Modelo de exame (1º trimestre)

BLOQUE 1. CONTIDOS COMÚNS (5 PUNTOS)
TEXTO…

1. Ponlle un novo título ao artigo. [0’5 puntos]
2. Elabora un breve resumo do texto. [1 punto]
3. Explica que quere dicir @ autor/a cando afirma: [0’5 puntos]
4. Redacta un texto expoñendo de maneira argumentada o teu acordo ou desacordo coa idea que sostén … (Extensión aprox. 200-250 palabras) [3 puntos]

BLOQUE 2. LINGUA E TEXTO (2 PUNTOS)
1. Elabora unha definición adecuada dos seguintes termos relacionados cos tipos de textos…

2. Xustifica a que tipo de texto pertence o seguinte…

BLOQUE 3. SOCIOLINGÜÍSTICA E HISTORIA DA LINGUA (3 PUNTOS)
1. Identifica e explica, definíndoo adecuadamente, o concepto de Sociolingüística que se agocha na seguinte viñeta … [1 punto]

2. Elabora un esquema coas etapas de formación do galego, atendendo aos seguintes termos… [1 punto]

3. A través dos seguintes exemplos explica a diferenza entre cultismos, semicultismos e palabras patrimoniais; indicando que teñen en común as linguas románicas. [1 punto]

Criterios de Corrección do Exame

I. CONTIDOS COMÚNS (5 puntos)

1. TÍTULO (0’5 puntos. Até 0’1 por cada apartado)
a. Centrado no asunto do texto
b. Non xenérico
c. Non longo
d. Orixinal (chamativo)
e. Ben construído (corrección gramatical)

2. RESUMO (1 punto. Até 0’2 por cada apartado)
a. Selección das ideas principais.
b. Expresión desas ideas de xeito sintético.
c. Uso das propias palabras (sen fusilar por anacos o texto).
d. Creación dun texto adecuado, cohesionado e coherente.
e. Corrección gramatical e ortográfica.

3. EXPLICACIÓN DUN FRAGMENTO (0’5 puntos. Até 0’1 por cada apartado)
a. Capacidade para comprender o sentido que ten o fragmento no texto.
b. Correcta interpretación do fragmento
c. Capacidade para evitar a repetición de termos ou conceptos que aparecen nese fragmento
d. Corrección gramatical e ortográfica na elaboración da explicación
e. Adecuación, coherecián e cohesión na explicación

4. TEXTO ARGUMENTATIVO (artigo de opinión) (3 puntos. Até 1 punto cada apartado)
a. Respecto pola estrutura:
 Presentación do dilema e posicionamento ante o mesmo (até 0’2)
 Desenvolvemento de polo menos 3 argumentos en 3 parágrafos diferenciados (até 0’6)
 Conclusión e reflexión final que recolla o dito anteriormente (até 0’2)
b. Respecto pola expresión: (até 0’2 cada apartado)
 adecuación
 coherencia
 cohesión
 corrección gramatical
 corrección ortográfica
c. Adecuada construción textual: (até 0’2 cada apartado)
 Presenza como mínimo de 3 argumentos diferenciados
 Información pertinente e necesaria,
 Ausencia de información previsible (clixés, etereotipos, lugares comúns),
 Ausencia de orixinalidade gratuíta.
 Ausencia de repeticións e/ou contradicións
No caso de textos cunha extensión manifestamente menor á solicitada, ao punto de dificultar a súa avaliación consonte os criterios expostos, esta circunstancia dará lugar a unha diminución proporcionada da valoración global da pregunta.

II. ESTUDO DA LINGUA (2 puntos)

5. DEFINICIÓNS (1 punto)
a. Ben elaboradas (os sustantivos defínense iniciando a definición por un sustantivo, os verbos, por un verbo…, e así sucesivamente)
b. Destinadas a explicar, sen necesidade de exemplos
c. Ausencia dunha enumeración de sinónimos
d. Ausencia de algo “chapado” pero non comprendido
e. Adecuadas e correctas gramaticalmente

III. HISTORIA DA LINGUA E SOCIOLINGÜÍSTICA (3 puntos)

6. INTERPRETACIÓN DUNHA VIÑETA (1 punto. Até 0’2 por cada apartado)
a. As explicacións deberán estar relacionadas coa Sociolingüística
b. A interpretación deberá ser o produto dunha reflexión e levar a unha explicación razoada arredor da situación da lingua na sociedade nun momento , nunha etapa ou nun lugar determinado
c. Deberá terse en conta sempre a imaxe dada, servirse dela nas explicacións e non utilizala como pretexto
d. A explicación deberá ser elaborada con adecuación, coherencia e cohesión
e. A explicación deberá ser correcta gramaticamente e ortograficamente

7. ESQUEMA ( 1 punto. Até 0’2 por cada apartado)
a. Expresión de ideas (Non serán tidos en conta anacos fusilados do texto)
b. Ausencia de explicacións
c. Xerarquización das ideas (Non será tida en conta a enumeración das ideas do texto)
d. Ausencia de repeticións
e. Ausencia de información innecesaria

Hai futuro para o galego? (por María Fernández Insua)

Actualmente o galego é unha lingua minorizada, que sofre unha gran desigualdade social e unha forte discriminación lingüística . De seguir así o máis probable é que se converta nunhalingua extinta máis, pero tamén cabe a posibilidade de que non sexa así.
A pesar das duras circunstancias históricas polas que o idioma pasou, sendo marxinado polo castelán, soubo como recuperarse lingüística, cultural e literalmente. Entón, por que non volver a facer o mesmo na sociedade de hoxe reclamando o lugar que se merece?
Hoxe en día as porcentaxes de monolingüismo en galego non son tan críticas como parece, o mesmo que aqueles que empregan tanto o galego como o castelán. Pero séguese perdendo falantes, aínda que isto non significa que non entendan o idioma, ó contrario, a maioría saben lelo e escribilo, posuíndo ademais grandes coñecementos literarios.

Os xóves do século XX, imprescindibles para o desenvolvemento da lingua cara ao futuro, rexeitan o galego por consideralo “pobre” á hora de desenvolverse na sociedade. Por iso optan primeiro polo idioma máis empregado e máis presente nos medios, o castelán, pois este está mellor considerado pola maioría. Isto provoca unha grave substitución lingüística do galego diminuíndo así o seu número de falantes. Xa é un feito que o galego é unha lingua desprestixiada debido á superposición da lingua dominante sobre este, a través do mundo mediático e dos máis poderosos, provocando unha importante presenza da diglosia no momento de empregar a lingua.

Respecto a Galiza, esta é un territorio con dúas linguas cooficiais e, atendedo á economía lingüística, desas dúas só unha pode acadar o posto de maior prestixio, o castelán, mentres que a outra, o galego, a lingua propia, atópase inxusta e incoherentemente no escalón máis baixo.

En conclusión, a situación sociolingüística do idioma depende principalmente da sociedade. Ela é quen decide sobre o seu uso: hai xente que o fala e outra que non quere falalo, xente que o defende pero que aínda así non o emprega, outros que lles gustaría pero que non o fan por medo, por vergonza ou ben porque as circunstancias llo impiden, e logo tamén os hai que non o poden nin ver diante. É dicir, non todos senten a súa lingua como algo propio polo que non senten a necesidade de loitar por ela e iso non se pode cambiar dun día para outro.

Entón, para comezar a conienciar á poboación para empregar o galego máis a miúdo e recuperar parte da súa identidade perdida a través da cultura, hai que mobilizar ás institucións públicas para que usen o idioma, ás autoridades políticas, aquelas que están continuamente en contacto co pobo, a ao resto dos ámbitos da sociedade, xa que así, todos xuntos e deixando a un lado os prexuízos e dogmas, o galego sen ningunha dúbida pervivirá nun futuro moi lonxano. Pero para conseguir isto é esencial a vontade de todos.

Defensa apaixonada e razoada das linguas minorizadas (por Yaiza Otero)

Gustaríame saber que persoa ten o poder, o criterio para decidir que unha lingua é de primeira ou de segunda. De verdade cremos que hai linguas superiores a outras? Que patrón seguimos para clasificalas, o número de falantes? Que nos gusten máis ou menos? Que a falemos ou non?
Desprezar unha lingua, sexa polo motivo que sexa, é desprezar unha cultura, un pobo. Ningunha lingua é superior a outra. Hai linguas que teñen máis falantes e linguas que teñen menos, pero non porque unha sexa mellor que a outra, en absoluto. Que unha lingua sexa minoritaria non implica que mereza menos repecto que unha maioritaria.
E xa que se mencionan os termos, habería que recalcar que moita xente confunde “minoritaria” con “minorizada”. Non é o mesmo unha lingua con poucos falantes que unha lingua que é desprestixiada polos seus falantes por diversos motivos. Que unha lingua sexa minorizada, como o galego, non implica que sexa minoritaria. Galego, vasco e catalán son linguas minorizadas polos seus falantes, que consideran lingua de prestixio o castelán. Quere dicir isto que o castelán é mellor que o galego? Non, nin moito menos. Estas catro linguas son igual de respectables, ningunha delas é mellor ou peor.
Non só as debemos respectar, senón tamén protexer. Como? Falándoas. Porque se non as falamos, se non as protexemos, se non loitamos por conservalas, perderémolas e con elas a nosa cultura, a nosa historia, a nosa identidade. A lingua forma parte de nós. Que sería dun pobo sen a lingua?
Como galega e galegofalante que son síntome orgullosa da miña lingua, forma parte de min, comunícome grazas a ela. Unha lingua que, en perigo de extinción precisa de protección. É unha pena que haxa xente que se avergonce da súa lingua porque outros (incultos na miña opinión) critícana por algún motivo absurdo do estilo de “é unha lingua de paletos” ou “hai que falar a lingua do Estado” ou, a máis paradóxica, “temos que falar linguas de prestixio, as que teñen maior número de falantes, como o inglés”. Paradóxica esta última afirmación porque sempre que a escoito é por boca de algunha persoa que non fala inglés nin ten intención de facelo, mesmo a teño oído de persoas que non teñen nin idea deste idioma. A onde quero chegar é ao feito de que ningunha lingua é mellor ca outra, non hai linguas de primeira e segunda clase. Cadaquén ten que estar orgulloso/a da súa lingua. Eu estou orgullosa da miña. Eu vivo en galego!