Hai futuro para o galego? (por Juan Ordóñez)

O futuro do galego non é un tema novo. Lévase falando del durante anos, mais hoxe vou expoñer as razóns polas cales afirmo que esta lingua non ten futuro.

O meu primeiro argumento serán as estatísticas. No período comprendido entre 2001 e 2011 os galegofalantes reducíronse aproximadamente un 15%, ata o punto de que menos da metade da poboación xa non usa o galego sempre. Ademais, este idioma é a lingua preferente na infancia de só un 35%  segundo unha enquisa de 2010, e outra do ano anterior di que é lingua inicial de apenas un quinto dos nenos. Segundo estes datos dedúcese que en próximas décadas o emprego do galego reducirase incluso máis, pois as novas xeracións terán incluso menos galegofalantes.

O segundo argumento fará mención aos gobernantes da nosa comunidade, dos cales o mesmo secretario xeral de política lingüística, Valentín García, afirma que o galego ten o futuro asegurado escudándose en que ao ter máis de 100.000 falantes a UNESCO non a considera en perigo. Cóntanos tamén que tomando medidas dabondo  para impulsar o noso idioma, aínda que atendendo aos datos vistos antes non dá esa sensación.

Como derradeiro argumento farei mención aos prexuízos. Un dos máis estendidos é que o galego só o falan nacionalistas, o cal séntalle mal á xente que ten outras ideoloxías, pois dise negativamente e fai que se asocie a lingua galega con partidos políticos deste tipo. Hai máis prexuízos como que o galego é empregado polos criminais. Este último é estendido polos medios de comunicación, con titulares que din de dous ladróns que  “hablaban gallego”, máis a culpa non é só deles, pois a policía que lles proporciona esa información xa emprega este tipo de expresións.

É por estes motivos e por outros tantos máis polos cales podemos deducir que se a situación en Galicia non cambia a nosa lingua propia desaparecerá en cuestión duns poucos séculos. Para evitalo será necesario que os gobernantes da nosa terra cambien a súa mentalidade, eliminar os prexuízos da sociedade e reverter a perda de falantes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *