O Reino de Galiza (por Victoria Pereira)

Nestes documentais, gravados e emitidos pola TVG, preséntasenos a historia do Reino de Galiza, dende o seu nacementos como reino suevo no S.V ata a súa desaparición no S.XIX, tras diluírse o seu prestixio nas Coroas de León e de Castela, e centrándose nos séculos nos que o Reino de Galiza foi referente cultural e literario e a súa lingua a de prestixio, a máis recoñecida na Península Ibérica. Trátase dunha resposta á historiografía oficial española, que substituíu o nome do Reino de Galiza polo de Reino de Asturias ou de León e que cambiou nun grado importante a realidade da Idade Media na versión oficial por simples razóns ideolóxicas e políticas, sen unha explicación histórica, ignorando a importancia de Galiza durante séculos e o seu esplendor.
Galiza ten unha primeira fase, na Idade Media de gran importancia política, literaria e cultural, tratándose dun Reino grande, configurado ademais de polo Norte de Portugal e Galiza, polas actuais Asturias e Castela e León, tras o nomeamento de Afonso VII como rei, que herdaría estes territorios. Prodúcese a separación de Galiza do Condado de Portugal no S.XII, cando o Reino de Galiza entra na súa mellor época literaria, cultural e política. Chegan peregrinos cultos de toda Europa, a hexemonía política do Reino de Galiza a nivel peninsular era innegable e os nobres tiñan gran influencia na Península, polo que o galego-portugués se converte na lingua de prestixio, empregada por todos, polo pobo e polos reis, nobres e clero, para a fala e tamén na escrita, substituíndo ao latín en todos os ámbitos e comezando a escribirse grandes obras nesta lingua. Afonso X o Sabio, rei de Galiza e Castela, compón en galego obras de altísima calidade, como as Cantigas de Santa María, e o nivel literario e importancia galegos son enormes, ata o S.XIX cando desaparece como Reino definitivamente, xa con algúns séculos á sombra de Castela, con máis poder.
Pero entón, se durante cando menos dous séculos, ata a primeira substitución nobiliar que significou o primeiro sometemento a Castela no S.XIV, Galiza foi un Reino próspero, recoñecido e que mantivo o seu título ata o 1833, por que se eliminou da Historia oficial española a súa existencia, véndose nomeado como Reino de Asturias ou León e se eliminou case todo rastro de hexemonía política e cultural? Non é máis que unha estratexia máis para continuar a dominación dos antigos reinos independentes, tratando de ignorar o seu próspero pasado para manter a unidade española e negar o seu prestixio anterior, como igualmente o foi a campaña de desprestixio da lingua e o pobo nas obras casteláns dos Séculos de Ouro. O obxectivo era, e é, silenciar calquera tipo de opinión que evidenciara a curta historia de España como unidade e o esplendor dos reinos antigos que a conforman.
Tamén o historiador Anselmo López Carreira evidencia a política escondida tras a historiografía oficial e reivindica, igual que o fan estes documentais da TVG, o pasado esplendoroso de Galiza, agochado durante séculos. Foi, como el sostén e eu tamén creo, unha estratexia moi efectiva, pois practicamente toda a poboación galega e española, sen contar aos historiadores especializados, descoñece o pasado galego, crendo a versión dos libros de Historia de España sen saber que ata fai relativamente pouco, ata hai dous séculos, existía un Reino de Galiza. A súa substitución mediante unha división en provincias, imposta por Castela, propiciou a centralización ao tratarse de departamentos sen pasado común nin carga histórica. Isto xunto co relato histórico manipulado, é unha estratexia para evitar a evidencia dunha España sen pasado común nin sentimento de nación.

Afonso X, impulsor do castelán e poeta en galego-portugués (por Laura Romero)

Un dos maiores paradoxos da historia da nosa lingua é o feito de que Afonso X o Sabio, o monarca que lle deu o impulso ao castelán para converterse na lingua oficial do territorio español, escribise as cantigas de Santa María en galego.

O reinado de Afonso X, no século XIII, representa un fito na evolución da lingua castelá e da súa literatura posto que foi este monarca o que impulsou a utilización desta lingua na administración e da cultura laica do Reino de Castela, Galiza e León, de forma que a maioría dos documentos oficias pasaron a estar en castelán desprazando así o latín, a utilizada para estas labores até aquel momento. Tan só se escribían en latín os documentos destinados a outros reinos, posto que esta seguía a ser a lingua internacional naquela época. Desta forma ao adoptar o castelán como lingua oficial por riba do latín, a chancelaría castelá, que na Idade Media se entendía como o órgano destinado a rexistrar, expedir y selar los documentos reais, adiantouse á dos demais reinos da Península Ibérica e tamén á inglesa e francesa.

A razón pola que o rei Afonso X elixiu o castelán como lingua do ámbito xurídico e administrativo do seu reino é que xa dende mediados do século XII Castela era o reino con mais peso demográfico, con maior extensión territorial e cun maior poder económico.

Aínda así, este monarca, o mesmo que fixo traducir e producir multitude de obras en castelán, escribiu unha das obras cumes da literatura galego-portuguesa. A razón pola que escribiu esta grandiosa obra nun idioma que logo non ía a defender nin impulsar é que naquel momento o galego-portugués era a lingua obrigada nas cortes peninsulares para o cultivo do xénero lírico. Así, Afonso X considerou que o galego, pola musicalidade e os seus trazos específicos era a lingua máis adecuada para escribir estas cantigas.

Así, a pesar de que o rei Afonso X o Sabio sería o que lle dese o impulso ao castelán para converterse na lingua oficial por riba das demais da Península Ibérica, considerou que o galego, ao ser a lingua utilizada na lírica daquel momento, era o idioma adecuado para as Cantigas de Santa María.

Save

Por que Afonso X escolleu o galego para as Cantigas de Santa María? (por Paula Cambeses)

A visualización, na aula, do vídeo acerca da historia de Galiza e da nosa lingua, deixounos o camiño aberto para reflexionar e investigar acerca dunha cuestión interesante e curiosa.

Durante a Idade Media, o galego viviu a súa etapa de máximo esplendor e, neste período, cultiváronse numerosas cantigas, entre as que destacan as de amor, amigo e maldicir. Con todo, a mediados do século XIII, comezaron a compoñerse na corte do rei Afonso X as Cantigas de Santa María escritas en galego-portugués. Por aquel entón, ambos idiomas constituían unha soa lingua. Mais, o feito estraño radica no motivo que levou a este monarca a usar o noso idioma, cando era un indubidable defensor da lingua castelá. El mesmo foi un dos impulsores máis relevantes do castelán e logrou adquirir a súa consideración de idioma cultural. A continuación, móstranse algúns dos motivos que puideron conducir a esta situación.

No vídeo do que falaba anteriormente indícase como característica salientable o gran peso e poder a nivel de cultura da lingua galego-portuguesa, pero, con esta afirmación a pregunta aínda queda incompleta. É certo que a nosa lingua estaba no medio dunha etapa favorable. Non obstante, a nosa prosa medieval é pouco valorada pola maioría do estudosos, que a consideran escasa e pouco importante. G. Tavani pretende explicar este feito polo que recorre a teoría do par lingua-xénero. É dicir, na Idade Media, cada idioma estaba destinado a un xénero concreto. Esta afirmación responde á reflexión xurdida inicialmente: o rei Afonso X, ao igual que os trobadores e xograis da Península Ibérica ou incluso do resto de Europa, decidiu utilizar o galego-portugués debido a que a súa función era ser o medio de expresión do xénero poético. A súa gran musicalidade, xunto con diversas características específicas, facíana o instrumento idóneo para a lírica. Mentres tanto, o castelán xa ía ocupando o resto de usos converténdose na lingua narrativa por excelencia e empregándose nos estudos, na investigación ou no ensino.

Todo isto, fainos reflexionar acerca dun dos prexuízos cara o galego: a consideración, durante moitos anos, da nosa lingua como idioma unicamente válido para a lírica. Esta afirmación, cuxa orixe a atopamos na época medieval, dificultou grandemente o asentamento do galego nos outros xéneros (prosa e teatro) e en diversas funcións da nosa vida que deben cumprir todos os idiomas normalizados. Polo tanto, a asociación de lingua-xénero da Idade Media resultou prexudicial para a nosa lingua creando un dos motivos da súa actual anormalidade.

FONTES:

Marlou literatura

Blog islabahia

Save