O Reino de Galiza (por Victoria Pereira)

Nestes documentais, gravados e emitidos pola TVG, preséntasenos a historia do Reino de Galiza, dende o seu nacementos como reino suevo no S.V ata a súa desaparición no S.XIX, tras diluírse o seu prestixio nas Coroas de León e de Castela, e centrándose nos séculos nos que o Reino de Galiza foi referente cultural e literario e a súa lingua a de prestixio, a máis recoñecida na Península Ibérica. Trátase dunha resposta á historiografía oficial española, que substituíu o nome do Reino de Galiza polo de Reino de Asturias ou de León e que cambiou nun grado importante a realidade da Idade Media na versión oficial por simples razóns ideolóxicas e políticas, sen unha explicación histórica, ignorando a importancia de Galiza durante séculos e o seu esplendor.
Galiza ten unha primeira fase, na Idade Media de gran importancia política, literaria e cultural, tratándose dun Reino grande, configurado ademais de polo Norte de Portugal e Galiza, polas actuais Asturias e Castela e León, tras o nomeamento de Afonso VII como rei, que herdaría estes territorios. Prodúcese a separación de Galiza do Condado de Portugal no S.XII, cando o Reino de Galiza entra na súa mellor época literaria, cultural e política. Chegan peregrinos cultos de toda Europa, a hexemonía política do Reino de Galiza a nivel peninsular era innegable e os nobres tiñan gran influencia na Península, polo que o galego-portugués se converte na lingua de prestixio, empregada por todos, polo pobo e polos reis, nobres e clero, para a fala e tamén na escrita, substituíndo ao latín en todos os ámbitos e comezando a escribirse grandes obras nesta lingua. Afonso X o Sabio, rei de Galiza e Castela, compón en galego obras de altísima calidade, como as Cantigas de Santa María, e o nivel literario e importancia galegos son enormes, ata o S.XIX cando desaparece como Reino definitivamente, xa con algúns séculos á sombra de Castela, con máis poder.
Pero entón, se durante cando menos dous séculos, ata a primeira substitución nobiliar que significou o primeiro sometemento a Castela no S.XIV, Galiza foi un Reino próspero, recoñecido e que mantivo o seu título ata o 1833, por que se eliminou da Historia oficial española a súa existencia, véndose nomeado como Reino de Asturias ou León e se eliminou case todo rastro de hexemonía política e cultural? Non é máis que unha estratexia máis para continuar a dominación dos antigos reinos independentes, tratando de ignorar o seu próspero pasado para manter a unidade española e negar o seu prestixio anterior, como igualmente o foi a campaña de desprestixio da lingua e o pobo nas obras casteláns dos Séculos de Ouro. O obxectivo era, e é, silenciar calquera tipo de opinión que evidenciara a curta historia de España como unidade e o esplendor dos reinos antigos que a conforman.
Tamén o historiador Anselmo López Carreira evidencia a política escondida tras a historiografía oficial e reivindica, igual que o fan estes documentais da TVG, o pasado esplendoroso de Galiza, agochado durante séculos. Foi, como el sostén e eu tamén creo, unha estratexia moi efectiva, pois practicamente toda a poboación galega e española, sen contar aos historiadores especializados, descoñece o pasado galego, crendo a versión dos libros de Historia de España sen saber que ata fai relativamente pouco, ata hai dous séculos, existía un Reino de Galiza. A súa substitución mediante unha división en provincias, imposta por Castela, propiciou a centralización ao tratarse de departamentos sen pasado común nin carga histórica. Isto xunto co relato histórico manipulado, é unha estratexia para evitar a evidencia dunha España sen pasado común nin sentimento de nación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *