Hai futuro para o galego ? (por Irene Fernández)

Dicía Castelao que ‘’se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma’’, e é verdade, pois que é un galego sen a lingua? Estamos sendo as testemuñas dun proceso de desgaleguización da sociedade de Galicia, situación que, de seguir así, non tende mellorar. Na miña máis sincera opinión, creo que o galego non ten futuro, xa que as novas xeracións cada vez falan menos a nosa lingua, e xa que é nosa deberiámola utilizar, para min esta situación pódese exemplificar cun neno que ten un xoguete co que nunca xoga, pero cando ven outro rapaz e llo colle, enfádase porque o xoguete é seu e non o presta; aos cinco minutos deixará de xogar con el.

Segundo unha estatística do 2013 elaborada polo IGE, algo máis de dous millóns de persoas usan habitualmente o galego na súa vida diaria, parecen datos positivos, pero se observamos a comparativa entre o 2003, 2008 e 2013 percibimos que tal vez non sexan tan bos.

Sorpréndeme que o responsable de política lingüística, Valentín García, diga que “o futuro do galego está asegurado; non está en perigo de extinción”, xa que os datos recollidos mostran un mañá para o galego ben diferente. Volvendo á proxección fai unhas semanas do documental ‘’Linguas Cruzadas’’, mencionar a conclusión que saquei de que a mocidade galega non fala galego porque non cre que sexa necesario, pero en cambio, ‘’bótanlle piropos’’ á lingua, é dicir, aplauden ás persoas que falan galego, un feito realmente chocante, xa que eles son castelán-falantes dentro da propia Galicia que non fan nada por cambialo. Para que mencionar isto? Pois para explicar a miña postura á afirmación realizada por Valentín García.

Estou moi de acordo con Marcos Maceira, que defende que a situación da lingua é mala, está á vista dos ollos de calquera, e que está excluída de practicamente todos os espazos. Nesa entrevista vin reflectida a miña posición sobre este tema. O historiador pronunciou o seguinte: ‘’se conseguimos que a sociedade se active máis e se implique na defensa dunha necesidade fundamental para existencia digna de calquera pobo como é a lingua, o galego ten moito futuro por diante’’; totalmente de acordo, xa que é posible que o futuro do galego sexa unha realidade, pero só se cada cidadán de Galicia se implica nesa loita.

Penso que esta situación pódese definir ca seguinte afirmación sobre a que estiven reflexionando: se unha lingua non ten falantes, está condenada á morte. Todos eses prexuízos xerados ao longo da historia están desembocando en consecuencias, pois toda esta polémica sobre se hai ou non futuro para o galego nace diso.

Para concluír aclarar a miña postura sobre este tema: penso que o galego ten futuro se toda a sociedade galega se implica en facelo posible, pero se a situación da lingua sigue a tendencia actual, podemos augurar un futuro moi negro para a nosa lingua. Finalmente, retomar o exemplo do rapaz e o xoguete do comezo deste texto, quizais debería xogar co obxecto máis habitualmente e compartilo co outro neno.

PARA SABER MÁIS: Comentario á tira cómica de Davila en Cartaxeométrica

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *