Hai futuro para o galego? (por Coral Romero)

Moitas persoas que levan toda a vida falando galego comezan agora a falar castelán, segundo din, para teren un futuro, xa que co galego pensan que non se vai a ningures. Non son partidaria da postura que defenden estas persoas, posto que para min o galego é unha lingua tan importante como o castelán, aínda que en moitos ámbitos se atope desprezada.

Segundo o informe do Instituto Galego de Estatística, as novas xeracións falan cada vez menos en lingua galega, quedando relegado o seu uso para as xeracións máis vellas. A situación sociolingüística en Galicia está marcada pola diglosia resultante dun proceso histórico de substitución do galego polo castelán. Podemos apreciar que nin o galego nin o castelán rematan de convivir en harmonía nunha mesma zona, debido a que o castelán acostuma a superpoñerse ao galego en todos os ámbitos (social, educativo, político…). Como consecuencia disto podemos observar como, co paso dos anos, aumenta o número de falantes en castelán e como resultado diso diminúe notablemente o número de galegofalantes, asociándoos, polo xeral, con persoas do monte, e considerándoos, polo tanto, persoas de baixo nivel cultural. Pola contra, o castelán asóciase frecuentemente con persoas de “alto nivel”, como por exemplo médicos, avogados…, feitos que se converte nun dos motivos polo que moitas persoas senten vergoña á hora de falaren na súa lingua nai e prefiren pasarse ao castelán.

Dende o meu punto de vista, temos moita sorte de ter unha lingua propia, polo que deberíamos facer todo o posible por conservala. A medida que vou medrando tamén vou observando como moitas persoas galegofalantes pasan de súpeto a falar castelán por diversos motivos, como serían o traballo que desempeñan ou unha cuestión meramente de moda. Por outra banda, tamén opino que moita xente non se molesta en aprender a falar galego debido a que considera o normativo como algo antinatural, e o feito de que cada certo tempo se cambie a súa normativa inflúe en que moitas veces poñas en dúbida se o que aprendestes está ben ou mal. Pero o galego vai máis alá da normativa, xa que, segundo as diferentes zonas, podemos apreciar diversas variedades dialectais (como serían o seseo ou a gheada) que enriquecen a nosa lingua. Persoalmente creo que, da mesma maneira que moitas persoas envexan non saber falar castelán (é moi triste ver xente que presume de falar castelán cando, en realidade, o emprega pragado de calcos do galego), tamén hai casteláns falantes que envexan non seren quen de falar na verdadeira lingua da súa terra. En conclusión, na miña sincera opinión, dá igual o que falemos mentres nos entendamos, pero por moito que unha persoa me fale castelán, eu (se me entende) seguireille falando en galego, posto que é a lingua que empreguei dende sempre, e creo que ningunha persoa debería ter prexuízos á hora de usala, xa que é igual de importante que o castelán, ou incluso pode que máis, porque para chegar ao que é hoxe en día tivo que enfrontarse a moitos obstáculos. Por todos estes motivos opino que debemos facer todo o posible para mantela e incrementar o número de falantes todo o posible, posto que se a vamos relegando a un segundo plano rematará desaparecendo, da mesma maneira que xa desapareceron outras linguas con anterioridade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *