Hai futuro para o galego?

Catro semanas de clase, dous debates e a proxección do documental Linguas cruzadas poñen de manifesto que, de seguir así as cousas, non hai futuro para a lingua propia de Galiza (ou Galicia?).
A mocidade galega do século XXI non sente a necesidade de falar galego, pois na sociedade actual ca2013-03-18 18.08.17lquera xove pode desenvolverse sempre en castelán ou mesmo en inglés en todos os ámbitos e lugares polos que se move. A potenciación destas dúas linguas hexemónicas no mundo, español e inglés, leva consigo o abandono de linguas minorizadas como o galego.
Se temos en conta que a comunicación se rexe pola economía da linguaxe, poderemos entender que, nun territorio con dúas linguas oficiais, cada unha das linguas cumprirá funcións sociais distintas: unha, as funcións de prestixio e outra, as funcións baixas. A lingua propia, minorizada, estará condenada a ser substituída pola foránea por ser esta unha lingua de prestixio. Ou, no mellor dos casos, a subsistir como unha reliquia do pasado, folclorizada e ritualizada mediante certos usos institucionais e culturais. Ou, no peor dos casos, a subsistir como lingua de “andar por casa”, de “entre nós”, para as relacións locais e familiares ou como símbolo de identidade. Mais calquera destas maneiras de subsistencia non lle dan vida á lingua, pois a lingua vive na boca dos seus falantes, medrando e enriquecéndose con eles.
Vivimos nun mundo plurilingüe no que a diversidade é a característica máis salientable. O raro é atopar un estado no que só haxa unha lingua. Non respectar esa diversidade lingüística supón destruír a diversidade cultural do planeta e a sabedoría ancestral dos seus pobos, aínda máis, supón destruír a variedade dos pobos que habitan este planeta. Camiñar cara á redución desa variedade é camiñar cara a uniformización cultural, cara a unha única lingua hexemónica, cara a unha única cultura e cara a unha única forma de entender a realidade e de estar no mundo, é dicir, supón camiñar cara ao pensamento único, eliminando aquilo que nos fai diferentes e que nos fai ser o que somos.
DSCN3054 En Galiza levamos vivindo séculos de conflito lingüístico, pois a lingua propia, o galego, veuse desprazada das súas funcións sociais polo castelán, lingua foránea que entrou polo poder na Galiza dos séculos XIV e XV. Desde entón iniciouse un proceso de substitución lingüística dunha lingua por outra. O pobo galego, monolingüe en galego, atraído polo poder, abandonou a súa lingua como un paso previo para ascender socialmente. De aí que tradicionalmente se asociase o galego ás clases populares e ao mundo rural, mentres o castelán ficaba para as clases poderosas e para o mundo urbano.
Hoxe, aínda que segue vivo, ese prexuízo non é a causa da perda alarmante de galego-falantes. O problema é outro, pois calquera mozo ou moza que realizara os seus estudos obrigatorios en Galicia está en condicións de usar oralmente e na escrita a lingua galega e, se non o fai, é por unha destas dúas razóns: ou ben porque non o precisa, porque tamén está en condicións de usar o castelán e a economía da linguaxe obrígao a escoller entre unha e outra; ou ben porque, aínda querendo usar o galego, sendo un falante consciente da situación da lingua propia de Galicia, resúltalle imposible na sociedade actual poder vivir en galego, a non ser que estea disposto a ir sempre contracorrente e a reclamar unha e outra vez os seus dereitos, até o agotamento ou a frustración.
Tal e como nos ensina a Ecoloxía, ao galego pásalle como ao carballo. Se de cada mil plantacións só dez son de carballo e no resto plántase eucalipto, os carballos están, antes ou despois, condenados á desaparición, por moita vontade e afán que poñan no seu coidado os individuos que os plantan. Só se os poderes públicos median, primeiro, formando en conciencia ecolóxica, despois, protexendo, e, finalmente, incentivando as plantacións de carballo, só así, os carballos poderán recuperar os terreos usurpados polos eucaliptos. Só con vontade política pode mudar esta situación, senón non haberá futuro para o galego …nin para os carballos!DATOS POR CONCELLO: Carlos Neira en Praza Pública