Hai futuro para o galego? (por Yaiza Otero)

Un dato aterrador é que cada vez desaparecen máis e máis linguas a unha velocidade espeluznante. Linguas que non están amparadas pola lei, linguas que perden falantes por substitución lingüística, etc. Se un pobo non defende a súa lingua, quen a vai defender ? Ninguén. Esta realidade non parece causar ningún efecto a nivel xeral, non importa do modo que o tiña que facer. Se os propios galegos neste caso non se preocupan pola situación de risco na que está o galego, como se van preocupar polo resto de linguas do planeta das cales descoñecen a exitencia da maioría ?
O galego sobreviviu aos Séculos Escuros grazas ao pobo e agora parece que desaparece por culpa do mesmo. Cada vez hai máis galegos monolingües en castelán ou monolingües en galego que prefiren educar aos seus fillos en castelán porque “é unha lingua máis importante”. Prexuízos, estamos cheos de prexuízos e nin nos damos conta. E nin sequera os prexuízos se poñen de acordo, resultan contraditorios.
Mentres uns din que “o galego é de pobres e clases baixas, de xente do monte, bruto”; outros din que “o galego é de culturetas, nacionalistas, de tipos raros e pechados”. As dúas cousas á vez non poden ser, iso está claro.
Pero non acaban aquí os prexuízos, nin moito menos. A maioría van en contra do galego normativo, xa que “o galego normativo é artificial e de nacionalistas” ou “andan a cambiar a normativa seguido”. Sen pensar que a normativa do castelán, por exemplo, tamén é “artificial”, como a de calquera outra lingua, dado que ninguén fala castelán normativo. O galego normativo parece alonxado do galego do pobo porque falamos con moitísimos castelanismos sen darnos conta e, a diferenza da normativa do castelán que xa leva séculos imposta, a do galego é relativamente recente. Até hai ben pouco non tiñamos normativa ningunha. E sobre todo, falar galego normativo non implica ser nacionalista, senón coñecer a normativa.
Outra queixa sen motivo é que “o galego é unha lingua imposta”. Onde? A lingua non se pode impoñer no seu propio territorio e fóra de Galiza non se impón en ningures. E, xa que imos fóra de Galiza, onde “non entenden o galego”, destacar que na comunidade do Bierzo falan en galego e piden educación en galego. Ademáis, o galego é intercomprensible oralmente e por escrito co portugués, que non só se fala en Brasil e Portugal.
É un feito que o galego é unha lingua minorizada, pero algúns confunden minorizada con minoritaria (cousa que, polo número de falantes do galego está claro que non é) e apóianse nisto para dicir que “mellor falar en español ou mellor aínda en inglés”. A este prexuízo acompáñao o de que “é de mala educación falar en galego se che falan español”. É de mala educación se se fai fóra de Galiza, nun lugar onde nin falen nin entendan o galego, pero non se se utiliza o idioma propio de Galiza no seu territorio, a pesar de que a outra persoa non o faga. Demasiados prexuízos para unha soa lingua!
A raíz de tanto prexuízo, xorde a diglosia. É dicir, cambiar o código(a lingua) en determinadas situacións. Aínda sendo monolingüe en galego, moita xente escribe os documentos oficiais en castelán, por exemplo. Pero a diglosia non acaba aquí, pois hai xente que cambia o galego polo castelán para cousas tan simples como ligar ou comprar nunha tenda de cidade. Como se fosen parecer máis interesantes por saber falar a lingua que obrigatoriamente nos ensinan nos colexios. Esta xente non sente verdadeiro aprecio pola nosa lingua e isto presenta unha cuestión: Pódese ser galego sen falar galego ?
Para min non, a lingua forma parte da esencia dun pobo, da súa cultura. Galiza sen o galego é unha comunidade autónoma como outra calquera. Alguén que naza en Galiza é galego ao igual que se nace en Extremadura é extremeño. Pero non me refiro a iso, senón ao sentimento de ser galego, á identidade, iso é o que non pode conseguir alguén que fale castelán. Este sentimento non só pertence ás persoas nacidas en Galiza senón tamén a todas aquelas persoas que falen galego porque se senten galegos xa que teñen respecto e amor pola lingua. O ano pasado lin un artigo dun alemán, nado en Alemaña, que era galego; ou, polo menos, así é como el se sentía usando a lingua que el calificaba como “lingua de amor”.
O galego non está plenamente normalizado en Galiza. Poñer os libros de texto en galego foi un paso, pero non a solución ao problema. E nin sequera temos todos os libros de texto en galego, só o 33%. Por isto fan falla os Equipos de Normalización Lingüística, para loitar pola normalización con proxectos e ideas.
Como conclusión, na miña opinión,hai futuro para o galego? Depende. Todo depende dos galegos e galegas, nas súas mans está impedir que desapareza o galego e loitar pola nosa lingua, a nosa cultura e a nosa identidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *