Foi algunha vez o galego unha lingua normal? (por Fran Hernández)

Antigamente, nos lugares onde xurdiron as linguas románicas, a lingua oficial e literaria era o latín, pero, alá polo século XII o galego pasa a ser a lingua escrita da Gallaecia, usábana para a documentación privada como testamentos, nos papeis dos concellos e da igrexa… Pero a lingua internacional seguÍa a ser o latín xa que se utilizaba para as comunicacións entre os reinos.

Nese momento o galego era unha lingua valorada literariamente, falábaa todo o pobo polo que estaba normalizada, aínda que se usase o latín como actualmente se fai co inglés que, aínda que non é a mais falada, é a máis universal, por chamalo dalgunha maneira.

A pesar da situación ben distinta na que se atopa hoxe o galego, loitando por volver a ser normal, manteño unha postura a favor de que convivan dúas linguas polo feito de que en todos os territorios onde os seus habitantes son bilingües, estes son moito máis intelixentes e presentan unha mentalidade máis aberta e respectuosa coa multiculturalidade e o plurilingüismo.

Se ben, en contra sosteño que, sempre que conviven dúas linguas, resulta inevitable caer nunha situación de diglosia, é dicir que a lingua propia dese territorio perde prestixio a favor da lingua hexemónica que chegou de fóra, condicionando o futuro da lingua autóctona.

En conclusión, no medioevo, concretamente do século XII en diante, o galego convértese na lingua escrita e a falada polos habitantes do Reino de Galicia. Vivindo unha situación de completa normalidade, que nos leva a crer que a situación actual pódese reverter, pois se unha vez foi normal por que non había volver a selo?.

Eu non son pero… (por María Domínguez)

Poetarras: ” Eu (non) son, pero… ”

Esta canción foi presentada o 19 de Outubro de 2015 da man do grupo musical galego Poetarras, composto por Manuel Gago, Ruben Lino e Daniel Vilaverde.

Nela os tres cantautores denuncian a hipocrisía de moitas persoas que afirman ser o que non son e que, en realidade, están cargadas de prexuízos contra calquera que sexa diferente. Nesta canción falan de temas actuais tales coma o machismo, o racismo e moitos outros, entre eles a política. Empregan a ironía e amosan coas súas letras que non teñen pelos na lingua. Os autores pretenden denunciar as inxustizas actuais e a realidade que se esconde tras frases cotiás ás que non lles damos importancia pero que agochan unha batería de prexuízos comúns entre a pobación.

Coincido con gran parte da letra desta canción, por non dicir con toda, xa que reflexa a realidade actual, resulta case imposible oír a unha persoa admitir o que sente, é dicir, autoproclamarse clasista ou imperialista, se non que se excusan tras frases nas que intentan enganar ao resto da sociedade e a eles mesmos. O sorprendente actualmente é que no S.XXI continua existindo a mentalidade patriarcal xunto con moitas outras ideas que tiñan que ser parte da historia e estar erradicadas, pero avanzamos moi rápido para unhas cousas e de xeito moi lento para outras que posiblemente sexan máis importantes. Esta canción amosa a maioría dos problemas actuais e universais moitas veces ignorados polo cidadán de apé e polas autoridades, xa que se dá por feito que é algo normal. Está nas nosas mans ollar a realidade e enfrontarnos a ela, para cambiar a sociedade e o mundo no que vivimos.

O galego na Idade Media (por María Domínguez)

Na Idade Media o galego era a lingua falada por toda a poboación, esta estaba normalizada e levaba a cabo todas as funcións linguísticas do Reino de Galicia agás a comunicación co Reino de Castela, que se facía en castelán. Ó contrario que actualmente, a lingua galega atópase asoballada polas continuas interferencias lingüísticas do castelán , actual lingua dominante en terras galegas.

Séculos atrás o galego desempeñaba unha función fundamental, era a lingua de cultura na Idade Media, o momento no que a nosa lingua viviu os seus séculos de gloria, mentres que o castelán aínda non soñaba co esplendor co que posteriormente gozaría. O galego era empregado por escritores de toda a Península e acadou o seu máximo esplendor do século XIII ao XIV. Ao contrario que hoxe en día, que moitas persoas consideran que por estar escrito en galego todo serve ou que nada vale se non é perfecto, daquela o feito de que unha cantiga estivese en galego era sinónimo de éxito.

Agora en pleno século XXI estamos presentes ante unha marxinación cultural galega e unha despersonalización política, xa que non se ten en consideración a historia de Galiza. Os gobernantes e a maioria dos medios de comunicación falan do galego como se fora a lingua dominante e hexemónica e non precise dun proceso de normalización lingüística.

Na Idade Media a nosa lingua era falada por todas as persoas que habitaban Galiza, agora atopámonos co triste dato de que o galego pese a ser a lingua maioritaria, é unha lingua dominada polo castelán.@s galeg@s temos a gran sorte de sermos bilingües, aproveitémolo e non renegemos da nosa cultura, nin da nosa lingua.

Save

Son mellores unhas linguas que outras? (por UXía Rial)

  Todas as linguas teñen a súa orixe e a súa particular evolución, todas e cada unha delas narran unha historia, é por elas  que conservamos e sabemos hoxe en día parte do noso pasado, fermosas fábulas e contos, que de non ser redactados non coñeceríamos nos tempos actuais debido á pérdida na transmisión oral. Grazas aos idiomas podemos contar as nosas anécdotas a un amigo, pedir axuda cando a necesitamos ou mesmo dar os bos días nunha temida mañá de luns.

Non podo entender á xente que despreza unha lingua, sexa cal sexa, sinceramente cóstame entender os motivos ou razoamentos que poden levar ao rexeitamento dalgún idioma. Cada un ten as súas palabras específicas, esas que non teñen outros, cada un acompaña as persoas dun determinado lugar no seu día a día e transmite as historias dos seus antepasados, por iso, eu pregúntome que fai a un idioma mellor que outro? A miña resposta é que esa pregunta non ten solución posible. Poñamos un exemplo, o francés, o castelán, o italiano, o galego, o catalán… Todas estas linguas proveñen do latín, teñen a mesma orixe. Agora sentemos a un grupo de expertos a razoar sobre cal é a mellor e sinceramente creo que lles daría a risa ante tal pregunta.

Non hai linguas mellores que outras, pero si algunhas que gozan de máis prestixio, non polo idioma en si, senón polo pobo á que pertence, pola fama que se lle atribúe.

Aprendemos inglés dende moi novos na escola, e mesmo antes de entrar nesta, ensínannos que é a lingua que precisamos na nosa vida porque é a que nos axudará a comunicarnos con xente doutros países, aquela que nos axudará a encontrar un traballo no futuro; pero por qué é o inglés e non calquera outra? Que o diferencia das demais linguas? Se fose por xente ca que comunicarnos sería o chinés, incluso o castelán; así que, sendo realistas, estudamos o inglés porque se lle atribúe un prestixio que outras linguas non adquiriron, pois é un idioma que ven dos Estados Unidos, cun forte peso económico e gran prestixio.

Centrándonos en España, podemos ver como o castelán ten un prestixio do que o catalán o galego ou o euskera non gozan. Vivindo en Galiza, vemos a situación de minorizacición, desigualdade, e diglosia que está sufrindo a nosa querida lingua; pero por que sucede isto? Eu considero que pola pouca apertura de mente da que gozan algúns e a ignorancia que posúen moitos outros, xa que o lóxico sería que vivisemos nun mundo no que calquera persoa se vise ilusionada por intentar aprender calquera idioma, porque se coñeces este, acércaste á cultura doutros pobos, e enriquéceste culturalmente.

Todas as linguas son importantes e mentres haxa xente que siga falándoas e queréndoas, gozarán de prestixio e seguirán vivas, conservo a esperanza de que algún  día estes artigos pertenzan a un lonxano pasado.