CIENCIAS OU LETRAS? (por Paula Cambeses)

A lectura do texto sobre ecolingüística de Teresa Moure deixounos varias reflexións pendentes, entre as que se atopa a seguinte: na sociedade actual establécese unha clara diferenciación entre as letras e as ciencias. Dende cuarto da ESO obrígaselles aos estudantes a elixir entre estas dúas opcións. Pero, existe realmente esta división? Eu penso que non, explicarei a miña postura a continuación.

Antes de nada, cómpre citar cando se produce dita separación. Ata ben chegada a Ilustración, os considerados sabios eran aqueles que compaxinaban ambos coñecementos. Un exemplo claro é Leonardo da Vinci que destacou tanto na arte como na investigación e na ciencia. Co paso da tempo, estas ramas foron separándose cada vez máis ata alcanzar os nosos días, no que pertencer a un destes itinerarios é unha xustificación válida para poder ser ignorante nalgunhas materias. Por exemplo: as persoas de letras indican que non teñen que saber matemáticas e as de ciencias non prestan atención á gramática. Con todo, ambas materias son independentes e deberían relacionarse como o fixeron sempre no pasado, creando, desta forma, a interdisciplinariedade da que falaba Teresa Moure.

Esta necesidade de unión obsérvase facilmente no ámbito da historia, porque, habitualmente, precisa incluír factores científicos. Non sería posible entender o fin da Segunda Guerra Mundial sen ser consciente dos efectos da bomba atómica, nin explicar a Idade Moderna sen mencionar a Revolución Científica.

E é que como ben dixo o escritor Sánchez Ron é imposible falar de cultura sen falar de cultura científica. El mesmo afirma que Cervantes e Shakespeare deberían colocarse ao lado de Darwin e Galileo.

Saíndose do ámbito histórico, tamén no mundo da lingüística precísanse coñecementos científicos como afirma Teresa Moure. Ademais, do mesmo xeito, que as letras necesitan das ciencias, isto tamén ocorre ao revés: a bioloxía e a química están repletas de palabras latinas e as matemáticas empregan abundantemente o alfabeto grego para expresarse. Ademais, cando esta última materia apareceu, estaba unida á filosofía.

Con todo, esta cuestión vai máis alá como proban a existencia dun montón de relatos, contos, novelas, películas ou obras de teatro que falan de factores científicos (inventos, matemáticos, químicos…). Así vemos como ambos elementos se combinan facéndonos ignorar as súas diferenzas.

Reflexionando sobre todo o anterior, a división letras vs. ciencias paréceme inadmisible, unha persoa non é culta por saber moito do Quixote ou estudar física cuántica. O ideal é compaxinar ambos elementos porque basicamente a súa separación corresponde a unha nimiedade cuxo límite nin sequera está claro.

Fontes:

El periódico

Cuantos y cuerdas blog

Trafegando ronseis blog

El país

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *