Por que Afonso X escolleu o galego para as Cantigas de Santa María? (por Paula Cambeses)

A visualización, na aula, do vídeo acerca da historia de Galiza e da nosa lingua, deixounos o camiño aberto para reflexionar e investigar acerca dunha cuestión interesante e curiosa.

Durante a Idade Media, o galego viviu a súa etapa de máximo esplendor e, neste período, cultiváronse numerosas cantigas, entre as que destacan as de amor, amigo e maldicir. Con todo, a mediados do século XIII, comezaron a compoñerse na corte do rei Afonso X as Cantigas de Santa María escritas en galego-portugués. Por aquel entón, ambos idiomas constituían unha soa lingua. Mais, o feito estraño radica no motivo que levou a este monarca a usar o noso idioma, cando era un indubidable defensor da lingua castelá. El mesmo foi un dos impulsores máis relevantes do castelán e logrou adquirir a súa consideración de idioma cultural. A continuación, móstranse algúns dos motivos que puideron conducir a esta situación.

No vídeo do que falaba anteriormente indícase como característica salientable o gran peso e poder a nivel de cultura da lingua galego-portuguesa, pero, con esta afirmación a pregunta aínda queda incompleta. É certo que a nosa lingua estaba no medio dunha etapa favorable. Non obstante, a nosa prosa medieval é pouco valorada pola maioría do estudosos, que a consideran escasa e pouco importante. G. Tavani pretende explicar este feito polo que recorre a teoría do par lingua-xénero. É dicir, na Idade Media, cada idioma estaba destinado a un xénero concreto. Esta afirmación responde á reflexión xurdida inicialmente: o rei Afonso X, ao igual que os trobadores e xograis da Península Ibérica ou incluso do resto de Europa, decidiu utilizar o galego-portugués debido a que a súa función era ser o medio de expresión do xénero poético. A súa gran musicalidade, xunto con diversas características específicas, facíana o instrumento idóneo para a lírica. Mentres tanto, o castelán xa ía ocupando o resto de usos converténdose na lingua narrativa por excelencia e empregándose nos estudos, na investigación ou no ensino.

Todo isto, fainos reflexionar acerca dun dos prexuízos cara o galego: a consideración, durante moitos anos, da nosa lingua como idioma unicamente válido para a lírica. Esta afirmación, cuxa orixe a atopamos na época medieval, dificultou grandemente o asentamento do galego nos outros xéneros (prosa e teatro) e en diversas funcións da nosa vida que deben cumprir todos os idiomas normalizados. Polo tanto, a asociación de lingua-xénero da Idade Media resultou prexudicial para a nosa lingua creando un dos motivos da súa actual anormalidade.

FONTES:

Marlou literatura

Blog islabahia

Save

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *