Hai futuro para o galego? (por PAula Cambeses)

Tras a visualización do documental Linguas Cruzadas e o debate realizado na clase, o futuro para o galego, se seguimos no mesmo rumbo, antóllaseme difícil. Desaparecerá a lingua propia de Galiza?

Varios argumentos importantes para defender dita tese son os seguinte: gran parte da xuventude actual dá mostras de manter vivos abundantes prexuízos contra a nosa lingua. Exemplos disto son as protestas cara o galego normativo (“o galego normativo é moi artificioso”) ou as diversas afirmacións que apelan a unha imposición do idioma (“Que cadaquén fale no que lle peta. Liberdade! Non imposición!”). Esta falta de conciencia lingüística provoca que a visión da nosa lingua sexa pexorativa.

Se a isto lle unimos a presunta “inutilidade” do galego, a situación empeora. Xa non é so que a mocidade non precise usar a lingua propia de Galiza, senón que esta por si soa non lle basta para vivir nunha cidade galega.

Este aspecto é, en gran medida, responsable da redución de falantes habituais de galego nos últimos anos. Ata fai ben pouco, o galego era unha lingua minorizada, pero non minoritaria. Con todo, as últimas enquisas do IGE revelan que isto xa non é así, feito que é preocupante debido a que un idioma vive e nútrese das persoas que o empregan no seu día a día.

En Galiza, vivimos unha clara situación de diglosia xa que o galego, a lingua propia, considérase inferior e queda restrinxida a ámbitos rurais e humanísticos sendo substituída polo castelán nas funcións máis prestixiosas e formais. E nesta situación, é moi difícil que un idioma sexa capaz de seguir adiante.

En conclusión, eu considero que se non buscamos unha rápida solución, o galego e quizais as outras linguas minorizadas desaparecerán e todos nós pasaremos a usar as linguas con maior poder económico como o inglés ou o castelán. E para evitar isto, necesitamos unha solución, que debe vir da man dos políticos!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *