Existiu ou non o Reino de Galiza? E se existiu, por que foi borrado da Historia de España? (por Antía Carou)

Despois de buscar información en internet puiden observar que a existencia do Reino de Galiza é un tema envolto nunha gran discusión, con persoas que apoiana súa existencia e persoas que non cren que existira. Pero logo de lelas e de ver as curtas sobre o reino de Galiza, cheguei a conclusión de que as razóns que mostran as persoas que opinan que si que houbo reino son máis lóxicas cas das persoas que opinan que non.
Poderíase dicir que o Reino de Galiza foi o primeiro reino de Europa Occidental, creado polos suevos no ano 410. Durante esta época reinaron Hemerico, Requila, Requiario… e cando abandonaron este territorio o Reino de Galiza reorganizouse, desprazando a súa capital de Braga a León, e establecéndose como principal reino da Península Ibérica.
Nesta época, comezos da Idade Media, o Reino de Galiza era o territorio máis rico cultural e lingüisticamente. A lingua galega era utilizada por todos os habitantes de Galiza e non había unha situación diglósica, coma agora, senón que a lingua e literatura galega tiñan un gran prestixio en toda a Península. Como mostra disto están as cantigas, que se escribían en galego e que tiveron unha gran importancia cultural.
Que fora un territorio con tanta cultura debeuse en parte ao Camiño de Santiago, xa que grazas a el entraron en Galiza outras civilizacións que axudaron a convertela nun dos lugares con máis interese cultural da época. Ao chegar a Santiago as persoas encontrábanse ca catedral, un dos edificios relixiosos máis impoñentes da Europa Occidental.
Con todo isto demóstrase que que o Reino de Galiza tivo moita importancia no transcurso da Idade Media, entón porque non aparece nos libros de historia nin nos mapas da Península? Cal é o motivo da desaparición?
O Reino de Galiza deixou de existir na Idade Media, cando María Cristina o eliminou para poder facerse co control de toda a Península. Esta medida, da que aínda quedan restos nos nosos días, pretendía que todo o territorio falara castelán e que a única cultura utilizada fora a cristiá, polo que non había cabida para outras culturas ou linguas. Isto levou a que a maioría dos historiadores españois non incluirán o Reino de Galiza non seus estudos, maioritariamente por unha cuestión política e non histórica.
En conclusión, creo que a parte da proba irrefutable de que hai uns reis enterrados na catedral de Santiago hai tamén outras probas que demostran que o Reino de Galiza si que existiu, xa que un territorio tan grande culturalmente e lingüisticamente non puido estar anexionado a outro máis pequeno. Por outra banda tamén penso que esta grandeza cultural foi a que levou aos reis da Idade Media a querer eliminar o reino de Galiza, ao igual que fixeron con al-Ándalus, e non como fixeron cos demais reinos da Península. Con isto quero dicir que hai unha gran diferenza entre os demais reinos medievais e o Reino de Galiza, xa que os outros reinos foron anexionados á Coroa de Castela pero continuaron estando na historia, en cambio o Reino de Galiza ,aparte de desaparecer politicamente na Idade Media, desapareceu dos mapas e da historia medieval de España.

Existiu o Reino de Galiza? (por Aldara Muíños)

Logo de ver varios documentais e unha presentación sobre o reino de Galiza chegamos a preguntarnos se existiu de verdade este reino e de ser así, porque non aparece na historia española.

Para min é obvio que o Reino de Galiza existiu porque conservamos numerosos testemuñas históricas da autonomía e importancia do Reino de Galiza na Idade Media e tamén o prestixio da literatura en lingua galega en toda Europa fai ver que existiu de verdade durante a Idade Media.

A primeira proba que conservamos da existencia deste reino é do 411, ano no que se creou o Reino suevo de Galiza (do que formaba parte tamén León) sendo así o primeiro Reino cristián da Península Ibérica. Despois este reino pasaría a formar parte da monarquía visigoda pero non perdería a súa autonomía.
Destas datas conservamos un mapamundi do ano 946 onde se pode observar o nome de Gallaecia nunha das esquinas do mapa e separado o nome de España, indicando así que eran reinos separados e independentes. O mesmo atopamos noutro mapamundi (do Beato do Burgo de Osma) datado no ano 1086, co nome de Gallaecia ocupando todo noroeste da Península. Moitos mapas estranxeiros desta época inclúen o Reino de Galiza, porque fóra non se dubida da súa existencia.
Outra proba que temos da existencia do Reino de Galiza atopámola a comezos do século IX, cando o mesmo se enfronta a Navarra pola conquista dos territorios de Castela, o que verifica que Galiza foi un reino independente de Castela antes de que fose conquistado.

A parte das fontes históricas conservamos textos que poñen de manifesto a importancia do galego na Idade Media, sendo á vez lingua dos reis e lingua do pobo, xa que era unha lingua normalizada en todos os ámbitos que lle corresponden a unha lingua propia. Un exemplo disto pode ser como Afonso VI, rei de Galiza e León chora a morte do seu fillo en galego, a súa lingua. Tamén na literatura encontramos probas do gran prestixio co que contaba o galego, as cantigas trobadorescas de amor, de amigo, de escarnio, escribíanse en galego e era a lingua usada para estas composicións tamén fora do Reino de Galiza.
Máis probas de que existiu este Reino: os restos dos últimos reis galegos están enterrados no Panteón Real da catedral de Santiago de Compostela, por que teríamos un Panteón REAL se nunca existiu o Reino de Galiza? Ademais, ata 1833, Galiza tiña a consideración de reino, e foi nese ano cando María Cristina de Borbón eliminaba o título de Reino, dividía o territorio nas catro provincias que hai hoxe e Galiza pasaba a depender de Castela, despois de ser un reino. E non un reino calquera, se non un dos máis importantes da Península Ibérica durante catorce séculos.
Con tantos argumentos paréceme imposible que se poida pensar que o reino de Galiza non existiu, ou como din moitos que seguramente non investigaron na historia de Galiza, que é unha invención dos nacionalistas galegos. Para min o problema reside en que na historia española este reino foi esquecido porque foi asoballado polo afán de unidade dos reis de Castela. Soterrouse toda a historia do Reino de Galiza baixo unha represión da lingua e cultura galegas, negando a existencia deste reino independente e facendo burla dos seus habitantes na literatura do Século de Ouro castelán que , “curiosamente”, coincide cos Séculos Escuros da literatura galega. Ademais diso, por que nas clases de Historia falamos do reino nazarí de Granada, do Reino de Aragón, de Navarra… pero non mencionamos o Reino de Galiza en ningún momento. Isto a que se debe? Igual se debe a que España necesitou negar a existencia do Reino de Galicia para ser unha nación histórica, centralizada en Castela e para non admitir que non foi nin o único nin o primeiro reino da Península Ibérica.

Cientificamente, hai futuro para o galego? (por Lois Fungueiriño)

No debate sobre o futuro da lingua galega as opinións son dispares. As posicións van dende o realismo, ata o optimismo. Por exemplo:
-Xosé Ramón Gómez Besteiro : O futuro do galego, máis garantizado con Fraga que con Feijóo. (2014)
-Xesús Alonso Montero: Logrouse que a substitución do galego polo castelán sexa menor. (2013)

En 2005 os físicos Jorge Mira e Ángel Paredes diseñaron un modelo matemático que lle poñía data á fin do galego: en torno a 2100.

Porén uns anos despois (2011) o mesmo físico, Jorge Mira, esta vez coa axuda do matemático Juan J. Nieto e o físico Luis Seoane, recolleron os parámetros fundamentais para a supervivencia dunha lingua: as diferenzas entre as dúas linguas (galego e castelán) e o prestixio socioeconómico de cada unha. O resultado demostra que neste momento atopamonos no punto máximo do bilingüismo e, segundo o que se faga nos próximos anos, podemos condenar o galego ou facer estable no tempo o actual bilingüismo.

Este resultado deixa no aire unha pregunta moi clara: que se está facendo polo galego e que se vai facer por el nos próximos anos?
-A pesar de que o 40% de pais das cidades galegas escolleu o galego para a educación infantil dos seus fillos, menos do 5% das escolas ofrecen esta opción. (2012)
-Desaparece ‘Galicia Hoxe’, o único diario impreso en galego. (2011)

Á vista de publicacións como as anteriores, parece que o que se está a facer non é moito. De feito, as medidas e reformas presentadas para a defensa e conservación do galego foron fortemente criticadas polo Comité de Ministros do Consello de Europa resaltando: “a redución progresiva do ensino en galego en todos os niveis e da súa estrutura de apoio”. Destacan a escasa protección do galego en numerosos ámbitos, criticando a situación na que o decreto do plurilingüismo deixa a lingua no ensino. Mentres, aseguran que o catalán se beneficia dun “excelente apoio” por parte das autoridades locais.

Isto non quere decir que o galego non conte con apoio das autoridades locais ou da poboación galega, pero é un apoio ben estruturado, é suficiente?

Os esforzos para que o catalán sexa un idioma útil e vivo conta cunha vantaxe fundamental: a maior parte da poboación catalana entendeu que o futuro da súa lingua require non utilizar a lingua como bandeira ideolóxica ou partidaria.
Conservar o galego obriga a que a maioría de galegos, ben sexan, votantes o simpatizantes de PP, PSOE, BNG, IU,anarquistas, independentistas… asuman a necesidade de conservar a lingua sen que estea ligada a unha ideoloxía ou partido político.

Creo que só hai futuro para o galego se os galegos queremos. Atopámonos nun punto de inflexión no que todos os galegos, a partir de hoxe, decidiremos coa nosa actitude lingüística no día a día se hai ou non futuro para o galego.

Comentario crítico dos datos do IGE sobre o uso do galego (por Iago Prol)

O IGE( Instituto Galego de Estatística) amosou recentemente os datos acerca do emprego do galego e o castelán en Galiza. Ó comparalos coa última investigación dada ( 2001), xorden dúas interpretacións destes datos recollidos en 2001 e 2011 respectivamente.
En primeiro lugar, os datos de uso do galego en todos os ámbitos decaeu dende o 57% de 2001 ata o 44% en 2011, mais a poboación considerada bilingüe aumentou do 30% en 2001 ata o 45% en 2011 e a poboación que nunca fala galego caeu do 13% de 2001 a o 11% de 2011. De todos estes datos sácanse dúas conclusións que amosan dúas institucións como a Xunta de Galiza e a Mesa ( organización a favor da normalización do galego). A primeira delas (Xunta) amosa que o número de falantes de galego aumentou do xa que, aínda que descendeu o número dos que o falaban sempre, aumentou o dos bilingües, co que quedaría que no 2001 o 87% da poboación falaba galego fronte o 89% do 2011; mentres, a versión da Mesa amosa o descenso de falantes de galego que o falaban sempre, pero sen contar cos bilingües ó consideralos diglósicos, co que o número de falantes de galego pasaría do 57% en 2001 ó 44% en 2011. Ademais disto, o IGE recolleu os datos de uso do galego nas cidades, onde Compostela triunfa cun 44% de poboación galego-falante fronte a Ourense e Lugo (34%), A Coruña (16%), Pontevedra e Vigo (15%) e Ferrol (12%), ademais de amosar que o nivel de comprensión do galego pola poboación (99%) e a capacidade de uso (90’8%).
O autor deste artigo está a favor do punto de vista de Mesa xa que os título “O galego deixa de ser a lingua habitual da maioría da poboación” só tería sentido se escollemos a visualización que a Mesa fai dos datos, xa que nesta o número de galego-falantes é menor do 50% fronte a da Xunta na que non só o número de galego-falantes é maior do 50%, senón que tamén fala dun aumento do número de galego-falantes (87%-89%). É máis, no “resumo” dos datos que aparece despois do segundo parágrafo e no terceiro, amósase en clara desconformidade coa visión da Xunta con frases coma “A poboación descendeu 13 puntos en dez anos, pero a xunta celebra o leve incremento de bilingüismo” ou “Malia a contundencia destes datos dende a Xunta óptase polo optimismo e case pola celebración”.
Ademais, busca a realidade detrás dos prexuízos coma o do uso do castelán nas cidades, onde hai máis xente de fóra, pero na cidade máis “internacional” de Galiza é a cidade onde máis se fala galego mentres que en Ferrol, unha cidade sen gran cantidade de turismo estudiantil ou cultural é onde menos se fala galego e os datos acerca da comprensión do galego (99%) indican que falando castelán enténdeche máis xente, en Galiza non é certo.
Eu estou a favor do punto de opinión do autor e de A Mesa porque cada vez vexo máis xente xove que coñece tanto galego coma castelán pero prefire expresarse en castelán porque os pais ou avós (familiares en xeral) lle inculcan uns valores lingüísticos con moitos prexuízos, e se en dez anos houbo tal descenso de galego-falantes, arredor de 20 anos será unha lingua case extinta se non hai cambios importantes con respecto á política lingüística.

A voltas co Reino de Galiza (por Cinthia Carou)

Despois da proxección do documental “Galego, lingua de reis, lingua de pobo” vexo necesario abordar o tema da existencia do Reino de Galiza. Existiu o reino galego? Se foi así, por que é descoñecido este dato nas escolas e en todo o ámbito educativo?
Para tratar este tema temos que remontarnos ata Os Suevos. Estes foron un pobo asentado en Galiza que ademais formou o primeiro reino de toda Europa Occidental no 410 a.C. En teoría, nos papeis, seguiu vixente como reino ata 1833, levando tempo sen poder político propio. Foi eliminado polos Borbóns, estes eliminaron todos os reinos “politicamente” e “historicamente”.
Algunhas evidencias que corroboraban este dato son principalmente os texto da época, os gravados nas lápidas dos reis, que xa ca súa mera existencia ten que levar consigo a existencia do Reino. Estes reis enterrados en Santiago de Compostela, a maioría, era coñecidos como os reis de Galiza, e algúns deles tamén de León.
Isto último serviu de apoio para aqueles historiadores que se esqueceron de Galiza e que falaron do Reino de Asturias e despois Reino de León e Castela. Esta última explicación histórica non pode ser factible porque seria aceptar a existencia dun pobo marxinal politicamente pero de gran esplendor cultural, sendo un dos reinos principais de Europa tanto pola influencia cultural entre a Provenza e Galiza, como polo camiño de Santiago, que traia consigo o coñecemento de todos os pobos europeos.
Polo que vimos ata agora parece clara a existencia do Reino de Galiza pero entón, porque aparece eliminada da historia, e si aparece o reino de Asturias, cando nunca chegou a ser Reino?
O Reino de Galiza era un reino forte, pero como todo reino medieval, había unha gran desigualdade. As revoltas irmandiñas contra os nobres, foron un caso de inestabilidade política. Esta confrontación estaba apoiada polos Reis Católicos que querían acabar cos nobres galegos e así reinar sen problemas. As revoltas fracasan pero o obxectivo dos Reis de Castela conséguese igual. No momento en que conseguiron o poder adicáronse a minar a cultura galega, substituíndo nobres “autóctonos” por nobres “foráneos”.
Este é o comezo da eliminación da historia de Galiza.
Na actualidade a meirande parte da información que circula, en internet ,nos libros de historia, nos colexios, nas bibliotecas… recollen a existencia do reino de Asturias pero non reino de Galiza e si o fan aseguran que se trata dunha denominación sen importancia. Todo o que camiña cara outra cousa que non sexa o estado-nación español, indivisible, non é aceptada, chámanlle nacionalismo e non só iso senón que leva consigo a etiqueta dos prexuízos polo que está mal visto pola sociedade.
Por exemplo, o escudo español oficial fórmase por varios emblemas de reinos, exactamente por cinco: Reino de Castela, Reino de León, Reino de Aragón, Reino de Navarra e Reino de Granada. Eu pregúntome, onde está o do reino de Galiza? Porque esa parte da historia se eliminou?
En conclusión o reino de Galiza existiu, foi moi importante cultural e politicamente e por iso os Reis Católicos quixeron borralo da historia. Actualmente sigue eliminado debido a política e a ideoloxía, centralista dos grandes partidos, que manteñen ferreamente á xuventude galega enganada, ensinándolle nas escolas a historia que interesa e non a historia real.

Carta de amor á lingua (por Nerea Grela)

Cando era pequena emocionábame o 14 de febreiro, non sei, un día no que todo parece perfecto, no que os problemas ou non che invaden ou che doen menos; pero iso só pasaba cando era pequena. A medida que fun medrando funme dando conta de que o 14 de febreiro non é máis que un mero día comercial no que o Corte Inglés e catro establecementos máis se forran cunhas merdas de artículos que poñen a prezos á altura das nubes e despois estamos en crise, ollo. Aínda que no fondo sofres porque vés a todo o mundo feliz e contento namorados de alguén que lles corresponde e logo estás ti, soa.
Pero ben, eu tamén estou namorada e ese amor éme correspondido, pois ela estivo comigo dende que nacín; grazas a ela podo comunicarme, grazas a ela podo sentir o calor dun aloumiño de alguén, grazas a ela podo bicar, podo falar, podo sentirme querida, podo dar agarimos e recibilos, podo sentir morriña cando estou lonxe da miña terra; podo facer milleiros de cousas, pero algo do máis importante é que podo dicir “quérote” porque ela mo ensinou. Así que aínda que o día de hoxe me pareza unha tontería tamén quero expresar o meu amor a ela, á miña lingua, porque sei que nada nin ninguén ma vai arrincar porque estaríanme arrincando toda a miña vida, xa que ela estivo comigo dende o meu principio e seguirao estando ata o final.
Grazas por ser tan fermosa e tan útil aínda que moitos non teñan empeño en valorarche, quizais é porque es demasiado importante e valiosa e eles demasiado mexericas como para que formes parte das súas vidas, pero na miña sempre serás a máis importante, porque estou namorada de ti, miña querida lingua galega.