contra un dereito humano básico: a práctica social e pública do galego na terra onde naceu e na sociedade que o usa e é lexítimo que o recupere.

AUTORA: María Pilar García Negro

FONTE: La voz de Galicia. 21 de diciembre de 2014