O IES Félix Muriel contra a violencia machista (por Irene Fernández)

Despois de traballar ao longo da semana pasada de distintas maneiras o tema da violencia machista, con charlas ou actividades na clase, co lema “SEMPRE VIVAS, SEMPRE LIBRES’’, os alumnos e alumnas de 1º de bacharelato do IES Félix Muriel de Rianxo, celebrarán un acto no centro o vindeiro luns 27, no que participará toda a comunidade educativa, co obxectivo de rexeitar a violencia contra a muller, ademais de concienciar aos benxamíns do instituto.

Para implicar a comunidade educativa nas reivindicacións do 25 de novembro, día internacional para a eliminación da violencia contra a muller, o alumnado de 1º de Bacharelato participou o pasado venres no acto institucional celebrado na casa do concello, no marco da campaña Rianxo en negro, ante a presenza da corporación municipal, das persoas que demandan a construción dun centro de día e tamén da veciñanza que alí se achegou. Alí deron lectura ao manifesto creado por eles e titulado “As fillas dos días”, en referencia á obra “Los hijos de los días”, escrita por Eduardo Galeano.

A través do acto programado para o luns, darán voz ás corenta e cinco mulleres asasinadas no 2017 a mans das súas parellas ou ex-parellas, seguindo un esquema inspirado no autor uruguaio mencionado anteriormente. O acto desenvolverase diante dun mural, creado polo alumnado de Debuxo Artístico de 2º de Bacharelato, para lembrar o número de mulleres asasinadas desde que existen estatísticas. Nel será pintado o número 911. Os asistentes veranse rodeados de roupa cedida polo alumnado e o profesorado, rachada e simulando estar ensanguentada, en memoria de todas as mulleres asasinadas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *