Hai futuro para o galego? (Por Victoria Pereira)

A situación do galego en Galicia é bastante crítica, como expresan as enquisas coa diminución de galegofalantes e o aumento dos que declaran que “non entenden ou saben pouco” esta lingua, polo que se non se toman medidas urxentes para evitar a desaparición do galego, este acabará por extinguirse en poucas décadas.

Aínda que a porcentaxe de falantes de galego supera (por pouco) aos de castelán-falantes, o que máis debería preocuparnos non é o número de falantes en si, senón a situación diglósica existente en Galicia, que relega o galego aos ámbitos persoal e privado, lonxe das institucións, sendo o castelán a lingua elixida para as administracións, medios de comunicación e, cada vez máis, na educación. Desta forma, o galego empeza a ser rexeitado pola maioría, sobre todo entre as xeracións máis novas, quen, ante os prexuízos que asocian o galego coas persoas pouco educadas (precisamente debido a esa relegación) e ante a situación de mellor consideración do castelán pola sociedade galega, optan por esta lingua para comunicarse, lonxe de sentir o galego como lingua propia.

É precisamente ese baixo uso do galego entre menores de 30 anos o máis significativo para o futuro da lingua: se as xeracións que son o futuro de Galicia non empregan e rexeitan o galego, está claro que non existe un futuro positivo ou alentador para a lingua.

A pesar disto, aínda non está todo perdido e pódese evitar a desaparición do galego ou a marxinación deste a ámbitos contados, mediante campañas para prestixiar o galego, loitando contra prexuízos e impulsando o seu uso na educación, institucións públicas e medios. Se os poderosos empregan o galego, acabarase en gran medida a base do conflito lingüistico, pois moitos falantes deixarán de crer nos prexuízos e de rexeitar o galego.

En conclusión, se se desata unha reacción en cadea que consiga frear a substitución lingüística, poderase lograr, pouco a pouco e de forma progresiva, aumentar as cifras de galegofalantes e evitar a situación diglósica, xa que é necesario que toda ou gran parte da sociedade galega se esforce na recuperación do galego, pois doutra maneira non se logrará o obxectivo: un futuro para a lingua.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *