24 de Febreiro, Día de Rosalía

A AELG propón, para celebrar o Día de Rosalía, o envío masivo e simultáneo dun verso de Rosalía desde os terminais móbiles do alumnado e do profesorado dos centros, baixo a etiqueta #mobilizarosalía. O verso, do poema IV de Cantares gallegos (parte da estrofa 13) é o seguinte:

Trocando en sonrisas

queixiñas e choros

Cantarte hei, Galicia,
teus dulces cantares,
que así mo pediron
na beira do mare.
Cantarte hei, Galicia,
na lengua gallega,
consolo dos males,
alivio das penas.
Mimosa, soave,
sentida, queixosa,
encanta  si ríe,
conmove si chora.
Cal ela ningunha
tan dose que cante
soidades amargas,
sospiros amantes,
misterios da tarde,
murmuxos da noite:
cantarte hei, Galicia,
na beira das fontes.
Que así mo pediron,
que así mo mandaron,
que cante e que cante
na lengua que eu falo.
Que así mo mandaron,
que así mo dixeron…
Xa canto, meniñas.
Coidá, que comenzo.
Con dulce alegría,
con brando compás,
ó pe das ondiñas
que veñen e van.
Dios santo premita
que aquestes cantares
de alivio vos sirvan
nos vosos pesares;
de amabre consolo,
de soave contento
cal fartan de dichas
compridos deseios.
De noite, de día,
na aurora, na sera,
oiresme cantando
por montes e veigas.
Quen queira me chame,
quen queira me obriga;
cantar, cantareille
de noite e de día.
Por darlle contento,
por darlle consolo,
trocando en sonrisas
queixiñas e choros.
Buscaime, rapazas,
velliñas, mociños.
Buscaime antre os robres.
Buscaime antre os millos,
nas portas dos ricos,
nas portas dos probes,
que aquestes cantares
a todos responden.
A todos, que á Virxen
axuda pedín,
porque vos console
no voso sufrir;
nos vosos tormentos,
nos vosos pesares.
Coidá, que comenso…
Meniñas, ¡Dios diante!

21 de febreiro Día da Lingua Nai

Hai un ano celebramos no noso IES este día co hastag #RianxoFalaNaLinguaNai. Este ano queremos celebralo metendo mensaxes nunha botella pola lingua galega. Porque ante a realidade que nos rodea e a proxección de futuro que sinalan as estatísticas, @s galegofalantes sentímonos náufragos, abandonad@s nunha illa deserta, e precisamos, seguindo o exemplo de Manuel María, sementar de flores ese deserto.

Animámosvos a introducir a vosa mensaxe pola lingua nunha botella e pendurala na rede. Podedes facelo fisicamente, pendurando a vosa botella na rede do instituto ou virtualmente, tuiteando a vosa mensaxe e engadindo os hastags: #mensaxenunhabotellaparaalinguagalega, #21febreirodiadalinguanai e #enliesfelixmuriel

Esta é a miña…

aminhalinguaqueronatuaboca. IgorLugris

 

 

 

 

 

 


 

A derradeira persoa que falou galego: Serás ti? Será alguén a quen coñezas?

O 21 de febreiro é o Día da lingua materna, proclamado pola Unesco hai 16 anos para reivindicar a diversidade lingüística e o dereito á lingua propia. Escolleuse a data por coincidir co día en que unha multitude de falantes bengalís foi tiroteada pola policía paquistaní, cando se manifestaban pacificamente polos seus dereitos lingüísticos. Lingua materna foi a nomenclatura oficial elixida para este Día internacional e trátase dun termo estendido na maioría das linguas occidentais –mother tongue, langue maternelle, lengua materna, llegua matter, ama-hizkuntza, mutiersprache etc. –, desde hai máis de 500 anos (hai documentación do termo langue maternelle no século XIV). Non obstante, é unha denominación que está sendo substituída por expresións como lingua inicial ou lingua primeira, xa que os expertos entenden que “lingua materna” pode ter connotacións sexistas ao lle atribuír o papel exclusivo da transmisión lingüística á nai e tamén porque pode resultar ambiguo en sociedades plurilingües.

Que é a lingua inicial ou materna? 

É aquela á que o individuo está exposto desde o nacemento, a lingua que primeiro adquire, habitualmente no seo da familia. A súa característica máis salientable é que se aprende espontaneamente na interacción cotiá, a través da conversa.

Que está a pasar coa nosa? 

Nas dúas últimas décadas, a porcentaxe de monolingües iniciais en galego descendeu máis de vinte puntos porcentuais, en tanto que aumentou o número de bilingües e monolingües en castelán. En 2013, hai case trescentas mil persoas menos que aprenden a falar en galego ca dez anos antes, mentres o número de galegos bilingües iniciais aumentaba en case douscentos trinta mil.

PARA SABER MÁIS: PORTAL DAS PALABRAS