Existe realmente unha diferenciación entre o estudo das Ciencias e das Letras? (por Victoria Pereira)

No actual Sistema Educativo, prodúcese, chegado certo nivel na Secundaria, a obrigación de decidir que rama de estudos se vai cursar, separándose completamente ás Ciencias das Humanidades, coñecidas como Letras, e presentándose como disciplinas e materias completamente diferentes, que achegarán ao estudante a “saídas” ou carreiras futuras opostas e incompatibles, véndose obrigado o indivíduo a tomar unha decisión de forma moi temperá que o apartará totalmente das materias da rama oposta, de maneira que non lle é posible cursar Latín e Matemáticas, por exemplo, debendo decantarse por unha delas.

É, acaso, incompatible ter coñecemento de ambos campos? Porque un estudante non pode cultivar a súa educación naquelas materias que lle interesen pola simple razón de que o sistema as considera incompatibles? Acaso un científico de prestixio non pode desexar e non precisa dun maior coñecemento da lingua, unha mellor maneira de expresarse e un nivel básico de historia? E porqué un interesado no estudo da literatura debe esquecer completamente a bioloxía e as matemáticas se sente interese e atracción por elas? Por non falar, daquelas carreiras nas que é útil un coñecemento de materias de ambas ramas, sendo imposible que o alumno alcance esa dobre preparación, pois para un estudante de Dereito, será útil ter coñecementos de Latín, dada a importancia do Dereito Romano na xustiza actual e a gran presenza da lingua nese mundo, pero tamén precisa de certas nocións de Economía, asignaturas consideradas pertencentes a campos de estudo apartados.

Realmente, esta separación das ramas de Ciencias e de Letras é causada polos prexuízos estendidos nos últimos tempos, que incluso medran cos anos, que incapacitan a un estudante de Humanidades para interesarse polos coñecementos científicos, por ser considerado menos intelixente e adicado a disciplinas inútiles, sinxelas e que só cursa para conseguir un título de forma máis fácil e rápida, e que identifica a un compañeiro do itinerario tecnolóxico e científico como unha persoa máis seria, organizada e capaz, que estuda materias realmente útiles que o levarán a algunha parte, moito máis complexas.

Por suposto, este estereotipo é falso, pero moi estendido, de forma que acaba por condicionar as eleccións e intereses dos estudantes, ao non decantarse polas humanidades temendo que os identifiquen como malos estudantes ou non elixir as ciencias por pensar que lles será máis sinxelo acabar o Bacharelato polo itinerario contrario.

Ademais, trátase dunha separación relativamente recente, que procede do desenvolvemento industrial e tecnolóxico do último século que primou o avance das ciencias como medio para o avance da sociedade e a industria, pois os grandes intelectuais da Historia da humanidade, como poden ser Leonardo da Vinci ou Diderot, eran grandes escritores, cultos e con coñecemento de literatura, filosofía e historia, e fixeron, ao mesmo tempo, grandes descubrimentos no campo científico de igual maneira. No caso de terse interesado só por un destes campos, se só cultivaran o estudo científico ou literario, non terían chegado a ser personaxes tan brillantes na rama escollida, pois o coñecemento dunha non só non prexudica o nivel de achegamento á outra, senón que contribúe a ter unha maior cultura, unha maior cantidade de coñecementos que pode empregar ou precisar nas súas investigacións e unha maior capacidade en xeral. O feito de non abandonar nin as Letras nin as Ciencias, permitiulle a ambos intelectuais abarcar máis coñecemento e información, ser mellores, pois non é precisa a especialización nun marco concreto, abandonando os restantes, para ser unha gran personalidade do mesmo.

A separación de Letras e Ciencias é artificial por completo, pois non existe unha barreira real, clara e preestablecida que divida os estudos e materias, unha diferenza tan grande como para ter clara a separación, senón que somos nós, as persoas, obstinadas, as que desexamos marcalo todo e dividilo, etiquetar as materias completamente nun campo ou outro, cando realmente a idea dunha materia 100% científica ou 100% humanística non é real en case a totalidade dos casos. En resume, a barreira que separa e clasifica aos estudantes, materias e estudos, é completamente artificial e prexudicial, pois obriga ás persoas a renunciar a alcanzar nocións variadas de campos diversos, a escoller, e declara incompatibles materias que non o son, limitando e reducindo o coñecemento humano, poñendo muros e barreiras ao seu avance.

Save

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *