Hai futuro para o galego? (por Sara Tubío Rial)

Que será do galego no futuro? Esta cuestión preocupa a gran parte da poboación galega. Hai quen di que a situación do galego atópase nas mans dos galegofalantes, fálase da falta de sensibilización pola nosa lingua e a perda da nosa identidade; outras persoas afirman que non, que é o propio Goberno o encargado de defender a lingua e o seu uso mais opino que, en realidade, é responsabilidade de todos, de entre todos abrir camiños e utilizalo cada vez máis e en máis ámbitos.

Tal e como declara o xornal “Praza”: Os falantes habituais de galego pasan de achegarse ao 60% a non acadar nin o 45% en tan só dez anos o que implicaría que os galegos se preocupan cada vez menos polo seu idioma e segundo estas estatísticas pronto perderemos a nosa lingua e con ela gran parte da nosa identidade. Miguel R. Penas comenta que “O que é evidente é que entre os máis novos, sobre todo nas cidades, a porcentaxe de uso do galego é ínfima e habería que ver a calidade dos usos desa xente moza que se di galegofalante…”.

Resulta obvio que a base para que o galego perdure non só se atopa nos falantes senón no propio Goberno autonómico, pois, e cito textualmente as palabras de Xosé Luís Regueira: se a propia Xunta desprestixia o idioma, reduce ou limita o seu uso na escola ou non esixe aos funcionarios que o teñan que saber, para que se vai esforzar a xente? Pois si, o galego atópase amparado baixo diversas leis da nosa comunidade como a de Normalización Lingüística mais a realidade é moi diferente por exemplo á hora de empregar desde o Goberno autonómico o galego nos actos e documentos relevantes tal e como di o escritor Carlos Callón “Non  hai maior defensa da nosa lingua que usala” e así é, as institucións xogan un papel fundamental.

Hai quen pensa xusto o contrario, coma o Secretario Xeral de Política Lingüística quen afirma que o galego non se atopa en perigo de extinción xa que ten máis de 100.000 falantes soamente en Vigo e a súa área metropolitana e a Unesco considera que unha lingua está en perigo de extinción cando ten menos dese número de falantes na súa totalidade. Ademais Valentín afirma que o galego é moito máis prestixioso que fai 50 anos e mesmo chegou a ámbitos nos que antes era impensable como a sanidade e a xustiza. Así mesmo, estanse levando acabo moitas iniciativas de fomento do galego en numerosos ámbitos coma no mundo empresarial; na etiquetaxe de produtos en galego; ou o programa APEGO, que fomenta o uso do galego como lingua materna entre os nenos de 0 a 6 anos e recibiu o Premio da Cultura Galega 2017, entre outros.

Chegados a este punto podo afirmar que o galego ten un futuro incerto xa que a influencia do segundo idioma máis falado do mundo, o castelán, na nosa sociedade é moi forte. Mais na actualidade aínda hai poboacións nas que a maioría das persoas usan o galego como lingua materna pero se non, todos o entenden, escoitan, len… ademais hai en marcha diversas medidas normalizadoras desde as institucións do goberno e plans e proxectos desde distintos ámbitos da nosa sociedade que, na miña opinión, conseguirán que pouco a pouco a situación do galego mellore e evitarán que caia en desuso.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *